PRESENTACIÓN DO ALUMNADO NO INICIO DO CURSO ACADÉMICO

O vindeiro Xoves 15 de Setembro dá inicio o curso escolar 2016/2017 e, como vén sendo tradicional, queremos dar a benvida a todos os nosos alumnos e alumnas mediante un breve acto de presentación, o cal terá lugar no Salón de Actos do noso centro, segundo o horario que a continuación se indica. Posteriormente, os titores e titoras asignados a cada grupo acompañarán aos estudantes á súa aula, onde charlarán durante uns minutos cos rapaces, comentándolles aqueles aspectos que consideren oportunos.

AVISO:    Os días das presentacións non funcionará o servizo de transporte escolar.

 


 

LICITACIÓN CAFETERÍA

Premendo aquí pódese consultar a listaxe provisional das propostas de licitación do servizo de cafetería do IES para o curso académico 2016/2017.

LIBROS DE TEXTO: VALES DE AXUDA E FONDO SOLIDARIO

Os alumnos e alumnas que aprobaron todas as materias na convocatoria ordinaria de Xuño e que xa formalizaron a súa matrícula en 2º ESO ou 4º ESO, poden pasar pola Secretaría do centro a recoller os vales de axuda para a adquisición de libros de texto para o curso académico 2016/2017. O resto dos vales serán entregados en Setembro, unha vez realizada a avaliación final extraordinaria.

Por outra banda, a cotinuación aparecen publicadas as listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído no FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO no vindeiro ano académico.

APLICACIÓN ABALARMÓBIL

Coa intención de continuar a integrar as novas tecnoloxías no ámbito educativo, a Xunta de Galicia pon a disposición das familias e dos centros escolares galegos a aplicación abalarMóbil, a cal permite que vostedes consulten a información relativa aos seus fillos e fillas a través do teléfono móvil dende calquera lugar e dun xeito inmediato.

Esta aplicación é totalmente gratuíta e a súa descarga pode ser feita dende Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android).

Deben vostedes ter presente que o teléfono no que descarguen a aplicación ten que ser o móbil que indiquen no impreso de matrícula dos seus fillos ou fillas como número de contacto, mencionando, ademais, no momento de formalizar esta matrícula, que pretenden darse de alta na aplicación ou que xa a teñen habilitada nese mesmo número de teléfono.

 

As familias que descarguen abalarMóbil van poder dispoñer en calquera caso das seguintes informacións:

  • Acceder aos datos persoais.
  • Consultar as cualificacións.
  • Consultar as faltas de asistencia e puntualidade.
  • Consultar as faltas de conduta.
  • Consultar os datos do centro educativo.
  • Consultar os avisos ou notificacións enviadas polo centro educativo.

Dependendo de se o profesorado do alumno ou alumna está, a súa vez, dado de alta como docente no Espazo Abalar e das funcionalidades que desexe habilitar, as familias tamén poderán ter a súa disposición:

  • Xustificar as faltas de asistencia e de puntualidade.
  • Consultar os avisos ou notificacións do profesorado.
  • Consultar as incidencias creadas polo profesorado.
  • Solicitar unha entrevista cun profesor ou profesora.

 No seguinte vídeo explícanse dun xeito moi sinxelo os pasos que vostedes deben seguir para darse de alta na aplicación abalarMóbil e o modo de manexarse dentro dela. A continuación, aparece tamén unha ligazón á guía de abalarMóbil para as familias en formato PDF, que poden descargar, se así o desexan.

 

 

GUÍA abalarMóbil PARA AS FAMILIAS

LISTA DE LIBROS PARA O CURSO 2016/2017

 

Premendo sobre cada nivel, accédese á información relativa aos libros de texto correspondentes ao mesmo para o vindeiro curso académico 2016/2017.

 

1º ESO 2º ESO 3º ESO 4º ESO 1º BAC 2º BAC

PRAZOS PARA AS RECLAMACIÓNS DAS CUALIFICACIÓNS FINAIS (ESO e 1º BAC)

 

O vindeiro luns 27 de Xuño de 2016, ás 10:00 horas, serán entregados os boletíns das cualificacións finais a todo o alumnado de ESO e 1º Bacharelato.

