Skip to Content

A FIN DOS SERMÓNS

 

A fin dos sermóns

Publicado o 3 Novembro, 2017 por cafebarbantia

Pasei moitos anos negándome a botar protección solar, a pesar de que as persoas que me rodeaban reco-mendábanmo con teimosía. Xa sabedes os argumentos. Cancro de pel, e esas cousas. Eu sempre lles dicía o mesmo. Tomar o sol protexido con cremas é como facer o amor con preservativo, unha traizón á sagrada Natureza. Hoxe protéxome, e recoméndolle a todo o mundo que o faga. Porque a verdade, a única verdade, de que non quixese botar protección é que me daba pereza, e doíame recoñecer que son un vago para esas cousas. Pero non pensedes que esta confesión é para falar de saúde física. Máis ben quero falar de saúde mental, pois é moi significativa para entender un dos problemas intelectuais máis graves do noso tempo, e de todos os tempos. O autoengano, ese hábito tan humano de inventar teorías falsas para xustificar os nosos actos.

    Tan humano, que mesmo o empregamos no acto máis necesario para a supervivencia da especie. Calquera que estivese algunha vez namorado sabe que o autoengano é a estratexia máis acaída. O outro día, na presentación da miña novela, unha lectora preguntoume se consideraba que o amor era agón, loita, como dicían os gregos, pois os amantes do libro manteñen unha loita psicolóxica permanente. Díxenlle que si, e exemplifiqueino comentándolle que a persoa da que nos namoramos, máis que unha media laranxa, é un espremedor. Por que a vemos como unha media laranxa? Autoengano, non teñades ningunha dúbida. E a proba máis evidente é que do amor ao odio só hai un paso. Se o amor non fose autoengano, a ruptura das parellas sería máis civilizada.

      Recoméndovos que lle dediquedes uns días a pensar cales das vosas teorías persoais sobre a familia, a hixiene, o ocio, a política, os amigos, ou de calquera outro tipo, son froito do autoengano. Se o facedes con honradez, e sen medo a descubrir os aspectos máis impresentables da vosa personalidade, quedaredes marabillados. Por que algunhas persoas que levan unha vida pecadenta se consideran cristiáns? Autoengano. Por que algunhas persoas cuxo obxectivo vital é claramente burgués (bo coche, boa casa, bos restaurantes, boas viaxes) se declaran anticapitalistas? Autoengano. Non vou entrar agora nas razóns pois creo que, para ser efectivo, este exercicio confesional debe ser persoal e intransferible, tal e como fixo o gran aventureiro Hemingway ao dicir: “Cando soño co máis alá, co paraíso, a escena desenvólvese no Ritz de París”. Imaxinade por un momento que os Papas e os Revolucionarios de salón recoñecesen o mesmo. Non sei se o mundo sería máis xusto, pero, de seguro, sería máis divertido, con moitos menos sermóns.

                                      X. Ricardo Losada.



story | by Dr. Radut