Festa da Candeloria: 2 de febreiro

Enviado por iesproval o Lun, 2023-01-30 20:00

 

O 2 de febreiro é o verdadeiro día do amor: a Candeloria

 

Escribíronme unha carta

nas alas dun paxariño,

quen che me dera saber

quen me ten tanto cariño.

 

  • Na cultura popular galega a tradición simboliza neste día a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal, terminan as xaneiras dos gatos e disque os paxariños casan. Tradicionalmente, os mozos, neste día, deixaban  unha notiña de amor na porta da súa namorada e as mozas bordaban un paniño con coplas que lle ofrecían ao seu amor. Esta tradición consérvase no norte de Portugal nos “lenços dos namorados”.

 Non te quixen nin te quero

 nin teño tal intención,

 que outros paxariños voan

 dentro do meu corazón.

 

Na Candeloria tamén se lle dá a benvida á primavera:

  • Día da Candeloria, inverno fóra. Se chove ou venta, aínda entra.
  • Que a Candeloria chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar.

 

  • Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o departamento de Galego recuperamos tradicións ben lindas,  coma a Candeloria, e seguimos gozando delas, creando coplas de amor e celebrando a alegría da primavera que se achega.Non te esquezas de meter a túa copla na caixa que estará no primeiro andar desde o 2 deica o 10 de febreiro. Escribe cantas mensaxes de amor queiras, en catro versos seguindo o modelo das nosas coplas populares. Xa sabedes que podedes acompañalas de debuxos, como nos lenços. Animádevos a depositar as vosas mensaxes -indicando pola parte de atrás o voso nome e curso- na caixa do amor situada no primeiro andar antes do 10 de febreiro!
  • Haberá premios de 15, 10 e 5€ en cada categoría: a) 1º/2º/3º ESO (PMAR+PDC) e 1º FPB e b) 4º ESO, 2º FPB, BAC, ESA, ciclos.
  • Cantidade e calidade este ano foi a colleita de coplas de amor que recibimos polo Día da Candeloria. Velaquí a listaxe de alumnado premiado:

Na categoría A outorgáronse dous 1º PREMIOS para ENOLA FERNÁNDEZ PENELA e ADRIANA GRANDAL ALONSO; dous 2º PREMIOS para PABLO RODRÍGUEZ ALAMEDA e RHAYLLA PEREIRA SILVA; e sete 3º PREMIOS para MARCO CONDE FRANCISCO, SIMÓN PORTO COVELO, LARA CARNEIRO CONDE, JAVIER RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, BRAIS RODRÍGUEZ FIGUEROA, LARA LONGRES COMESAÑA e JULIA SENRA FERNÁNDEZ. Na categoría B dúas foron as gañadoras: 1º PREMIO para ISIS ACEA e 2º PREMIO para CARLA SALGUEIRO DIEGO. 

Parabéns pola vosa creatividade e grazas a todo o alumnado participante na nosa tradicional voda dos paxariños! Agardámovos o febreiro que vén!