No caso de que exista algún desacordo coa cualficación final outorgada nalgunha materia, estas son as normas e os prazos a ter en conta para realizar algunha reclamación:

  • Despois das aclaracións oportunas co/a profesor/a, se procede, o/a alumno/a (nos casos de maiores de 18 anos) ou o seu representante legal, pai/nai (nos casos de menores de 18 anos), poderán solicitar por escrito (existe un modelo de impreso nas oficinas do centro) a revisión da cualificación no prazo de 2 días lectivos a partir daquel no que se produciu a súa comunicación. Polo tanto, dita solicitude poderá ser presentada ata as 14:00 horas do día 29 de Xuño de 2016.
  • O Departamento correspondente resolverá a reclamación nun prazo máximo de 2 días lectivos, sendo comunicada a resolución ao/á alumno/a ou á súa familia pola Xefatura de Estudos do centro.
  • No caso de persistir o desacordo, o/a alumno/a (nos casos de maiores de 18 anos) ou o seu representante legal, pai/nai (nos casos de menores de 18 anos) poderán solicitar por escrito ao Director do centro (existe un modelo de impreso nas oficinas do centro), no prazo de 2 días lectivos a partir da última comunicación do centro, que eleve a reclamación á Xefatura Territorial.
  • O tempo máximo para a resposta da Xefatura Territorial ás reclamacións de ESO e Bacharelato será de 15 días lectivos.

 

PROCESO DE ADXUDICACIÓN DA CAFETERÍA DO CENTRO

Para dar cumprimento á instrución 4/2016 de 30 de Maio de 2016 para a contratación do servizo de xestión e explotación de cafeterías en centros docentes non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ábrese un prazo para que calquera persoa física ou xurídica, con capacidade de obrar, poida presentar as ofertas oportunas.

O procedemento a seguir, as condicións esixidas e os criterios para a valoración das ofertas recibidas veñen reguladas na citada orde.

Prazo de presentación das ofertas:       DO 22 DE XUÑO AO 10 DE XULLO DE 2016

Lugar de presentación das ofertas:      OFICINA ADMINISTRATIVA DO IES GONZALO TORRENTE BALLESTER

Datos de contacto:

IES GONZALO TORRENTE BALLESTER. Rúa Herminia Fariña, s/n.- 36003. Pontevedra

Teléfono:   886159156

Correo electrónico:   ies.torrente.ballester@edu.xunta.es

Páxina web:   www.edu.xunta.gal/centros/iestorrenteballester

 

Para máis INFORMACIÓN, consultar os documentos que se xuntan a continuación:

LISTAXES DEFINITIVAS DE ADMITIDOS E NON ADMITIDOS. CURSO 2016-17

Premendo nos 2 adxuntos, pódense consultar e descargar os seguintes documentos:

-O documento coa data de publicación das listaxes e o recurso a interpor no seu caso, firmado e selado.

- As listaxes definitivas do proceso de admisión para o curso 2016-17. Nas listaxes figuran tanto os admitidos coma os non admitidos.

 

RESOLUCIÓN BOLSAS DE CONVOCATORIA XERAL

 

Onte publicáronse na páxina  web do Ministerio os listados definitivos de bolseiros da convocatoria xeral do actual curso 2015/16. Pódese acceder dende o seguinte enlace: http://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/becas-ayudas-subvenciones/para-estudiar/bachillerato/becas-generales-no-universitarias.html

 

O  prazo para a presentación de recurso de reposición por parte do alumnado comeza o 10 de maio e finaliza o 9 de xunio de 2016.

 

Un PDF coas listaxes por centros pódese consultar e descargar premendo no adxunto

CUALIFICACIÓNS FINAIS DE 2º DE BACHARELATO. PROCEDEMENTO PARA AS RECLAMACIÓNS

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Inovación Educativa, ven de ditar unha circular pola que se establece o procedemento que compre seguir nas reclamacións das cualificacións outorgadas no segundo curso do bacharelato.

Esta circular pódese consultar e descargar premendo abaixo no adxunto.

 

ACTUALIZACIÓN LISTAXES PROVISIONAIS PROCESO DE ADMISIÓN 2016-17

Premendo nos arquivos adxuntos accédese aos Listaxes Provisionais do Proceso de Admisión para o curso 2016 -17

PROCESO DE ADMISIÓN ALUMNADO 2016-17

Solicitudes de admisión para 1º de E.S.O, 2º de E.S.O e para 1º de Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais

Xa que o número de solicitudes é superior ao de prazas ofertadas, faise necesario presentar a documentació  que xustifique os criterios do baremo.

O prazo de presentación é do 1 ao 12 de abril, ámbos os dous inclusive

Solicitudes de admisión para 3º de E.S.O, 1º de Bacharelato de Ciencias e 2º de Bacharelato

Nestes casos, xa que o número de solicitudes é inferior ao de prazas ofertadas, todas as solicitudes están admitidas e non é necesaria a presentación da documentación acreditativa dos criterios do baremo

 

                                                     Pontevedra a 29 de marzo de 2016 

                                                                   O secretario

                                                             Francisco Pacios Álvarez

 

 

 

 

8 de Marzo. Día Internacional da Muller

DIA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA
É frecuente relacionar á celebración do 8 de marzo, con cuestións ligadas á festividade e á reivindicación de igualdade. Con todo, aínda que ano tras ano esta 
data tende a facerse cada vez máis popular, a súa orixe non resulta tan coñecido.

