Localización

O concello de Carnota

Localización de Carnota

Na comarca de Muros, entre as rías de Muros-Noia e a de Corcubión, Carnota forma un pequeno val rodeado de montañas e aberto ao mar por un gran areal. De clima oceánico suave, cunha escasa oscilación térmica e vento dominante do Nordés. A, outrora, masa forestal da montaña foi destruída por reiterados incendios desde 1968 e especialmente nos anos 2005-2006 e 2013. A costa viuse tamén afectada polo desastre do Prestige en 2002.

Dende o punto de vista hidrolóxico e paisaxístico o río Xallas separa os concellos de Dumbría e Carnota. Os ríos Valdebois e Larada conflúen formando a Boca do río e a marisma (incluída na Rede Natura 2000).

O concello de Carnota está percorrido, bordeando a costa, pola estrada comarcal 550 (Tui-A Coruña) que o une polo sur con Muros e polo norte co concello de Cee pasando por Dumbría. Á altura do Viso, unha estrada comunica coa montaña de Carnota e con Santiago por Santa Comba.

Ten unha extensión de 72,5 Km2 e 4.985 habitantes distribuídos en 5 parroquias (Lariño, Lira, Carnota, San Mamede e O Pindo). Actualmente asistimos á diminución das actividades primarias (pesca, agricultura, gandaría) e aumento dos sectores secundario (cooperativas de confección, granxas de rodaballo, fábrica de conservas e empresas familiares relacionadas coa construción) e terciario (servizos).

Como chegar a Carnota

  • Desde Compostela. O lugar que aparece identificado como Ames é Bertamiráns.
    • Son 70 km, unha hora.
  • Desde A Coruña. O desvío para Santa Comba tómase en Coristanco.
    • Son 100 km, unha hora e cuarto.
  • Desde Vigo (1). O desvío para evitar vir pola costa (Esteiro e Muros) tómase en Outes, xusto diante da Casa do Concello.
    • Son 125 km, unha hora e tres cuartos; vir por Muros supón un cuarto de hora máis.
  • Desde Vigo (2). Desde Bertamiráns (Ames, no mapa) tamén se pode vir por Negreira no canto de por Noia.

 

Como chegar ao IES Lamas de Castelo

  • Desde o centro de Carnota: estrada xeral (As Breas) e coller desvío a 1 Km. a Lamas de Castelo. Visualizar o mapa ampliado
  • Desde o desvío de Sta. Comba: xirar á esquerda e coller desvío a 2 Km. a Lamas de Caslelo (hai indicador). Visualizar o mapa ampliado

O centro

O IES "Lamas de Castelo" comezou a funcionar no ano 1998 e o 23 de febreiro de 1999 iniciáronse as clases no edificio actual, que depende da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia. En decembro do 2000, o Consello Escolar solicitou o cambio de denominación de IES de Carnota a IES “Lamas de Castelo”, nome do lugar no que se ubica e co que se viña coñecendo popularmente.

O alumnado do IES "Lamas de Castelo" procede, na súa maioría, de dous centros educativos: o CEIP “San Crimenzo” do Pindo e o CEIP de Carnota. Polo feito de ter unha poboación dispersa todos, os alumnos do ensino obrigatorio, agás os de Pedrafigueira e dos lugares próximos ao instituto, teñen dereito a transporte escolar.

Desde o curso 2016/17, o IES Lamas de Castelo está adscrito ao IESP Plurilingüe Fontexería, de Muros. Outros centros que reciben o noso alumnado cando rematan a ESO son o IES Agra de Raíces e o IES Fernando Blanco, os dous en Cee.

Distribuir contido