Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Lingua Galega e Literatura

Día de Rosalía

Un día para celebrar a Rosalía

A Xunta de Galicia e as institucións vencelladas á autora decidiron cambiar a efeméride tras a aparición de nova documentación que desvela a súa data real de nacemento: o 23 de febreiro de 1837. 

Hoxe 23 de febreiro de 2023 convidamos  á toda a comunidade educativa do Eusébio da Guarda a renderlle homenaxe a Rosalía no seu día e en todos os demais lendo e poñendo en valor a súa obra. 

Para acceder a todas as imaxes e documentos pinchar no enlace

Visita 4ºE:" Exposición Steven Meisel 1993 A year in photograhs"

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Este xoves 2 de febreiro o alumnado de 4° E acompañado da profesora Beni Vidal do Ámbito Lingüístico- social fixo unha saída para ver a Exposición “Steven Meisel 1993 A year in photograps” no muelle de Batería da Coruña.

Marta Ortega, presidenta de Inditex, trouxo á cidade a mostra máis grande nunca feita sobre o retratista neoiorquino Steven Meisel.

As súas fotos, máis dun cento, realizounas o artista en 1993 nunha explosión creativa que o levou a asinar máis de cen editoriais de moda e 28 portadas de revistas. Meisel soubo recrear nas súas fotos eses seres mitolóxicos que conformaron o novo mito que marcou a estética e a cultura pop dos anos noventa: o das supermodelos.

O alumnado tomou boa nota do video e das explicacións sobre o artista que foron dando os protagonistas do mesmo. Admiraron a contorna onde se ubicou a Exposición, comentando o chamativo da mesma: muelle, as cementeiras…algo tradicional, e ao mesmo tempo algo tan moderno e rompedor como a Exposición.

Visita do profesor mozambicano Amilton Bito

 Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Un dos fallos do noso ensino é o de ser demasiado teórico, de maneira que non sempre lle encontramos unha aplicación práctica ao que estudamos. Polo contrario, existe outra forma de aprender que a todas as persoas nos encanta, é viaxar a outros países e coñecer outras culturas.

O pasado luns 23 de xaneiro, sen saírmos da nosa escola, grazas á presenza  do profesor Amilton Bito nas nosas clases de Lingua e Literatura Galegas de 1º Bach e 2º ESO, puidemos viaxar coa imaxinación e coñecer Mozambique, un país que está moi lonxe xeograficamente, pero que ao mesmo tempo nos é moi próximo porque compartimos con el unha lingua que na súa orixe foi a mesma: o galego-portugués. 

Amilton é profesor da Escola Secundaria Ignacio de Loiola (ESIL) en Mozambique, escola que está a desenvolver un proxecto de irmandamento co colexio coruñés Santa María do Mar. Agradecémoslle que viñese ao noso centro para falarnos dese proxecto de intercambio que está a realizar, así como doutros aspectos do seu país, e que se mostrase tan próximo e disposto ao intercambio cultural, como interesado en coñecer a realidade educativa do noso centro. Todos e todas aprendemos moito desta experiencia, non unicamente no aspecto lingüístico e cultural, senón tamén no persoal e solidario. Volte quando quiser, professor, cá tem sua casa.

Exposición " A lírica galego-portuguesa medieval"

3 de outubro de 2022

EXPOSICIÓN “A LÍRICA GALEGO-PORTUGUESA MEDIEVAL”. CÓDICES MEDIEVAIS, FACSÍMILES E LIBROS ANTIGOS.

O Departamento de Lingua Galega e Literatura organiza a exposición “A Lírica Galego- portuguesa medieval”. Códices medievais, facsímiles e libros antigos.