A Carta das Nacións Unidas, asinada en San Francisco en 1945, foi o primeiro acordo internacional que proclamou que a igualdade dos sexos era un dereito humano fundamental.

A Organización de Nacións Unidas, no ano 1975, estableceu o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller, en honra aos sucesos acaecidos o 8 de marzo de 1857, e dos que xorden dúas versións.

A primeira delas xira ao redor dun tráxico episodio desenvolvido na cidade de Nova York e que terminase coa vida de 129 traballadoras téxtiles.

 

 De acordo a esta versión, durante o transcurso dunha folga convocada como resposta ao despedimento masivo aplicado pola patronal fronte ás denuncias relacionadas coas deplorables condicións de traballo, as traballadoras decidiron encerrarse no establecemento fabril. "Súbitamente" produciuse un voraz incendio que terminou coa vida daquelas mulleres que só reclamaban polos seus dereitos. Ao enterro asistiron máis de 100.000 persoas.

A segunda versión, ligada a investigacións como as da historiadora canadense Renée Côté, o 8 de marzo vincúlase coa realización dunha mobilización de protesta organizada polo gremio de costureras da compañía téxtil de Lower East Side, de Nova York, na que se bregaba por unha xornada laboral de ¡10! horas.

Pero máis aló destas versións, o certo é que a historia do 8 de marzo atópase asociada directamente a cuestións propias da historia do século XX como a Primeira Guerra Mundial, a Revolución Rusa, a loita polo sufraxio feminino, as pugnas entre socialistas e sufraxistas, e o crecente auxe do sindicalismo feminino durante as primeiras décadas, tanto en Europa, como Estados Unidos e Latinoamérica. 

A cor lila con que se identifica este día é porque dese ton era o tecido que estaban facendo as obreiras o día que morreron.

Obradoiro de prensa - A voz do Quinto

O pasado venres día 19 tivemos a ocasión de presentar no Salón de Actos do instituto "A voz do Quinto", o xornal solidario resultante do obradoiro de prensa que este curso organizamos no centro. A el asistiron sete alumnos/as, aínda que inicialmente eran trece, e tiveron a ocasión de aprender cuestións relacionadas co xénero xornalístico e coa educación en valores e para o desenvolvemento. Como monitora desta actividade actuou Carmen Novas, responsable de comunicación para o desenvolvemento de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), organización que xunto con Asemblea de Cooperación pola Paz leva xa varios cursos colaborando co noso centro. "A voz do Quinto" é un pequeno xornal cuxa intención é a de promover valores solidarios e concienciar fronte ás inxustizas. Esta edición inclúe artigos sobre igualdade entre homes e mulleres, a protección animal e ambiental, o comercio xusto, o desenvolvemento dos países do Sur... Os que queirades ler a versión completa do xornal, podedes facelo a través desta ligazón.

 

A memoria das mulleres

Os alumnos de 3º de ESO participaron este curso, baixo a coordinación da profesora Cristina Corral do Departamento de Lingua Castelá, no programa A memoria das mulleres. É esta unha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra, en concreto pola área de Patrimonio Cultural, coa que se pretende crear un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra. Os nosos alumnos recolleron información e fotografías das mulleres de maior idade da súa familia e da súa contorna, material co cal elaboraron unha exposición no centro e que foi remitido posteriormente ás persoas responsables do proxecto no Concello de Pontevedra. Facendo clic neste enlace poderase ver un vídeo sobre o traballo realizado. Ademais, incluímos nesta publicación o blog onde están colgadas todas as entrevistas realizadas (http://mulleresmatriarcas.blogspot.com.es/) e
o enderezo da páxina de Facebook do programa A memoria das mulleres (https://www.facebook.com/amemoriadasmulleres).
 

Representacións teatrais

Dentro da mostra de teatro organizada con motivo do "Ben veñas, maio", dous grupos de teatro do noso instituto van representar cadansúa obra. As actuacións terán lugar o vindeiro xoves 7 de maio. Por unha banda, ás 12.30 horas todos os alumnos de 1º C de ESO, dirixidos pola súa titora Sara Valenzuela, representarán a obra O Entroido, unha adaptación dun texto de Manuel Lourenzo. Por outra banda, ás 18.00 horas o grupo "Os autorizados", formado por alumnos de diferentes cursos, representará a obra Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala. "Os autorizados" son: Adrián López, Alexandre Balea, Celia Martínez, Cristina Rodríguez, Daniel Veiga, Esteban Carballude, Joaquín Méndez, Lucía González, Nara Mahou, Noemia Veiga e Julien F. Courcier (director do grupo). As funcións serán no Teatro Principal de Pontevedra e dende o equipo directivo convidamos a todos os membros da nosa comunidade educativa a asistir a estas actividades.

           
Distribuir contido