Un ano máis, chegou o momento de dicir palabras de amor.
Nesta ocasión o alumnado dispón dun muro como o da casa na que viviu quen inspirou o amor dunha das grandes parellas de namorados da historia da literatura (Romeo e Xulieta), para escribir as súas mensaxes.
Desde a biblioteca fornecemos a quen queira dispoñer delas palabras de amor, para lelas ou para dicirllas a alguén.
E, por certo, se non sabes a historia do santo, pódeste informar tamén no vestíbulo!!!
Seguindo coas exposicións de debuxos do alumnado de Plástica, podemos gozar agora na biblioteca das fermosas Metamorfoses que debuxantes de 1º e 2º de Bacharelato plasman combinando ou ben plantas con cunchas ou ben plantas con insectos.
O resultado é extraordinario, abofé. Non deixedes de visitar esta exposición!
Seguindo coas exposicións de debuxos do alumnado de Plástica, podemos gozar agora na biblioteca das fermosas Metamorfoses que debuxantes de 1º e 2º de Bacharelato plasman combinando ou ben plantas con cunchas ou ben plantas con insectos.
O resultado é extraordinario, abofé. Non deixedes de visitar esta exposición!
Ao longo da semana que remata celebramos varias sesións de achegamento á figura e á obra de Verne, con grupos de ESO na biblioteca e con 1º de Bacharelato no Paraninfo. Pensamos que serviron para espertar ou afianzar o interese polo escritor internacional, tan vencellado á nosa cidade.
Aínda queda por vir o 18 de febreiro, data do aniversario da chegada do Nautilus á baía de Vigo no capítulo VIII da 2ª parte de Vinte mil leguas baixo dos mares, que a cidade celebrará da man da Sociedade Jules Verne de Vigo, coa lectura íntegra dese capítulo, ao pé da emblemática escultura do escritor sentado nun polbo xigantesco.
Neste mes de xaneiro, no que Castelao naceu (día 30) e faleceu (día 7) adoitamos dedicarlle algunhas sesións informativas para que o alumnado deste centro de secundaria que leva o seu nome saiba algo máis del.
Centradas no nivel de 2º da ESO, desenvolvéronse na biblioteca e mais no vestíbulo do instituto ao longo desta semana que remata o 30 de xaneiro, data na que se celebra, conmemorando o nacemento de Castelao en 1886, o Día da Ilustración, este ano adicado a Reimundo Patiño.
Tamén distribuímos cuestionarios e pasatempos arredor da figura de Castelao, coa mesma finalidade divulgativa. Nas imaxes recóllense algúns momentos destas actividades.
Se queredes sentirvos moi ben, coma no ceo, visitade a biblioteca e contemplade estas estrelas que debuxou o alumnado de 3º A. Decoran tres das mesas longas.
Continuamos ofrecendo mostras de bo facer por iniciativa do departamento de Plástica, contribuíndo a crear na biblioteca un espazo agradable, luminoso, acolledor, creativo...
Visitádea!
No sorteo celebrado o mércores 19 de xaneiro entre os lectores da biblioteca do primeiro trimestre deste curso, resultou afortunada co vale de 25€ para libros a alumna de 1º ESO D Iris Santana Cacabelos.
Parabéns e a seguir lendo e devolvendo os libros en prazo!
Volvemos despedir o ano, como faciamos antes de empezar a pandemia, con Lecturas de Nadal na Biblioteca, segundo o calendario que se inclúe arriba.
Para ambientarnos, penduramos do teito da nosa biblioteca libros relacionados dalgunha maneira con este tempo, coma se fosen folerpas literarias: así de suxestivamente as denominou unha das asistentes de 1º da ESO.
Desexamos que todas as persoas relacionadas co Instituto pasen unhas BOAS FESTAS!
Desde o curso 2019-2020 grazas á iniciativa do departamento de Educación Plástica e Visual temos ocasión de contemplar exposicións de debuxos do alumnado nas mesas da biblioteca.
Neste momento pódese ver unha dedicada a TETEIRAS, do alumnado de 2º de bacharelato.
Quen a queira ver, que vaia axiña porque logo vén a seguinte, xa chama á porta...