Skip to Content

Conmemoración do nacemento de Castelao

Un ano máis o IES Félix Muriel réndelle homenaxe a Castelao no aniversario do seu nacemento. A Academia das Artes escolleu ao polifacético autor rianxeiro para divulgar e promover a súa obra gráfica e pictórica.


O alumnado do Félix Muriel, coordinado polo profesorado do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, desenvolveu ao longo das dúas últimas semanas diferentes tarefas arredor do seu ilustre veciño.


En 1º de Bacharelato decoraron baldosas do centro educativo con algúns dos gravados máis importantes do artista, ademais de colaborar a montaxe dunha exposición arredor dos Álbums de guerra e do Álbum Nós. Este labor resultou do agrado dalgúns dos membros da Academia das Artes que decidiron visitarnos para dar conta dos resultados persoalmente.


O alumnado de 2º de Bacharelato reproduciu o escudo deseñado por Castelao, así como os seus simbólicos sombreiro, lentes e cigarro, para penduralos na entrada do centro en dous cadros . Ademais elaboraron un mural coa mesma simboloxía.


Tamén participaron nestas actividades os máis pequenos da ESO, levando os relatos de Retrincos á linguaxe do cómic.


Ao longo desta semana, o alumnado encargado de divulgar música en galego durante os tempos de lecer, encargarase de emitir pezas musicais relacionadas con Castelao.


Para finalizar a Semana Castelao, o vindeiro venres 29 de Xaneiro, recibiremos a visita no centro dalgún dos representantes da Academia das Artes e o ENDLG do centro repartirá pensamentos, flores con reflexións tiradas do Sempre en Galiza de Castelao.



book | by Dr. Radut