Skip to Content

Conferencia sobre a Paz

O Seminario Galego de Educación para a Paz é un proxecto que nace nos anos ’80 da man dun grupo de profesionais preocupados pola falta de materiais sobre a Cultura da Paz en xeral e aspectos máis concretos coma os DD.HH., a solución pacífica de conflitos, a tolerancia ou a interculturalidade. En case tres décadas de traballo ten publicado numerosos estudios que foron merecedores de varios premios a nivel nacional e internacional.

Manuel Dios Diz é o seu presidente e estivo no IES A Xunqueira II para falar co alumnado de 2º de ESO e abordar aspectos que traballan na aula de Educación para a Cidadanía: actitude democrática, convivencia, solución pacífica de conflitos, acoso escolar...

O relatorio tivo dúas partes: unha primeira, de carácter máis xeral, centrouse no concepto de paz, máis aló desta como unha “ausencia de guerra” ou “falta de conflictos”, en palabras de Dios Diz, toda vez que son múltiples as situacións nas que sen chegar a haber un conflito aberto non se pode falar tampouco de paz.

Na exposición saíron nomes coma Pérez Esquivel, José Saramago ou Federico Mayor Zaragoza para reflexionar sobre a paz, a democracia ou as múltiples formas que pode adoptar a violencia: estrutural, encuberta, de xénero, escolar...

Foi precisamente a violencia no eido escolar a que centrou a segunda parte do acto, coa proxección da curtametraxe “X nada”, centrada nun caso real de agresión física a un rapaz por parte dun grupo de compañeiros para logo colgaren o vídeo na internet.  Máis aló da repercusión que pode ter un mal uso das redes sociais, o debate final centrouse no bullying ou acoso escolar. “Non se trata dunha ficción cinematográfica esaxerada senón que recolle un caso real”, o que indica a importancia de implicar non só ao ámbito escolar na educación dos máis novos senón tamén, e sobre todo, aos pais que, na historia narrada no filme non eran quen de controlar a agresividade do seu fillo e, lonxe de remediala, mesmo trataban de xustificala ou suavizala na escea final do xuízo.

Jorge Potel Torres, profesor da materia de Educación para a cidadanía e dereitos humanos do IES A Xunqueira II.

 



page | by Dr. Radut