Actividades e Concursos

Club de Lectura IES Castelao

Texto: Club de Lectura IES Castelao

Bota a andar o Club de Lectura IES Castelao aberto ao persoal docente, persoal non docente, pais e nais do alumnado e alumnado que xa deixou o centro.

O primeiro libro escollido é a novela As malas mulleres, Premio Blanco-Amor de Novela, de Marilar Aleixandre, ex-directora do centro, que terá un encontro cos integrantes do Club para falar do libro o día 14 de febreiro de 2022, ás sete e media do serán, no Paraninfo Xela Arias (antigo Salón de Actos).
 Portada do libro, logo da librería e imaxe da autora
Antes, o 31 de xaneiro, á mesma hora, teremos unha reunión preparatoria para manter un coloquio antes da sesión presencial coa autora.
 
Contamos coa colaboración da libraría Cartabón -Rúa de Urzaiz, 125- que aplicará o máximo do desconto legal para as persoas que queiran adquirilo. Tamén a nosa biblioteca disporá dalgúns exemplares.
 
As persoas interesadas en formar parte do Club anotádevos mediante o seguinte formulario:

FORMULARIO DE INSCRICIÓN NO CLUB DE LECTURA IES CASTELAO

Os premios de tradución!

Ditame do premio de tradución

    O equipo da biblioteca Ramiro Fonte do IES Castelao acordou emitir o ditame que resolve o concurso organizado para celebrar tanto o Día Europeo das Linguas -que preserva a riqueza da diversidade lingüística de Europa e potencia a aprendizaxe de linguas- coma o Día Internacional da Tradución, que ten como obxectivo visibilizar a relevancia dos profesionais da tradución.

     Queremos antes de nada salientar a alta participación nas dúas modalidades do concurso, pois foron case cincuenta as propostas recibidas.


     Na modalidade da ESO resultou vencedor o cuestionario que subscribiu Daniela A. Madera Rivero (4º - B).

     Na modalidade de Bacharelato concédense dous galardóns ex aequo que corresponden a Noelia Carollo Abelaira (2º Bac-D), polas súas traballadas versións, e a Cristina Otero Costas (1º Bac-C), pola orixinalidade das linguas escollidas.

    Grazas a todo o alumnado por participar e ao profesorado que o animou.

    Animádevos a seguir facéndoo.

    Parabéns para as gañadoras!

Buscando a historia

          Animádevos a introducir, nesta arrepiante boca que nos brinda Chus Ferrín, o relato dunha historia que teredes que atopar previamente na cuadrícula dalgún dos carteis do vestíbulo:

Quen dixo medo? Lecturas na biblioteca

Arredor do 1º de novembro adoitamos ler na biblioteca relatos de terror. Fixémolo tamén este curso, como podedes ver nas imaxes.

Abrimos boca tamén, deste xeito, para que o alumnado se anime a participar no concurso de microrrelatos que axiña comezará.

Concurso de Tradución

Iniciamos este curso desde a Biblioteca celebrando varias efemérides para así festexar algunhas das linguas de Europa xunto coas súas literaturas. Porque…

O día 26 de setembro celébrase desde 2001 o DÍA EUROPEO DAS LINGUAS para preservar a riqueza da diversidade lingüística de Europa e potenciar a aprendizaxe de linguas, entre outras cousas. Por outra banda, desde 1991 o día 30 de setembro homenaxéase a san Xerome, patrón dos tradutores, no DÍA INTERNACIONAL DA TRADUCIÓN, coa fin de facer ver a importancia destes profesionais nun mundo cada vez máis globalizado.

Combinando ámbalas datas, propoñémosvos que vos fagades investigadores-tradutores por un breve tempo e participedes no CONCURSO da nosa biblioteca.

Hai dúas modalidades, unha para ESO e outra para BAC.

Na modalidade de tradución terase en conta, ademais da calidade, a orixinalidade das versións e tamén das linguas ás que se verten os textos.

O prazo de entrega remata o 8 de outubro

Animádevos!!

Concurso ESO

Concurso BAC

Concurso "Ti que libro recomendas?"

     Desde a biblioteca convocamos nesta ocasión ao alumnado a recomendar unha lectura con motivo do Día do Libro.

   Entre os máis de vinte participantes neste concurso, foron moitos os que argumentaron acertadamente  e acompañaron dun fermoso deseño a súa recomendación. 

      No sorteo efectuado coa axuda da voz inocente de Naiara Gallego resultaron gañadores:

Na ESO: Taixa da Cunha  da Silva, de 2º ESO-E, acompañada na imaxe pola súa profesora de Lingua Castelá Pilar Santos. 

En Bacharelato: Mónica Fernández Alonso, de 1º Bac adultos B, na foto con Pedro Iturburúa, o seu profesor de Lingua Castelá.

      Parabéns aos gañadores e a todos os participantes.

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

O grupo de lectura de 3º A e B  leu  na 1ª quincena de maio  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta  de  Ledicia Costas.

O texto, en xeral, gustou ao alumnado. Ana recomenda a súa lectura por ser moi entretido xa que conta sucesos con personaxes reais como Sanjurjo ou Jules Verne e fantásticos como o tema das mulleres planta.  Que se desenvolvese a historia en Vigo e nas Illas Cíes tamén lle dá á historia un punto de realismo. Elisa sostén que a historia, ademais, está presentada como unha intriga ou misterio que se vai desenvolvendo ao longo da novela. Tamén hai emoción e sentimentos, di África, como o que sentiu ela co reencontro de Azucena coa súa filla.

A visita do inspector

A VISITA DO INSPECTOR | J. B. PRIESTLEY | Casa del LibroA visita do inspector  

O outro grupo de lectura de 1º Bacharelato A e B leron e comentaron a peza de J. B. Priestley A visita do inspector.                     

Distribuir contido