Por 365 días de respecto e igualdade.

O IES MARTAGUISELA CELEBRA O DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTBIAQ+ CO FIN DE VISIBILIZAR E NORMALIZAR A DIVERSIDADE NO NOSO CENTRO

O IES Martaguisela adiantou a celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIAQ+,  para o venres, día 16, xa que o 28 a rapazada estará gozando das súas vacacións, ademais de conmemorar o día contra a LGTBIfobia que foi o 17 de maio. Esta efeméride pretende reivindicar os dereitos do colectivo LGTBI e sobre todo visibilizar e normalizar a diversidade afectivo sexual e de xénero que existe no noso centro.

Dende a Asemblea de Igualdade que se reuniu ao longo do curso escolar todos os xoves durante os recreos, como unha das actividades do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, elaboraron un manifesto ao que lle deron lectura as alumnas de 4º ESO Natalia Teresa Brasa Díaz e María Carrillo de la Fuente.

Como non podía ser doutro xeito, a lectura tivo lugar diante do castiñeiro coas pegadas de cores que decorou o alumnado do Bacharelato de Artes.

O que reclamamos, ante todo, é un dereito a ser. Un dereito fundamental a ser nós mesmas. Un dereito a poder desenvolver a nosa vida con liberdade, sen que ninguén nos dane por expresar e vivir a nosa identidade. Un dereito a autodeterminarnos coa plena liberdade de quen fai algo que non perxudica a ninguén”

Natalia Brasa e María Carrillo

Actividades coma esta, son moi necesarias porque os datos revelan que o ano 2022 foi o máis violento na última década para o colectivo LGTBIQA+ como consecuencia do aumento dos discursos de odio que fomentaron as agresións e as violencias en todas as súas formas, alén de estaren amparadas pola lexislación vixente, tal como se recolle na Orde de 20 de maio de 2022 de calendario escolar “De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas.

Deixámosvos máis fotografías da xornada e o manifesto completo.

O IES MARTAGUISELA COMEZA A PREPARAR A CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTBIQA+

Dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, o IES Martaguisela comeza cos preparativos para a celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+ que oficialmente será o 28 de xuño, mais dado que a rapazada xa estará de vacacións, celebrarémolo o vindeiro día 16 de xuño.

O alumnado do Bacharelato de Artes, xunto coa súa profesora Teresa Rodríguez Freire, está a deseñar unha imaxe dun castiñeiro, árbore autóctona galega, cuxas follas son as pegadas da rapazada coas cores representativas do colectivo LGTBIQA+ e que lucirá no patio do IES.

Deixámosvos máis fotografías da xornada.

O ALUMNADO DE 3º ESO DO IES MARTAGUISELA GOZOU DO ENCONTRO LITERARIO CON ANDREA MACEIRAS O DÍA 19 DE MAIO DE 2023

Dentro do Plan Proxecta, Por365 días de respecto e igualdade e Donas de si  en colaboración coa Biblioteca do centro,  e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega levamos a cabo un encontro literario coa escritora Andrea Maceiras que nos veu falar do libro Europa Express que leu o alumnado de 3º ESO durante o primeiro trimestre.

Esta xuntanza tivo lugar o día 19 de maio, para pór en valor o traballo desta magnífica autora.

Foron as alumnas Irma Caccetta Gurriarán e Uxía Fernández Rodríguez de 3º ESO A as encargadas de presentarnos a escritora que dende moi nova sentiu un amor extraordinario polas historias e comezou a escribir para unha destinataria moi especial como era a súa irmá pequena, de aí que se dedicase á literatura infantil e xuvenil. Uxía e Irma destacaron a súa prolífera actividade literaria (Proxecto bolboreta, O segredo do lagarto arnal, Nubes de evolución, Miña querida Sherezade, Volverás golfiño, Conta nove estrelas e O que sei do silencio)  e os diferentes premios acadados (premio Meiga Moira, Premio Jules Verne, Premio Lazarillo, etc). Ademais subliñaron que escribe por todas as cousas que foron, serán ou puideron ter sido, xa que concibe a literatura como unha forma diferente de existencia ou viaxe.

A continuación, a autora comezou a súa intervención cun spín-off (historia paralela) sobre un personaxe da obra para que o alumnado descubrise de quen se trataba. A seguir a rapazada formuloulle varias preguntas sobre a lectura e ao finalizar asinoulles os exemplares que previamente mercaran e mesmo se fotografaron con ela.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos do encontro literario con Andrea Maceiras.