Expóñense os facsímiles dos tres Cancineiros da Lírica Galego-portuguesa: o Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Vaticana e o Cancioneiro Colocci-Bracutti, ademais do Códice do Escorial das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio.. Acompañando os facsímiles aparecen unhas láminas explicativas da Lírica trobadoresca conxuntamente con outras de imaxes medievais. Completan a exposición diferentes publicacións sobre esta etapa fundamental da nosa literatura así como outros facsímiles como o Breviario de Amor escrito primitivamente en occitano e do que presentamos o manuscrito valenciano do S.XV, a Biblia Pauperum do ano 1.360; o Libro dos Animais de 1.460, o Libro de Horas de fins do S.XV, o Códice Tudela de 1.553, o Libro dos Torneos dos Cabaleiros do Kraichgau de 1.616,Ttratados de Anatomía: un do ano 1.560, outro de 1.800 e un terceiro de 1.831. Completan a exposición libros antigos como A vida de Fray Luís de Granada do Licenciado Luís Muñoz, de 1.639, O Teatro crítico universal do P. Feijoo de 1.758 ou Psicología, Lógica y Ética de D. Bartolomé Beato de 1.884.

Obxectivo: Que o alumnado de Lingua Galega e Literatura (sobre todo 1ºde Bacharelato) coñeza de primeira man o que supuxo a Escola Galego-portuguesa e a cultura trobadoresca na história da Literatura Galega así como aprezar o mundo dos códices, manuscritos, facsímiles e demais publicacións que se expoñen..

A exposición permanecerá o mes de outubro no primeiro andar do instituto.

Para acceder ás fotos da exposición pinchar na imaxe

Semana das Letras Galegas: exposición dedicada a Florencio Delgado Gurriarán

20 de maio de 2022

Semana das Letras Galegas: exposición dedicada a Florencio Delgado Gurriarán

Hoxe inauguramos a Exposición dedicada a Florencio Delgado Gurriarán. Convidamos a toda a Comunidade educativa do Eusebio da Guarda a visitala e renderlle homenaxe ao escritor, exemplo de compromiso con Galicia.

Departamento de Lungua Galega e Literatura

SAÍDA DO ALUMNADO DE 4º ESO: ROTEIRO POLA CORUÑA GALEGUISTA

13 de maio de 2022

SAÍDA DO ALUMNADO DE 4º ESO: ROTEIRO POLA CORUÑA GALEGUISTA

O alumnado de 4º ESO realizou unha saída didáctica para coñecer os lugares emblemáticos da Coruña que tiveron importancia na historia do galeguismo. Repartidos en dous grupos, realizamos a visita os días 6 de abril e 11 de maio. Acompañados por profesorado dos departamentos de Lingua e Literatura Galegas (Benigna Vidal Tomé, Estefanía González e Dulce Fernández Graña) e de Lingua Castelá e Literatura (José Luis Gundín, Mª Luisa Prado e Jessica Regueiro), realizamos o percorrido a pé entre o instituto e a Cidade Vella, deténdonos nos lugares sinalados pola historia do galeguismo na cidade, nomeadamente o lugar de fundación da Editorial Nós na rúa Real, no local onde se fundou a primeira Irmandade da Fala en 1916, na rúa da Franxa, na Praza do Humor, onde se rende homenaxe aos nosos autores máis retranqueiros, e como non! Con Cunqueiro e o seu Gatipedro á cabeza. En cada parada o alumnado rendeu homenaxe á memoria dos escritores e escritoras homenaxeados/as lendo textos e recitando poemas, mentres os/as asistentes inmortalizabamos cada momento. A casa onde viviron Rosalía de Castro e Manuel Murguía e familia, a de Francisca Herrera Garrido, e o Xardín de San Carlos onde está soterrado Sir John Moore, foron outros lugares onde rendemos homenaxe aos nosos persoeiros. 

