Actividades

Accésit para o alumnado do Proxecto Competencial. Departamento de Latín

O alumnado da materia "Deseño e redacción dun traballo universitario", do Proxecto Competencial de 2º de Bacharelato impartida polo Departamento de Latín, obtiveron un accésit no "Premio Otero Pedrayo para estudantes de secundaria e bacharelato". Na hora semanal da materia realizaron un traballo sobre a novela O mesón dos ermos, de Otero. Analizaron a violencia e o conflito, especialmente o bandoleirismo e o tráfico negreiro. A Fundación Otero Pedrayo envioulles un diploma e uns agasallos relacionados coa vida e obra de don Ramón. Parabéns por teren aproveitado tan ben o tempo desta materia! 

Saída didáctica do Departamento de Latín

O alumnado de Latín e Grego realizou unha saída didáctica aos concellos de Vimianzo e Zas, para coñecer algunhas pegadas da Historia, especialmente da presenza romana na Costa da Morte. Comezaron polo castro das Barreiras, preto de Vimianzo. En Brandomil, xa no concello de Zas, coñeceron as escavacións arqueolóxicas de época romana, o castro, a calzada antiga, a igrexa e o Pozo Limidoiro, talvez resultado da explotación aurífera romana. A carón do guerreiro castrexo da área recreativa, recitáronse un par de poemas de Pondal nos que aparece a personaxe do guerreiro Brandomil. De volta ao centro, pararon no dolmen Pedra da Lebre, na parroquia de Serramo, e remataron no adro e igrexa de Santa Baita de Tines, vinculados a achados de época tardorromana e medieval, como o sartegos. 

Roteriro por Coruña do Club de Lectura

O luns 15 de abril ,alumnado que participa nos clubs de lectura e no programa de voluntariado da biblioteca realizou un roteiro literario e cultural pola cidade da Coruña. A visita guiada pola Torre de Hércules permitiunos coñecer a súa historia e observar as impresionantes vistas dende o máis alto do monumento. Dende alí localizamos espazos literarios que aparecen nas novelas lidas no club como Afogada de Rocío Leira ou Azucre de Bibiana Candia. Continuamos o roteiro cunha visita guiada polo Museo Militar  da cidade que nos permitiu coñecer moitas curiosidades da nosa historia.

PONDALIANOS POLO MUNDO, EDICIÓN BÉLXICA

Como vén sendo habitual dende hai uns anos, o alumnado de Francés de 1º de Bacharelato do IES Eduardo Pondal de Ponteceso realizou unha viaxe de inmersión lingüística a Bélxica, organizada polas profesoras dese Departamento. Durante cinco días, os rapaces visitaron as vilas de Bruxas, Gante e Bruxelas.

 

Na capital europea, ademais de probar os seus típicos gaufres e moules-frites, os alumnos pontecesinos percorreron as animadas e cosmopolitas rúas e visitaron puntos clave da capital como a Grand Place, as Galeries Royales Saint-Hubert, o barrio europeo, o hemiciclo do Parlamento europeo, a Casa de Europa, o Centro Belga da Banda Deseñada, o Museo do Chocolate, a catedral, etc.

 

Houbo tamén tempo para a arte, coa visita do Museo de Banksy e a exposición “Histoire de ne pas rire. Le surréalisme en Belgique”, no BOZAR, pero tamén para o lecer, co visionado do filme de animación Mars Express no centenario Cinéma Galéries ou a asistencia ao concerto da cantante siria Lynn Adib na icónica sala de concertos Ancienne Belgique.

 

Velaquí a reportaxe gráfica da viaxe. Por moitas viaxes coma esta!

Distribuir contido