O ALUMNADO DE 2º BAC PARTICIPOU NUNHA CHARLA COA DIVULGADORA CIENTÍFICA TAMARA PAZOS

Dentro do Plan Proxecta, Por 365 días de respecto e igualdade, o día 19 de abril o alumnado de 2º BAC asistiu a unha charla por videoconferencia coa divulgadora científica Tamara Pazos, especializada en neurociencia.

O encontro xirou en torno á temática das adiccións. Nun inicio falouse de diferentes tipos de drogas, das vías de entrada ao organismo e da forma que teñen de chegar ao noso cerebro, así como dos diversos efectos que producen (activadoras, excitantes, depresoras, etc.). 

Analizando dun xeito máis profundo o tema das adiccións, Tamara Pazos explorou como os comportamentos aditivos se manifestan noutras áreas moi presentes na vida moderna: a alimentación, as redes sociais ou os videoxogos. Para explicar o funcionamento neuropsicolóxico das adiccións explicou o papel da dopamina, os mecanismos de recompensa do cerebro (activados por exemplo cos likes das redes sociais) e os distintos circuítos ou rutas cerebrais que están implicadas nos procesos impulsivos (procesamento bottom-up) asociados coas adiccións, e os que pola contra están implicados na toma de decisións consciente e racional (procesamento top-down). En relación a isto último, a charla incluíu diferentes consellos sobre os hábitos que permiten mellorar a atención e a concentración (actividade física, lectura, meditación…) e favorecer a nosa saúde.

Para rematar, a poñente afondou na cuestión de como afectan as circunstancias socioeconómicas e os recursos presentes no noso entorno ao condicionamento dos nosos hábitos e á nosa saúde.

Ao finalizar a charla o alumnado tivo a oportunidade de facerlle preguntas á relatora, nas que concretaron como está configurada a industria dos videoxogos e o entretemento audiovisual, ou como se relacionan co ámbito educativo as distintas rutas cerebrais de procesamento de información.

Foi un encontro moi interesante que non deixou indiferente á rapazada.

 

Deixámosvos algunha fotografía do evento.

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA ACUDIU AO TEATRO LAURO OLMO O MÉRCORES, DÍA 26 DE ABRIL, PARA ASISTIR Á REPRESENTACIÓN TEATRAL CHANGE THE CHANNEL ORGANIZADA POLO CONCELLO DO BARCO DE VALDEORRAS

Todo o alumnado de Secundaria e de Bacharelato do IES Martaguisela, agás o de 1º ESO, acudiu ao Teatro municipal Lauro Olmo na mañá do mércores, día 26 de abril, para gozar en directo dun espectáculo en inglés titulado Change the Channel da compañía Moving On Theatre Company que organizou o Concello do Barco.

A comedia relátanos a historia de Roberta (Bob) que cando se presenta na cadea de televisión HBBC para cubrir o posto de xornalista, descobre que o seu director é unha persoa machista que só lle ofrece traballar no servizo de limpeza pola súa condición de muller.  A cadea televisiva precisa de varios presentadores e un xornalista, pero Harry, o seu director, só quere homes neses postos. Cando Roberta descobre a realidade dos datos de audiencia, sabe que Harry ten un grave problema e precisa da súa axuda e así ela convértese na directora. Grazas á axuda do noso alumnado, o programa chega a ser un éxito de audiencia.

Ao longo da sesión, repasamos as desigualdades de xénero presentes nos medios mais tamén no día a día da sociedade actual e fixo reflexionar sobre as posibles maneiras de mudar o rumbo. Ademais, o alumnado foi quen de practicar a súa destreza oral , sobre todo a comprensión do idioma, mais tamén de expresarse, xa que a actividade foi interactiva e fixo que participasen tanto enriba do escenario como tamén no patio de butacas.

O alumnado pasouno moi ben, especialmente aquel que puido subir ao escenario para mostrar os seus dotes artísticos. Parabéns aos e ás valentes que subiron á escea!O espectáculo foi moi agradable e divertido.

Deixámosvos algunha fotografía do evento.

O ALUMNADO DE 3º ESO E 1º -2º BAC DO IES MARTAGUISELA ASISTIU Á EXTRAORDINARIA REPRESENTACIÓN TEATRAL Redeiras DA ACTRIZ GALEGA, ESTÍBALIZ VEIGA

Nesta ocasión o Salón de Actos do IES Martaguisela foi o escenario sobre o que a actriz galega Estíbaliz Veiga representou a peza de teatro REDEIRA para o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e 3º ESO o pasado luns, día 17 de abril. Esta actividade encádrase dentro do Plan Proxecta 2022-2023: Por 365 días de respecto e igualdadesubvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Entre os obxectivos deste espectáculo teatral didáctico destacan:

  • Reflexionar sobre a violencia sexista como un problema social que nos afecta a todas as persoas e que é necesario combater.
  • Xerar un pensamento crítico, libre de estereotipos sexistas que guíen os nosos actos e configuren as nosas identidades.
  • Promover a pedagoxía do consentimento, do non é non.