Así fomos chegando á RAG e Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na rúa Tabernas, onde puidemos percorrer o interior do edificio e coñecer a súa historia grazas ás explicacións de Julia Santiso. Xa no camiño de volta, recitamos os últimos poemas ao pé da lanza defensora da estatua de María Pita, e chegamos ao instituto cos pés cansos mais o espírito enriquecido por unha nova percepción da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

 

Visita de 4º de ESO e 3º PMAR á Real Academia Galega e á Casa Museo Emilia Pardo Bazán

11 de maio de 2022

Visita de 4º de ESO e 3º PMAR á Real Academia Galega e á Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Encontro da escritora Ledicia Costas para o alumnado de 1º ESO

9 de maio de 2022

Encontro da escritora Ledicia Costas para o alumnado de 1º ESO

Hoxe tivemos a enorme fortuna de contar coa presenza da escritora dun dos libros que o alumnado de 1º ESO leu este ano, concretamente na 3ª avaliación: Escarlatina, a cociñeira defunta. En consoancia co seu nome, as súas palabras encheron de ledicia unha Aula Picasso chea “ata a bandeira”, nunha solleira mañá inesquecible. Ninguén se quixo perder quen era esa autora que tratou a morte con tanto humor, con aventuras divertidas dun Inframundo, que para nada lles meteu medo, senón que gozaron cuns personaxes moi peculiares e divertidos. Houbo tempo para todo, ou mellor, se cadra botariamos a mañá enteira escoitándoa xa que, moi xenerosa, nos confesou infinidade de curiosidades: que de pequena o que máis lle gustaba era ler, que lle encanta comer chocolate, que adora visitar cemiterios e que estudou Dereito e exerceu uns anos como avogada, pero desde había xa tempo dedicouse por completo á literatura. Tamén nos contou anécdotas divertidas, como que un alumno dun instituto ao que acudiu para dar unha charla, tiña medo achegarse a ela, porque pensaba que estaba morta, que era un espírito, porque sempre falaba de mortos e cemiterios. Despois, as súas profesoras de Lingua Galega e Literatura,  Carme Edreira e Teresa Pastor, deulle a palabra ao alumnado, quen comezou unha rolda de preguntas sobre o libro e, sobre a súa traxectoria literaria en xeral. Tamén houbo oco para gastarlle unha pequena broma: dixémoslle que no soto deste instituto a rapazada atopara unhas receitas noxentas moi antigas, tamén do Inframundo e seica debeu de habitar este enorme edificio unha vella cociñeira do Alén e abofé que as deixou para que alguén as probase. Así, algúns alumnos e alumnas aproveitaron esta brincadeira para lerlle a Ledicia esas receitas imposibles de comer polos vivos, pero que fixeron as delicias da autora viguesa.

A sinatura de exemplares e mais as fotos feitas con todos nós puxéronlle o broche de ouro a este fermoso encontro. Moitos parabéns, Ledicia! Volve cando queiras!!!!

Teresa Pastor Novo. Departamento de Lingua Galega e Literatura

ROTEIRO CORUÑÉS DO REXURDIMENTO 1º BACH

1 de abril de 2022

ROTEIRO CORUÑÉS DO REXURDIMENTO 1º BACH

A última semana de marzo o alumnado de 1º de Bacharelato participou nos roteiros didácticos organizados polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, destinados a coñecer mellor a nosa cidade e a súa importancia na época do Rexurdimento galego. Acompañados polo profesorado que guiaba a explicación dos diferentes lugares emblemáticos, o alumnado participou co recitado de poemas dos escritores e escritoras aludidos no curso do roteiro.

Primeiramente visitamos os edificios onde viviu Eduardo Pondal na rúa Xoana de Vega, a escritora Francisca Herrera Garrido, veciña de Rosalía de Castro, que morou xunto a Manuel Murguía e familia na mesma rúa do Príncipe, o teatro que leva o nome da poeta, e a Real Academia Galega que presidiu Murguía, situada no mesmo edificio que a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Non foi posible acceder ao Xardín de San Carlos para vermos o sepulcro de Sir John Moore e o poema que Rosalía creou na súa honra esculpido na pedra, dado que se encontra temporalmente en obras e pechado ao público, mais recitamos o poema diante da porta de entrada.

