PRIMAVERA
No mundo é sempre Primavera. Sempre. Sempre. Por moito que queiran e que intenten prohibila, afogala, asasinala rexurde xoven, pura, inmaculada, inocente, incontíbel, poderosa.
O mundo azul, Venus, Primavera: a primeira luz que nos aluma e lle dá ás cousas transparencia, reconciliando ao home co universo. E que fai que o noso instinto sexa un torrente caudaloso e puro.
A Primavera é Venus. Florentina Flora, loira como o bo trigo candeal, o ouro e o lume do sol nos seus cabelos fermosísimos que nos incendian totalmente cun lume que acaba consumíndonos.
A Primavera é azul: tal os ríos do noso bon país. Como as veas nas que corre -seiva fecundante- o noso sangue abrasado e soerguido que berra, canta, clama ao ceo e pide, sen máis, perpetuarse.
Manuel María (1929-2004)
|
|