O ALUMNADO DE 3º ESO DO IES MARTAGUISELA GOZOU DO ENCONTRO LITERARIO CON ANDREA MACEIRAS O DÍA 19 DE MAIO DE 2023

Dentro do Plan Proxecta, Por365 días de respecto e igualdade e Donas de si  en colaboración coa Biblioteca do centro,  e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega levamos a cabo un encontro literario coa escritora Andrea Maceiras que nos veu falar do libro Europa Express que leu o alumnado de 3º ESO durante o primeiro trimestre.

Esta xuntanza tivo lugar o día 19 de maio, para pór en valor o traballo desta magnífica autora.

Foron as alumnas Irma Caccetta Gurriarán e Uxía Fernández Rodríguez de 3º ESO A as encargadas de presentarnos a escritora que dende moi nova sentiu un amor extraordinario polas historias e comezou a escribir para unha destinataria moi especial como era a súa irmá pequena, de aí que se dedicase á literatura infantil e xuvenil. Uxía e Irma destacaron a súa prolífera actividade literaria (Proxecto bolboreta, O segredo do lagarto arnal, Nubes de evolución, Miña querida Sherezade, Volverás golfiño, Conta nove estrelas e O que sei do silencio)  e os diferentes premios acadados (premio Meiga Moira, Premio Jules Verne, Premio Lazarillo, etc). Ademais subliñaron que escribe por todas as cousas que foron, serán ou puideron ter sido, xa que concibe a literatura como unha forma diferente de existencia ou viaxe.

A continuación, a autora comezou a súa intervención cun spín-off (historia paralela) sobre un personaxe da obra para que o alumnado descubrise de quen se trataba. A seguir a rapazada formuloulle varias preguntas sobre a lectura e ao finalizar asinoulles os exemplares que previamente mercaran e mesmo se fotografaron con ela.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos do encontro literario con Andrea Maceiras.

Powered by Drupal - Design by artinet