Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Actividades na biblioteca

Día internacional contra a violencia de xénero, 25 de novembro 2012

Este domingo 25 conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e, por ese motivo, estamos preparando actividades para traballar co noso alumnado en colaboración coas titorías.


O alumnado de 1º, 2º e 3ºA da ESO vai realizar unha actividade na biblioteca coa colaboración das titorías ou algún outro profesor. Nesa sesión traballarase a partir de varios materiais: visionado e análise de vídeos sobre esta temática, análise de frases célebres, interpretación de imaxes, de carteis publicitarios,de microrrelatos para logo chegar á fase de debate e de conclusións por parte dos rapaces e rapazas.
A sesión para 1º é o venres 23 a 3ª hora; para 2º, o luns 26 a 3ª hora e para 3º A, o xoves 29 a 3ª hora. Nelas, participarán os titores ou titoras e algunha das profesoras do equipo de biblioteca.

O alumnado de 3º PDC e 4º A recibirá unha sesión conxunta impartida pola psicóloga do Centro de Atención á Muller de Muros, acompañada da orientadora do noso instituto ademais dos titores e algunha das profesoras do equipo de biblioteca. A sesión para este grupo será o venres 30 a 3ª hora.


Se queredes saber máis sobre o tema podedes consultar:


Se queredes consultar nos fondos da nosa biblioteca algúns dos materiais que tratan este tema, pulsade aquí.

Novembro de medo 2012

Xa está aquí o outono e con el o tempo de defuntos, do Samaín, do Halloween e dos magostos.

Un ano máis queremos conmemorar esta data desde a biblioteca e para iso, ademais de publicitar materiais relacionados co medo, proxectaremos curtametraxes de medo durante os recreos.

Animámosvos tamén a participar na gravación dunha curta relacionada co medo, na que cada un dos participantes responderá a seguinte cuestión: A que lle tes medo? Vide darnos a resposta á biblioteca, gravámosvos e logo preparamos a montaxe.

Curso 2012-13: Presentación da biblioteca ás titorías

Comezamos un novo curso e con el as actividades na biblioteca, para presentárllela ao novo alumnado coa finalidade de que sexan autónomos canto antes.

Estas actividades farémolas todas ao longo do mes de outubro comezando polos máis novos e rematando cos maiores. O luns 8 será a actividade para o grupo de 1º a terceira hora, o martes 9 para a cuarta hora. E na seguinte semana, do 15 ao 19, será para os demais grupos (4º A, martes 16 a cuarta hora; 3º A, xoves  18 a terceira hora e 3º PDC, o venres 19 a terceira hora).

Os grupos de 1º e 2º realizarán a actividade que chamamos Mergullámonos na biblioteca, pero adaptada para cada un dos niveis. En 1º faremos especial fincapé na organización, funcionamento e normas da biblioteca, coa finalidade de que o alumnado que acaba de se incorporar ao centro sexa autónomo no uso da mesma. En 3º e 4º traballaremos coa actividade Buscando nos dicionarios da nosa biblioteca.

Ao longo do mes, coincidindo co Mes das Bibliotecas Escolares, faremos acticividades variadas para animar a todo o alumnado a coñecer mellor a biblioteca, aproveitar os seus recursos e a facer un bo uso dos mesmos.

Índices de préstamo totais

Presentamos os datos do préstamo da biblioteca deste curso, cos datos extraídos con data do 29 xuño de 2012 do programa MEIGA do ordenador de xestión:

2.138 Libros
57 CD
121 DVD
5 Documentos electrónicos
57 Memorias extraíbles


Entre os títulos máis emprestados están Jesús me quiere; Arrugas, ¿Qué sería yo sin tí?; La invención de Hugo Cabret; Viaxes dun can de palleiro; Los girasoles ciegos; Febre; Nómades e Memorias dun neno labrego.

Cómpre engadir que neste momento, temos 130 materiais en préstamo para o verán. Ademais, lembrámosvos que se precisades levar algún material para o verán, podedes recollelo durante o mes de xullo entre as 10 e as 13 horas.

Agardamos por todos vós á volta das vacacións para seguir coa tarefa!

Encontro co escritor Pere Tobaruela

Durante as Xornadas Culturais do 2012, imos contar coa visita do escritor Pere Tobaruela. A actividade vai dirixida ao alumnado de 2º da ESO e de 3º de Cultura Clásica para analizaren co autor o seu libro Viaxes dun can de palleiro. Na organización da actividade colabora a biblioteca do centro, o EDNL e os departamentos de Ciencias Sociais e Lingua Galega e Literatura. Tamén colabora a Libraría Aenea de Santiago que xestionou a visita.

