ANOCA: aprender no cárcere

O pasado martes día 12, recibimos a visita de dous profesores e un interno do cárcere de Teixeiro.

A actividade enmarcada no proxecto ANOCA ( aprender no cárcere), trataba de presentar ós alumnos unha realidade que consideramos altamente educativa. O director do IES e unha profesora contáronnos como é a vida no cárcere e como funciona a escola alí dentro e proxectaron un video no que se podían ver os diferentes módulos do cárcere e a súa función.

Logo, o interno, José Ramón, explicou con gran valentía cal foi a súa experiencia persoal: a primeira etapa de delincuencia, como consecuencia do consumo de drogas, logo o ingreso no cárcere, e a evolución da súa forma de pensar no transcorrer do tempo. Así, despois de moitos anos chega á conclusión de que, procedendo da cadea, non é posible reintegrarse á vida normal se non é a través dos estudos, polo que está a realizar a carreira de Psicoloxía pola UNED, renunciando incluso a posibilidade do terceiro grado e a liberdade provisional xa que isto implicaría o seu ingreso nunha comunidade terapéutica interrompendo, probablemente, os seus estudos.

O impacto para os alumnos foi importante. Algúns amosaron a súa intención de comunicarse con el. Desde o equipo de Orientación e directivo do IES de CURTIS desexan agradecer ao colectivo ANOCA a súa intervención.