Estíbaliz Veiga baixo a dirección de Xosé Leis e da produtora aANTENA presentounos un espectáculo unipersoal onde expuxo os camiños e as fases do Grooming.

 

Tomando como partida esta conduta delituosa de acosos en redes sociais, a actriz incorporou unha sucesión de situacións onde diferentes rapazas foron caendo nas teas de araña de acosadores na rede.

 

Deixámosvos algunhas fotografías de diferentes momentos da representación teatral.

O ALUMNADO DE 4º ESO E 1º BAC DO IES MARTAGUISELA ACUDIU AO TEATRO LAURO OLMO PARA GOZAR DA PELÍCULA: SIMONE, LA MUJER DEL SIGLO

Dentro do Plan Proxecta, 365 días de respecto e igualdade e Donas de si, e seguindo coas actividades de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o alumnado de 4º ESO e 1º BAC do IES MARTAGUISELA acudiu o pasado xoves, día 9 de marzo, ao Teatro Lauro Olmo do concello do Barco de Valdeorras para gozar da película Simone, la mujer del siglo.

Esta película, dirixida polo director Olivier Dahan, relata a vida de Simone Veil, icono irrepetible na loita polos dereitos da muller e europeísta convencida, Simone Veil viviu unha infancia marcada pola traxedia dos campos de concentración de Auschwitz, e pasou á historia grazas á súa loita permanente contra a barbarie e a favor igualdade. Veil impulsou a lei que despenalizou o aborto en Francia en 1972, tras unha longa travesía chea de negociacións e debates ante unha asemblea abrumadoramente masculina. Simone Veil converteuse na primeira muller en ser nomeada ministra en Francia e presidenta do Parlamento Europeo.

 

Deixamos algunha fotografía no Teatro Lauro Olmo.

 

O IES MARTAGUISELA CELEBRA O 8 MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 Dentro do Plan Proxecta, 365 días de respecto e igualdade e Donas de si, e seguindo coas actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o alumnado de 4º ESO do IES MARTAGUISELA participou nos actos que o concello do Barco de Valdeorras organizou.

María Carrillo e Natalia Brasa, dúas alumnas de 4º ESO que tamén participan nas “asembleas pola igualdade” dos xoves no primeiro recreo, foron as encargadas de redactar o manifesto que o propio día 8 de marzo leron no concello e no que se dirixiron a “todas as mulleres traballadoras, fortes, valentes e independentes... pero tamén ás máis vulnerables, ás que precisan axudan,...”

O 8 de marzo é un día para reivindicar a igualdade entre mulleres e homes por iso no manifesto Natalia e María afirman:

“Hoxe erguémonos para loitar por todos eses dereitos. Erguémonos polas mulleres trans, pola mulleres negras, mulleres do colectivo LGBTIQ+, polas que son nenas e polas que xa non o son, polas que están e as que non. Polas nais, polas que abortan, polas meigas, polas amas de casa. Porque todas importamos. Todas valemos. Porque hoxe, é o día da muller. Nin unha máis.”

Deixámosvos o manifesto completo e a audición da súa lectura.

Unha vez lido o manifesto, outras dúas alumnas de 2º BAC do IES Martaguisela e alumnas do Conservatorio Municipal foron as que puxeron música para pechar o acto oficial.

 Deixámosvos un anaco da súa interpretación musical.

Música para conmemorar o 8M:

Durante os recreos do mércores 8 de marzo escoitamos algunhas cancións coas que conmemoramos esta data. Algúns temas que soaron foron os seguintes: “Yo no renuncio” de Rozalén, “Sororidade” do CIM Terras de Iria, “Al pasar la barca” de La Mare, “E ti, só ti” de Sés, “Ella” de Bebe, entre outros.

Lazo humano

Por mor do mal tempo tivemos que adiar para o día seguinte a realización do gran lazo humano pola igualdade. Así o alumnado de 3º ESO B deseñou un lazo xigante no patio e posteriormente diferentes cursos de secundaria puxéronlle cor ao devandito lazo.

 Deixámosvos máis fotografías.

O IES MARTAGUISELA PREPARA A CELEBRACIÓN DO 8 MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 Dentro do Plan Proxecta, 365 días de respecto e igualdade e Donas de si, o alumnado do IES MARTAGUISELA celebra o día 8 de marzo participando durante varias xornadas en diferentes actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller.

