O ALUMNADO DE 2º BAC PARTICIPOU NUNHA CHARLA COA DIVULGADORA CIENTÍFICA TAMARA PAZOS

Dentro do Plan Proxecta, Por 365 días de respecto e igualdade, o día 19 de abril o alumnado de 2º BAC asistiu a unha charla por videoconferencia coa divulgadora científica Tamara Pazos, especializada en neurociencia.

O encontro xirou en torno á temática das adiccións. Nun inicio falouse de diferentes tipos de drogas, das vías de entrada ao organismo e da forma que teñen de chegar ao noso cerebro, así como dos diversos efectos que producen (activadoras, excitantes, depresoras, etc.). 

Analizando dun xeito máis profundo o tema das adiccións, Tamara Pazos explorou como os comportamentos aditivos se manifestan noutras áreas moi presentes na vida moderna: a alimentación, as redes sociais ou os videoxogos. Para explicar o funcionamento neuropsicolóxico das adiccións explicou o papel da dopamina, os mecanismos de recompensa do cerebro (activados por exemplo cos likes das redes sociais) e os distintos circuítos ou rutas cerebrais que están implicadas nos procesos impulsivos (procesamento bottom-up) asociados coas adiccións, e os que pola contra están implicados na toma de decisións consciente e racional (procesamento top-down). En relación a isto último, a charla incluíu diferentes consellos sobre os hábitos que permiten mellorar a atención e a concentración (actividade física, lectura, meditación…) e favorecer a nosa saúde.

Para rematar, a poñente afondou na cuestión de como afectan as circunstancias socioeconómicas e os recursos presentes no noso entorno ao condicionamento dos nosos hábitos e á nosa saúde.

Ao finalizar a charla o alumnado tivo a oportunidade de facerlle preguntas á relatora, nas que concretaron como está configurada a industria dos videoxogos e o entretemento audiovisual, ou como se relacionan co ámbito educativo as distintas rutas cerebrais de procesamento de información.

Foi un encontro moi interesante que non deixou indiferente á rapazada.

 

Deixámosvos algunha fotografía do evento.

Powered by Drupal - Design by artinet