Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Actividades na biblioteca

Protestamos e esiximos formación!

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. *Os numerosos e constantes premios anuais* de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal.

Onde quedou ese entusiamo?

Que interpretación debemos facer?

O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?.

En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.


Colectivo  dos   equipos  das  bibliotecas  escolares   integradas  no  PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

I Ciclo de Cine de Cómic e Anime

Durante as Xornadas Culturais desenvolveuse o I Ciclo de Cine de Cómic e Anime na biblioteca, ao que asistiu todo o alumnado da ESO en distintas sesións. O ciclo contou coa proxección de varias curtametraxes deste xénero e ademais das proxeccións, completouse esta actividade coa exhibición dunha Exposición sobre manga que nos emprestaron os compañeiros da biblioteca do IES Fontexería de Muros, a quen llo agradecemos publicamente. Para completar a actividade, montamos unha exposición con algúns dos fondos que temos na biblioteca. Nela, exhibimos os exemplares de manga dos que dispoñemos así coma de banda deseñada para dar a coñecer mellor estes xéneros.

Engadimos, finalmente, un programa de radio monográfico sobre o tema emitido coma sempre no espazo dos venres de O Son da Biblioteca que podedes escoitar e baixar aquí.

Salvando libros

Ao longo do segundo e o terceiro trimestre estivemos traballando na actividade SALVAR UN LIBRO GALEGO.

Cada centro foi salvando o seu libro e agora faremos unha exposición nos centros, arredor do 17 de maio, Día das Letras Galegas. Cada centro organizou a actividade do xeito que considerou máis oportuno e entre todos presentamos unha exposisición conxunta de todos os títulos salvados.

No noso centro, como xa sabedes, organizamos unha votación na biblioteca na que puido participar toda a comunidade educativa e finalmente, o noso libro máis votado foi Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

Se queredes ver todos os títulos salvados podedes velos nesta magnífica presentación:

SALVANDO LIBROS
 
Que libro salvarías ti?
Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito.
Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.
Maio 2011

Queremos dar  moi especialmente as grazas a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que unha vez máis deseñou estes carteis tan fermosos para facer posible a actividade.

Podedes ver o perfil de Jaime, arquitecto e debuxante, aquí
e algunhas das interesantes cousas que fai aqui
e tamén aquí….
Grazas de novo, Jaime, pola túa xenerosidade

  salvandogrande

1 5
3 2
.
4
.
 
Moitísimos libros están a ser salvados nas nosas bibliotecas, que organizan as súas propias exposicións e actos.
Esta é só unha pequena escolma dos que representan a cada un dos centros que participaron na actividade.
Salvar un libro consiste en aprender de memoria un pequeno fragmento para simbolizar a asimilación de todo o seu contido. Entón xa seremos unha persoa-libro e poderemos preservalo para sempre. 
A idea está baseada na obra de Ray Bradbury “Fahrenheit 451”.
 
Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Infantil
.
.
 
 Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Primaria
.
.
Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Secundaria
.
 
 .
  ESTA ACTIVIDADE FOI COORDINADA DESDE AS BIBLIOTECAS ESCOLARES:

Día da Paz 2011

Estamos preparando actividades para celebrar dúas efemérides: o Día Escolar pola Paz e o día dos namorados. Na semana do 7 ao 11 de febreiro presentaremos na biblioteca todos os traballos elaborados.

Animádevos a participar. Sempre hai unha sorpresa para os participantes!

O resultado da actividade podedes velo aquí.

25 de novembro, Día contra a violencia de xénero

Un ano máis queremos conmemorar o 25 de novembro desde a biblioteca. Pensamos que segue sendo necesario traballar co noso alumnado cuestións básicas para axudalos a reflexionar sobre a violencia, concretamente a de xénero.


Son moitos os titulares na prensa que nos lembran esta lacra social a diario e cremos importante traballar os valores de tolerancia, respecto, solidariedade, da convivencia en igualdade... cuestións todas que os farán mellores persoas. Con este fin, estamos preparando actividades para cada un dos niveis e dedicaremos varias sesións de biblioteca a traballar esta temática co alumnado. Agradecemos de antemán a colaboración dos distintos profesores que van posibilitar o desenvolvemento destas actividades!


O xoves 25 de novembro todo o alumnado pasará pola biblioteca para traballar esta temática durante unha sesión.

  • A primeira actividade será para os grupos de 3º e 4º da ESO na segunda sesión de clase e nela analizarán a película Te doy mis ojos. Asistirán á actividade os profesores cos que tiñan clase a esa hora e as profesoras do equipo da biblioteca.
  • Na cuarta hora o alumnado será o de 2º da ESO que asistirán á sesión acompañados pola titora. Nesta actividade trataránse varios aspectos relacionados con esta temática, tratados desde fragmentos literarios, publicidade dirixida ás mulleres casadas nos anos 50 e algunhas proxeccións de vídeos sobre a violencia de xénero.
  • A quinta hora dedicarémola ao alumnado de 1º da ESO acompañado dos seus titores. Nesta sesión faremos un coloquio a partir da proxección de varios vídeos sobre este tema, algúns deles que falan da violencia de xénero vista desde os ollos dos nenos.

Á parte das sesións na biblioteca tamén elaboramos un breve listado de lecturas que tratan esta temática e que podedes ver aquí.

Se queredes saber máis aquí tedes unha amplísima selección de materiais relacionados co tema que recollemos do blogue Trafegando ronseis. Grazas a todas as bibliotecas que comparten!!