Finalizamos o paseo nos Xardíns de Méndez Núñez, deténdonos primeiro fronte á monumental escultura de Asorey onde o profesor Paulo Carballada explicou o seu simbolismo. Despedimos o roteiro diante da estatua do autor da letra do himno galego, coas pernas cansas, a mente chea de novos coñecementos e unha nova perspectiva da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

Encontros con… ANDREA MACEIRAS, autora de Europa Express

18 de marzo de 2022

Encontros con… ANDREA MACEIRAS, autora de Europa Express

A escritora galardoada co XIX Premio Anaya de literatura infantil e xuvenil 2022, tivo unha charla co alumnado de 3º ESO A, C e V e posteriormente asinoulles os libros que leron.

Departamento de Lingua Galega e Literatura

23 de febreiro: un día para celebrar a Rosalía

22 febreiro 2022

23 de febreiro: un día para celebrar a Rosalía

O Día de Rosalía de Castro pasará a celebrarse o 23 de febreiro, auténtica data de nacemento da poeta

En outubro do pasado ano, a investigadora Sagrario Abelleira fixo público o achado duns documentos que alteraban o que sabiamos sobre Rosalía de Castro: a data de nacemento da escritora situábase grazas a súa pescuda no día 23 de febreiro de 1837, e non no día 24, como até ese momento se pensaba. O expediente matrimonial de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, atopado no Arquivo Diocesano de Madrid, mostrábase como "un documento incontestábel" que permitía fixar definitivamente o día en que naceu Rosalía e que aclara moitas das dúbidas "que até o de agora pairaban sobre a súa biografía".

Cando se fixeron públicos os documentos que demostraban que Rosalía nacera o día 23 de febreiro de 1837 xa se formulara o proxecto deste cambio de data que hoxe se materializa, aínda que existían certos receos sobre a aceptación da mudanza, ao terse convertido o 24 de febreiro nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. "Era o lóxico", opina o presidente da Fundación Rosalía, e ese pequeno cambio carece de importancia diante da proxección da súa obra sobre o

pobo galego. O importante é que houbo acordo entre todas as institucións, que non existiron disparidades e que Rosalía segue sendo un elemento de unidade entre todos os estamentos da sociedade galega".

Unha "nova" data que os estudosos daban como plausíbel. Até o de agora, coñecíase unicamente a partida bautismal de Rosalía, do 24 de febreiro de 1837, e ao ser esta a única proba documental acreditada, dábase por boa esta data para lla asignar ao nacemento da autora. Non obstante xa existían moitos indicios que apuntaban ao día 23 de febreiro como a data real do nacemento da autora. Manuel Murguía, por exemplo, no Diccionario de escritores gallegos, escribe que Rosalía naceu en Santiago o 23 de febreiro de 1837.

Tampouco parecía moi normal que, sendo bautizada o día 24 de madrugada, a data de nacemento fose dese mesmo día.

A nova información biográfica sobre Rosalía quedou recollida na publicación Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), de Sagrario Abelleira.

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Un día para celebrar a Rosalía

A Xunta de Galicia e as institucións vencelladas á autora deciden cambiar a efeméride tras a aparición de nova documentación que desvela a súa data real de nacemento

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, o curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, se celebraba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.

Logo deste acordo, que traslada a celebración ao día 23, a Xunta, a Fundación Rosalía de Castro e demais institucións e asociacións vinculadas á figura da poeta convidan á sociedade a renderlle homenaxe a Rosalía no seu día e en todos os demais lendo e poñendo en valor a súa obra.

Convidamos á Comunidade educativa do Eusebio da Guarda a celebrar este 23 de febreiro de 2022 poñéndo en valor a figura de Rosalía e a súa obra.

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Lectura dos poemas polas aulas:

 

Exposición A CASA DE GALICIA. 50 ANOS DA CASA DE ROSALÍA

Exposición A CASA DE GALICIA. 50 ANOS DA CASA DE ROSALÍA

Cúmprense 150 anos desde que Rosalía De Castro chegou en 1871 á cidade, con este motivo estreouse onte nos xardíns de Méndez Núñez a exposición A casa de Galicia.50 anos da casa de Rosalía.