Se queredes ver un chisco máis de que temáticas se vai tratar, podedes ver esta pequena presentación:

II Ciclo de Cine de Cómic e Anime

Durante as Xornadas Culturais de 2012 (do luns 14 ao 16 de maio) vaise desenvolver o II Ciclo de Cine de Cómic e Anime na biblioteca, ao que asistirá todo o alumnado da ESO en distintas sesións. O ciclo consisitrá na proxección de varias curtametraxes deste xénero e ademais un coloquio no que se analizarán as obras exhibidas.

Para 1º de ESO a actividade será o luns 14 de maio a 4ª hora e o mércores 16 a 5ª hora. Para 2º de ESO, o martes a 1ª hora; para 3º, o luns a 1ª hora e para 4º de ESO, o luns a 5ª e 6ª horas.

Índices de préstamo


Presentamos os datos estatísticos do préstamo da biblioteca no que vai de curso, cos datos extraídos con data do 28 marzo de 2012 do programa MEIGA do ordenador de xestión:

1.584 Libros
45 CD
66 DVD
3 Documentos electrónicos
37 Memorias extraíbles

 

Por número de préstamos destacan tres alumnas de 4º ( unha, con 76 e as outras dúas con 36 e 33 préstamos) seguidas de unha alumna de 2º con 36 e dúas de 3º con 35 e 34 préstamos cada unha.

Entre os títulos máis emprestados están Frío;Rosalie Blum (vol.1); Noche de viernes; A cabeza da Medusa; Si tú me dices ven lo dejo todo... pero dime ven; Cartas de inverno; La alargada sombra del amor; Tous à bord. Méthode de français; Contra el viento e Memorias dun neno labrego.

Agardamos por todos vós á volta das vacacións para seguir a tarefa!

Día Internacional contra a Violencia de Xénero, 25 de novembro 2011

Este venres 25 conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e, un ano máis, debemos pararnos a reflexionar sobre este tema.

O alumnado de 1º e 2º  da ESO vai realizar unha actividade na biblioteca o venres 25 para traballar este tema a partir de distintos materiais. Ademais de visionar vídeos, escoitar cancións, analizar textos e anuncios publicitarios establecerase un coloquio para que todos poidan expresar as súas dúbidas, comentarios... A sesión de traballo vai ser a 2ª hora para 2º de ESO e a 3ª hora para 1º da ESO.

O alumnado de 3º e 4º xa tivo unha charla informativa sobre esta temática impartida pola Garda Civil e séguese traballando nalgunhas materias. Estamos organizando outra sesión para unha data próxima, que xa anunciaremos.

Se queredes saber máis sobre o tema podedes consultar:

Se queredes consultar nos fondos da nosa biblioteca algúns dos materiais que tratan este tema, pulsade aquí.

Finalmente, realizouse a charla que quedara pendente para o alumnado de 3º e 4º. Esta foi impartida por tres relatoras do CIM (Centro de Información ás Mulleres) de Muros: unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha técnica. A actividade foi moi interesante e aclaráronse moitas dúbidas sobre esta temática.

Novembro de medo 2011

Un ano máis chegou o outono e con el as conmemoracións asociadas a esta época: a noite dos defuntos, o Samaín, o magosto... todas elas festas propias da época da caída da folla, dos días con poucas horas de luz, coa colleita dos produtos outonizos...

Durante esta época os nosos avós pasaban horas ao carón da lareira contando contos, especialmente de medo... Por iso, un ano máis, celebramos estas datas na biblioteca coa exposición NOVEMBRO DE MEDO sobre materiais de medo e con LECTURAS DE MEDO, nas que podedes participar lendo ou escoitando algunhas historias de medo. Convidámosvos a todos a vir nos recreos do 8, 9 e 10 de novembro para participar da actividade.

 

Curso 2011/12: Presentación da biblioteca ás titorías

Comezamos un novo curso e con el as actividades na biblioteca, para presentárllela ao novo alumnado para que sexan autónomos canto antes.

Estas actividades farémolas todas na semana do 17 ao 21 de outubro de 2011. O luns 17 será a actividade para o grupo de 2º;o martes 18, cos grupos de 4º A e 4º PDC e de 1º da ESO e, finalmente, o xoves 20 para o grupo de 3º da ESO.

Os grupos de 1º e 2º realizarán a actividade que chamamos Mergullámonos na biblioteca, pero adaptada para cada un dos niveis. En 1º faremos especial fincapé na organización, funcionamento e normas da biblioteca, coa finalidade de que o alumnado que acaba de se incorporar ao centro sexa autónomo no uso da mesma.
Os grupos de 3º e 4º realizarán a actividade de busca de información que chamamos Buscando nos dicionarios.

Ao longo do mes, coincidindo co Mes das Bibliotecas Escolares, faremos acticividades variadas para animar a todo o alumnado a coñecer mellor a biblioteca, aproveitar os seus recursos e a facer un bo uso dos mesmos.

Distribuir contido


by Dr. Radut