 

“Agradécello a unha feminista” 

A semana previa ao 8 de marzo aproveitamos para recordar os avances que trouxo consigo o movemento feminista, tales como a posibilidade de que as mulleres poidan levar pantalóns, o acceso delas á universidade, o sufraxio feminino, a aparición de leis que permiten o divorcio ou a posesións de bens inmobiliarios ás mulleres, etc. Tamén reflexionamos sobre ás melloras que conseguiu o devandito movemento ao mundo dos homes; algunhas das que nomeou o noso alumnado foron, por exemplo, a aparición da educación emocional que libera ao home do seu papel como persoa que non pode mostrar os seus sentimentos. 

A partir destas reflexións o alumnado creou carteis onde resumían os distintos avances que se lograron grazas ao feminismo. Para iso seguimos a iniciativa “Agradécello a unha feminista” creada por School for Feminismo hai uns anos. Con estes carteis decoramos a entrada do noso centro o 8 de marzo. Así de fermoso luciu nas redes sociais:  

https://www.instagram.com/p/CpimF8TLVTI/

 

 Gincana en 2º ESO

O 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, o alumnado de 2º de ESO B realizou na hora de titoría unha gincana que lle permitiu aplicar coñecementos vistos en distintas materias, como Matemáticas, Física e Química, Lingua Castelá e Lingua Galega, Inglés, etc. para resolver as catro probas que lles propuxemos e así poder abrir un cofre do tesouro que contiña un pequeno premio para o grupo que lograse respostar de forma rápida e correcta as distintas probas.

 A partir desta actividades puidemos repasar conceptos relacionados coa igualdade, como o de “sufraxismo”, e tamén recordamos figuras que xa coñecían das distintas materias como Gloria Fuertes, Malala Yousafzai, Hedy Lamarr ou Alexandra Elbakyan, entre outras. Mediante as diferentes probas traballamos a comprensión lectora, pero tamén a capacidade matemática para resolver un problema relacionado con datos sobre a violencia de xénero, o gran problema ao que ten que facer fronte o feminismo actual.

O grupo gañador, formado por tres alumnas: Yolanda García, Alba González e Génesis Villalobos, conseguiu unhas lambetadas como premio, despois de lograr adiviñar todas as pistas e obter o código que abría o cadeado do baúl do tesouro. Parabéns!!

 

           Exposicións orais sobre “heroínas galegas. 3º e 4º ESO

 Durante tres semanas na materia de Lingua Galega, o alumnado de 3º e 4º ESO investigou sobre a vida e o labor profesional de diferentes mulleres que, ao longo da historia foroni silenciadas, mais o seu traballo foi constante, calado e produtivo e cómpre seguir recuperando e pondo en valor, porque é xusto e de xustiza. Partindo dunha listaxe de mulleres galegas o alumnado levou a cabo un traballo de investigación, elaborou presentacións dixitais e expúxollo ao resto de compañeiras e compañeiros.

Deixámosvos algunhas fotografías máis...

O ALUMNADO DE 4º ESO DO IES MARTAGUISELA ASISTIU Á CHARLA SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO NAS RELACIÓNS DE PARELLA NA MOCIDADE

Dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e grazas á Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, seguimos levando a cabo diferentes charlas-obradoiros. O pasado 07 de febreiro foi o alumnado de 4º ESO quen asistiu á charla sobre Violencia de xénero nas relacións de parella na mocidade.

Este obradoiro foi impartido por persoal especializado do Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero de Santiago de Compostela.

Nesta ocasión,  Rosa deulle a oportunidade ao alumnado de descubrir e afondar sobre o que é e o que non é amor, cales son as fases do namoramento para controlar o noso cerebro que, en ocasións, non permite ver a realidade que temos diante, ademais identificou os mitos do amor romántico para tratar de identificalos con intelixencia emocional. En definitiva, deulles pautas para querer ben e fíxolles reflexionar por que é necesario abrir espazos onde nos  cuestionemos e re-aprendamos para aprender a amar dunha forma segura e sa, porque as relacións de parella cando son sas teñen un vínculo que se constrúe coa comprensión da igualdade entre homes e mulleres, o respecto ás diferenzas existentes e a independencia para que ambos tomen libremente decisións segundo as súas motivacións, necesidades e estilos de vida. 

A relatora fixo fincapé en que o amor non é violento, o amor non é violencia. 

Deixámosvos o cartel da actividade e algunhas fotografías de diferentes momentos da charla.

Fai clic aquí ou na imaxe para ver máis fotografías do Obradoiro.

Powered by Drupal - Design by artinet