A mostra fai un repaso polo fito que supuxo mercar e restaurar a casa da Matanza, na que a escritora viviu e morreu, para convertela na Casa-Museo de Rosalía de Castro en pleno franquismo. Algo que foi posible grazas á colaboración dos galegos asentados en Galicia e dos galegos da emigración. Tamén de concellos, xornais, clubs deportivos e asociacións.

A exposición dá a benvida a través dunha fiestra, que simboliza a frase que a escritora pronunciou no seu leito de morte na casa da Matanza en 1885:”Abride esa fiestra, que quero ver o mar”. “A historia da casa de Rosalía de Castro é a do traballo constante por abrir unha fiestra de liberdade na negra sombra de pedra franquista”, reza o primeiro mural que abre a exposición.

O alumnado de 3ºV en compañía da profesora Beni Vidal do Ámbito Lingüístico-Social percorreu a exposición tomando nota da información dos murais.

Departamento de Lingua Galega e Literatura

MIÑAS DONAS E SEÑORES, NENOS VELLOS E MEDIANOS ... (Cantares ou romances de cego)

O alumnado de 1º BACH A, E, F e G, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, confeccionaron neste último trimestre do curso cantares ou romances de cego, como traballo práctico correspondente á cantiga popular, dentro da literatura galega de tradición oral. Así pois, compuxeron eles mesmos historias rimadas, empregando o romance, como era habitual no repertorio de cantores cegos.

Para tal actividade, distribuíronse por parellas ou en grupos de tres e tiveron que elixir o argumento dunha historia para traballar. De seguido, compuxeron a copla, cunha rima doada e adaptándose os versos ás frases musicais, cunha linguaxe popular, procurando os gustos do auditorio. Así, casos de crimes, asasinatos, desaparicións mediáticas, atentados terroristas, traxedias ecolóxicas por naufraxios, casos paranormais de endiañamentos, culpas a inocentes, casos de acosos e abusos, ….. Todo isto tivo cabida na elaboración destes cantares, historias da crónica negra que, por desgraza, non deixan de producirse. A rapazada procurou casos moi impactantes, dentro e fóra das nosas fronteiras, conformando un corpus de sucesos terribles, moi do gusto do pobo e que dos que os cegos noutrora facían unha posta en escena maxistral. Ao mesmo tempo, decoraron cadanseus cantares coas maltranas ou cartelóns que acompañaban as representacións nas prazas e romarías.

Do seu traballo, aquí está esta exposición no corredor do primeiro andar do centro e onde os rapaces e rapazas, á maneira máis tradicional, penduraron as súas maltrañas ou cartelóns, acompañados dos respectivos romances.

(hai 7 vídeos en total)

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: Premios do Concurso de caligramas

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 

Hoxe no IES P EUSEBIO DA GUARDA déronse os premios do Concurso de caligramas, organizado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística. Os nosos parabéns a todo o alumnado participante e sobre todo aos gañadores. O nivel foi de moita calidade e o profesorado de Lingua estamos moi orgullosos da acollida da actividade e da ampla participación.

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Os gañadores son: 

 

PAREANDO... (Álvaro Cunqueiro homenaxeado polo alumnado de 2ºA e C de ESO)

PAREANDO...

Seguindo coa estela creativa de Álvaro Cunqueiro neste ano de homenaxes na súa honra, o alumnado de 2º ESO A e C estivo estas últimas semanas “pareando”, invención léxica verbal que lle acae moi ben o que realizaron: “acción de crear pareados”. Así pois, os rapaces e rapazas destes cursos, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, mergulláronse no mundo poético e e elaboraron pareados con colaxes, reafirmando dúas célebres frases: “a pintura (imaxe) é un poema sen palabras” (Horacio) e “a pintura (imaxe) é poesá visible” (Leonardo da Vinci). Nesta ocasión, o alumnado fixo unha “maridaxe” (termo culinario que sería moi do gusto do autor mindoniense) entre palabras e imaxes. 

