Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




O concello de Carnota

Localización de Carnota

Na comarca de Muros, entre as rías de Muros-Noia e a de Corcubión, Carnota forma un pequeno val rodeado de montañas e aberto ao mar por un gran areal. De clima oceánico suave, cunha escasa oscilación térmica e vento dominante do Nordés. A, outrora, masa forestal da montaña foi destruída por reiterados incendios desde 1968 e especialmente nos anos 2005-2006 e 2013. A costa viuse tamén afectada polo desastre do Prestige en 2002.

Dende o punto de vista hidrolóxico e paisaxístico o río Xallas separa os concellos de Dumbría e Carnota. Os ríos Valdebois e Larada conflúen formando a Boca do río e a marisma (incluída na Rede Natura 2000).

O concello de Carnota está percorrido, bordeando a costa, pola estrada comarcal 550 (Tui-A Coruña) que o une polo sur con Muros e polo norte co concello de Cee pasando por Dumbría. Á altura do Viso, unha estrada comunica coa montaña de Carnota e con Santiago por Santa Comba.

Ten unha extensión de 72,5 Km2 e 4.985 habitantes distribuídos en 5 parroquias (Lariño, Lira, Carnota, San Mamede e O Pindo). Actualmente asistimos á diminución das actividades primarias (pesca, agricultura, gandaría) e aumento dos sectores secundario (cooperativas de confección, granxas de rodaballo, fábrica de conservas e empresas familiares relacionadas coa construción) e terciario (servizos).



page | by Dr. Radut