Excursión Correspondentes Xuvenís

Hoxe, luns 20 de xuño, os e as correspondentes xuvenís foron de excursión, como recoñecemento ao labor desenvolvido ao longo deste curso académico. 

Neste día lúdico en Santiago de Compostela aproveitamos para ir ao Cine Numax a ver a película Snowden, dirixida por Oliver Stone, na que se conta a historia de Edward Snowden, un xoven analista que traballa para a Axencia de Seguridade Nacional (NSA) nun programa secreto de vixilancia mundial no 2013. 

Edward Snowden a través dos xornais TheGuardian e The Washington Post fixo públicos ao redor de 9000 documentos que estaban clasificados como alto secreto sobre diversos programas de la NSA, incluíndo os programas de vixilancia masiva PRISM e XKeyscore. 

Unha vez rematado o filme acercáronse ata o Parlamento de Galicia, onde foron recibidas e recibidos por Adriana Martínez (Responsable de visitas guiadas do Gabinete de Presidencia do Parlamento), Carlos Varela (Responsable de comunicación do Gabinete de prensa da Presidencia do Parlamento) e Pedro Vila (Xefe do servizo de Tecnoloxías da Información do Parlamento).

Tendo en conta o traballo que desenvolveron os e as correspondentes xuvenís ao longo do curso, puideron contar cunha visita personalizada e única, na que lles explicaron a posibilidade de ver as sesións parlamentarias en directo, en diferido e a demanda a través da Mediateca, recurso propio do Parlamento, polo que non lles fai falta empregar Youtube; como se realizan as gravacións e como se busca sempre a obxectividade, motivo polo que non se editan os vídeos das gravacións para evitar a subxectividade; e como están a traballar en que durante a emisión das sesións parlamentarias se leve a cabo a transmisión das palabras, de aí que conten tamén coa linguaxe de signos, xa que isto permite tamén a accesibilidade das persoas con discapacidade.  

Ademais viron como se estrutura a súa web e cales son as redes sociais que usa o Parlamento de Galicia, neste caso Facebook e Twitter, nas que dan conta do que sucede no Parlamento, tales como as actividades que se desenvolven, publicación da axenda diaria, comparten o vídeo do pleno con enlace directo á Mediateca onde se atopa aloxado. Todo elo sempre desde a obxectividade, non se realizan comentarios ás novas publicadas. 

Unha vez rematada esta sesión informativa puideron ver a sala de control, dende onde supervisan as oito camaras que teñen no hemiciclo e como a través de Akamai  poden retransmitir en streaming a todo o mundo.  Ademais accederon ao hemiciclo, alí explicáronlles o seu funcionamento, os tempos de intervención dos deputados e deputadas, como xestionan este tempo de intervención e como se lles proxecta o que teñen para cada intervención; como se gravan as sesións  e como nesas gravacións son o máis obxectivos e limpos posibles, evitando posibles situacións “cómicas” que poden desviar o foco do que realmente é importante a nivel informativo. Á parte de resolveren as dúbidas que xurdiron ao longo desta visita. 

Grazas pola vosa amabilidade e acollida, polo voso saber compartido, Adriana Martínez,  Carlos Varela  e Pedro Vila.

 

 

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Excursión Correspondentes Xuvenís