O Club de Letras do Eusebio saíu de roteiro pola Coruña vella

O luns 26 de abril o Club de Letras do Eusebio saíu de roteiro pola Coruña vella, polo corazón da nosa cidade, rendendo homenaxe a esas persoas coidadoras que hoxe dan nomes ás rúas da súa parte máis moderna e lembrando todo o ben que teñen feito pola cidadanía. Acompañados por Ana Torres, Laura Veiga e Dulce Fernández, e respectando en todo momento as indicacións de seguridade, doce alumnos e alumnas percorreron a cidade aprendendo con sabias explicacións de voluntarios/as acompañantes como Charo Soto, exprofesora do instituto, Isabel Ruso, directora do mesmo, e Xurxo Souto, animador cultural. Foi unha tarde moi fermosa e enriquecedora, aprendendo sobre a historia da nosa cidade, que é tamén a nosa historia. Grazas a todos e a todas por facelo posible.
 
 

40 cabodano de Álvaro Cunqueiro (1911 - 1981)

 MIL PRIMAVERAS MÁIS NO EUSEBIO…....”

 

Co fin de honrar esta efeméride, o alumnado de 2º ESO (grupos A e C) e o de 1º BACH (grupos A, E, F e G), coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo elaboraron as súas particulares homenaxes desenvolvendo as seguintes facetas deste autor:

 

Narrador: elaboración de semblanzas do realismo máxico cunqueiriano, coa descrición e ilustración de animais inventados, seguindo a estela da Fauna máxica do autor mindoniense, contida na súa obra Escola de menciñeiros.

 

Poeta: como o alumnado de 1º BACH estudou na 1ª avaliación a literatura medieval, agora trataron a vangarda do Neotrobadorismo, sendo Cunqueiro un dos seus máximos representantes, en obras tan singulares como Cantiga nova que se chama riveira. Como se de auténticos trobadores e trobairitzes se tratase, o alumnado elaborou cantigas neotrobadorescas do século XXI.

 

Lexicógrafo: seguindo a inmensa capacidade creativa de Cunqueiro ao inventar palabras, eles tamén crearon un particular dicionario de termos inventados, con cadanseus exemplos, para darlle un carácter máis didáctico, seguindo o modelo da obra Contribución ao léxico deÁlvaro Cunqueiro (RAG/ ILG), que recompila a imaxinación semántica do autor de Terra de Miranda (Mondoñedo).

 

Esta exposición atópase nos vidros que pechan o claustro do patio interior, planta baixa do edificio histórico.

 

Teresa Pastor Novo

DÍA DE ROSALÍA

DÍA DE ROSALÍA 

O Departamento de Lingua Galega e Literatura xunto con Dinamización Lingüística organizou hoxe 24 de febreiro, data do nacemento de Rosalía De Castro, unha exposición conmemorativa para lembrar á nosa escritora máis universal.

Por mor da pandemia este ano non puidemos celebrar o Maratón de lectura no salón de actos, pero fixemos a lectura dos poemas de Rosalía en cada clase.

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

Exposición “A Lírica Galego- portuguesa medieval. Os Cancioneiros”

O Departamento de Lingua Galega e Literatura en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística organiza a exposición “A Lírica Galego- portuguesa medieval. Os Cancioneiros”. 

Expóñense os facsímiles dos tres Cancineiros da Lírica Galego-portuguesa: o Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Vaticana e o Cancioneiro Colocci-Bracutti, ademais do Códice do Escorial das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sábio e a Cantiga XXXVII de Fe Afonso X. Acompañando os facsímiles aparecen unhas láminas explicativas da Lírica trobadoresca conxuntamente con outras de imaxes medievais. Completan a exposición diferentes publicacións sobre esta etapa fundamental da nosa literatura.

Obxectivo: Que o alumnado de Lingua Galega e Literatura (sobre todo 1ºde Bacharelato) coñeza de primeira man o que supuxo a Escola Galego-portuguesa e a cultura trobadoresca na história da Literatura Galega.

A exposición permanecerá ata febreiro de 2021.

Bo Nadal!

Distribuir contido


by Dr. Radut