ISAAC DÍAZ PARDO. LUZ E COMPROMISO


 

O IES de Brión acolle dende o día 23 de xaneiro ata o 15 de marzo a exposición  "Isaac Díaz Pardo. Luz e Compromiso". Permanecerá aberta de luns a venres en horario lectivo e as tardes dos martes de febreiro de 16 a 20 horas. Foi realizada por Maka Arca Camba e Ana Mosquera Pérez, profesoras do IES nº 1 de Ordes, que sentiron a necesidade de contribuir a espallar o traballo desta figura irrepetible da cultura galega.

A exposición fai un percorrido por toda a súa vida e obra,  sempre impregnada  dun inmenso amor e compromiso coa nosa terra. Comeza coa infancia 

 

e adolescencia, presentándonos a un neno criado nos valores culturais, ideolóxicos e artísticos da República que ve como todas as  ilusións e soños dese período escachan en xullo de 1936 co golpe militar e o drama da guerra civil. A partir de aí tivo que ir facendo frente á vida como puido pero eses anos da nenez deixaron nel unha marca indeleble que sempre o alentou no desexo de mudar a sociedade galega. Contando coa colaboración de personalidades creadoras como a de  Luís Seoane levou adiante a proposta cultural privada máis importante e trascendente feita en Galicia despois do ano 1936. Como recoñecemento á súa traxectoria recibíu numerosos premios e distincións, pero nos seus últimos anos tivo que ver como o seu labor se ven abaixo polo afán mercantilista dos seus "leais socios" que o arredan do control das empresas que el creara. A avalancha de actos de homenaxe e adhesión que seguiron a estes feitos non foron suficientes para compensalo do dano que lle fixeran algunhas das persoas nas que confiara. O 5  de xaneiro de 2012 morre Isaac Díaz Pardo deixándo tras de si unha extensa obra como pintor, debuxante, cartelista, escritor, escenógrafo, deseñador, promotor de industrias e institucións culturais... pero sobre todo o exemplo da súa vida, unha auténtica torre de ética e estética.