Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Encontro da escritora Ledicia Costas para o alumnado de 1º ESO

9 de maio de 2022

Encontro da escritora Ledicia Costas para o alumnado de 1º ESO

Hoxe tivemos a enorme fortuna de contar coa presenza da escritora dun dos libros que o alumnado de 1º ESO leu este ano, concretamente na 3ª avaliación: Escarlatina, a cociñeira defunta. En consoancia co seu nome, as súas palabras encheron de ledicia unha Aula Picasso chea “ata a bandeira”, nunha solleira mañá inesquecible. Ninguén se quixo perder quen era esa autora que tratou a morte con tanto humor, con aventuras divertidas dun Inframundo, que para nada lles meteu medo, senón que gozaron cuns personaxes moi peculiares e divertidos. Houbo tempo para todo, ou mellor, se cadra botariamos a mañá enteira escoitándoa xa que, moi xenerosa, nos confesou infinidade de curiosidades: que de pequena o que máis lle gustaba era ler, que lle encanta comer chocolate, que adora visitar cemiterios e que estudou Dereito e exerceu uns anos como avogada, pero desde había xa tempo dedicouse por completo á literatura. Tamén nos contou anécdotas divertidas, como que un alumno dun instituto ao que acudiu para dar unha charla, tiña medo achegarse a ela, porque pensaba que estaba morta, que era un espírito, porque sempre falaba de mortos e cemiterios. Despois, as súas profesoras de Lingua Galega e Literatura,  Carme Edreira e Teresa Pastor, deulle a palabra ao alumnado, quen comezou unha rolda de preguntas sobre o libro e, sobre a súa traxectoria literaria en xeral. Tamén houbo oco para gastarlle unha pequena broma: dixémoslle que no soto deste instituto a rapazada atopara unhas receitas noxentas moi antigas, tamén do Inframundo e seica debeu de habitar este enorme edificio unha vella cociñeira do Alén e abofé que as deixou para que alguén as probase. Así, algúns alumnos e alumnas aproveitaron esta brincadeira para lerlle a Ledicia esas receitas imposibles de comer polos vivos, pero que fixeron as delicias da autora viguesa.

A sinatura de exemplares e mais as fotos feitas con todos nós puxéronlle o broche de ouro a este fermoso encontro. Moitos parabéns, Ledicia! Volve cando queiras!!!!

Teresa Pastor Novo. Departamento de Lingua Galega e Literatura



blog | by Dr. Radut