Semana do medo 2010

Na semana de  Santos e Defuntos celébrase o Samaín  ou o Halloween e nós queremos facelo dun xeito especial.

Na primeira semana de novembro imos facer unha actividade especial: a biblioteca nos recreos será un espazo para compartirmos LECTURAS DE MEDO. E, daquela, coa colaboración do alumnado e do profesorado faremos lecturas variadas relacionadas todas co medo.

Agardámosvos a todos, aos que ides ler e aos que queirades escoitar e pasalo... de medo!

Aquí tedes algunhas das fotos que tiramos durante as sesións:

 

 

Se queredes saber máis sobre a celebración do Samaín, podedes facelo neste especial do Vieiros da Escola. E se queredes atopar unha boa selección de libros de medo, podes consultar este especial sobre o medo, na revista Praza das Letras.

Curso 2010-2011: Presentación da biblioteca ás titorías

Coma cada ano planificamos unha primeira visita á biblioteca de
todos os grupos  en colaboración coas titorías.

Comezamos cos grupos de 1º da ESO, na semana do 4 ao 8 de outubro, por seren os alumnos que acaban de incorporarse ao centro e queremos que coñezan canto antes o
funcionamento da mesma, as normas, os servizos ofrecidos... Nesta
sesión entregarémoslles o tríptico coas normas da biblioteca e o carné de usuarios. Ademais, farán unha actividade á que lle chamamos Mergullámonos na biblioteca.

Na semana do 18 ao 22 de outubro faremos esta actividade co alumnado de 2º da ESO, concretamente, o xoves 21. Cos grupos de 3º e 4º realizaremos unha actividade distinta, centrada na busca de información no portal de Meiga. Esta actividade será o martes 19 para os de 3º e o mércores 20 para o alumnado de 4º de ESO.

Ao longo do mes, coincidindo co Mes das Bibliotecas Escolares, faremos acticividades variadas  para animar a todo o alumnado a coñecer mellor a biblioteca, aproveitar os seus recursos e a facer un bo uso dos mesmos.

O son da biblioteca

Presentamos unha nova actividade da biblioteca, O son da biblioteca.

Este espazo realizado en colaboración coa Radio Areal 7 pretende difundir os fondos da biblioteca, tanto fondos audiovisuais coma bibliográficos.  Os programas emítense nos recreos dos venres e agardamos que vos sirvan para coñecer outras músicas e lecturas. E lembrade, todos os fondos témolos á vosa disposición en préstamo.

Poderedes escoitar aquí:

  • 2º programa:  dedicado a No Doubt e o seu The singles 1992-2003
  • 3º programa: música de Green Day e o seu disco American Idiot relacionada co libro Estúpidos homes brancos de Michael Moore.
  • 4º programa: Recomendacións de obras literarias en castelán acompañadas da música do disco Marful do grupo galego Marful.
  • 5º programa: o grupo Pastora e o seu disco La vida moderna.
  • 6º programa: Recomendacións de libros de historia e mitoloxía acompañados da música de 2uS e o seu disco Só son sons.
  • 7º programa: Dido e o seu disco Safe trip home

Obradoiro de poesía pasado por auga

O venres 12 de marzo realizarase na biblioteca un Obradoiro sobre poesía. Participará nel o alumnado de 1º da ESO durante unha sesión de clase, 4ª h, e será impartido pola poeta Estíbaliz Espinosa. Para saber máis da autora podedes facelo no seu blogue ou tamén aquí.

Queremos agraceder a colaboración da Biblioteca Municipal de Carnota que nos ofreceu a posibilidade de realizar esta actividade.

 

25 de novembro, Día internacional en contra da violencia de xénero

Un ano máis queremos conmemorar o 25 de novembro desde a biblioteca. Pensamos que segue sendo necesario traballar co noso alumnado cuestións básicas para axudalos a reflexionar sobre a violencia, concretamente a de xénero.

Son moitos os titulares na prensa que nos lembran esta lacra social a diario e cremos importante traballar os valores de tolerancia, respecto, solidariedade... cuestións todas que os farán mellores persoas. Con este fin, estamos preparando actividades para cada un dos niveis e dedicaremos varias sesións de biblioteca a traballar esta temática co alumnado.

O mércores 25 de novembro haberá unha proxección-coloquio que servirá de introdución. Esta actividade está dirixida a todo o alumnado e profesorado do centro. Animádevos a vir e participar nela!

O xoves 26 de novembro o alumnado de 1º e de 2º da ESO terán cadansúa sesión na biblioteca e serán atendidas polas persoas do equipo. O alumnado de 1º a 4ª hora e o de 2º de ESO a 5ª hora.

O venres 27 de novembro o alumnado de 3º e 4º da ESO terán unha sesión conxunta na biblioteca a 4ª hora e será atendido por algunha profesora do equipo.

Nestas sesións trataremos de reflexionar co alumnado sobre a violencia de xénero desde diversos puntos de vista, analizando materiais variados, con vídeos, música, lecturas... Sirva de mostra este poema de Marta Dacosta.

Agradecemos de antemán a colaboración dos distintos profesores que van posibilitar o desenvolvemento destas actividades!

Se queredes saber máis aquí tedes unha amplísima selección de materiais relacionados co tema que recollemos do blogue Trafegando ronseis. Grazas a todas as bibliotecas que comparten!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut