VISITA ÁS DUNAS DE CORRUBEDO, DOLMEN DE AXEITOS, CASTRO BAROÑA E PRAIA DA AGUIEIRA

Foto grupo Castro Baroña

O martes, 21 de xuño do 2022, o alumnado de 2º da ESO fomos de excursión de fin de curso, na cal percorrimos varios lugares distintos da provincia da Coruña.

A nosa primeira parada foi nas dunas de Corrubedo. O recinto das dunas cambiou moito ao longo dos anos, dado que agora está protexido, e non se pode acceder ás dunas directamente, senón que hai que chegar ata elas por un camiño de madeira. Ao lado das dunas había unha praia, á que había que chegar por un camiño de area e pedras. Así, paramos un anaco naquela gran praia, despois de ver as dunas.

O segundo sitio ao que fomos foi o dolmen de Axeitos, o que visitamos indo por turnos, organizados en tres grupos. Alí, Esther explicóunos a función daquel megálito e a súa data aproximada de creación. Un dolmen ten unha función funeraria, dado que as persoas mortas eran enterradas, e as pedras colocábanse enriba, formando a súa estrutura; e este dolmen databa do ano 4.000 antes de Cristo. Despois, metímonos dentro do dolmen, para velo dende o interior.

O terceiro lugar que visitamos foi o Castro de Baroña. Neste castro viviron os castreños dende o ano 1 antes de Cristo ao ano 1 despois de Cristo, aproximadamente, e aínda agora se conservan as estruturas desas casas. Así, fomos explorar o castro, dando voltas por el e vendo o que contiña. Acto seguido, baixamos todos ao exterior do recinto para sacar unha foto final.

A nosa cuarta e final parada foi a praia da Aguieira, onde xantamos e estivemos as primeiras horas da tarde. Logo do xantar, estivemos paseando, bañándonos e xogando nela, pero, por desgraza, estivo chovendo a maior parte do tempo. Aínda así, botamos un bo anaco na praia ata que a choiva foi a máis, e marchamos para o autobús. Ao marchar daquela praia, a excursión deuse por finalizada.

Que boa maneira de rematar o curso, non si?

Zoe de Rojas Rozas, 2º ESO grupo D

icona facer clic