Skip to Content

Actividades

ROTEIRO CASARES

 

Alumnos de As Lagoas abren o 'roteiro Casares'

Percorreron as rúas da cidade relacionadas coa vida e obra do escritor
  
 

redacción. ourense - 18-12-2013

 

 

 

Un grupo de alumnos do IES As Lagoas, acompañados do seu profesor Afonso V.Monxardín, fixeron onte, dende as dez e media da mañá, unha primeira experiencia para un roteiro pola cidade en memoria de Carlos Casares. Iniciado no Parque de San Lázaro, lembraron que nacera como escritor do seu contacto co seu profesor de literatura Agustín Madarnás e de Vicente Risco, nos mediados dos 50, e que foi agasallado en todas as cidades de Galicia, despois da súa morte en 2002, con rúas e estatuas, pero aínda non en Ourense. A continuación percorreron dezaoito puntos da cidade, e nas paradas fixeron lectura de fragmentos escollidos dos seus libros, nun percorrido triple, pola vida e obra de Casares e pola relación do escritor coa cidade e as súas xentes.


PERCORRIDO

Comezaron na esquina da avenida da Habana e Cardeal Quevedo, no lugar onde estivera a casa de nacemento, e despois de pasar por Curros Enríquez, a igrexa dos franciscanos, o parque de San Lázaro, a rúa do Paseo, a Alameda, o Liceo, Arcedianos, rúa da Paz, praza do Ferro, Lepanto, praza do Trigo, concluíron na Praza Maior.

Textos de obras de Casares como 'Vento Ferido', 'Cambio en Tres', 'Ilustrísima', 'Un país de palabras', 'Deus sentado nun sillón azul', 'O sol do verán', combinados con distintos fragmentos de ensaios históricos, biografías e textos xornalísticos, e as explicacións do profesor, puxeron luz a un percorrido que pretenden repetir e facer nunha posta de largo, o día 9 de marzo próximo, cando se cumpra xa unha ducia de anos sen Carlos Casares.

 

http://www.laregion.es/noticia/272465/alumnos/lagoas/abren/roteiro/casares/

NOVAS CANTIGAS DE AMIGO

Revista Novas cantigas de amigo, composicións elaboradas polos alumnos de 3º A


http://www.calameo.com/read/000572897cedcedd8aa23

Concurso Literario Letras Galegas 2008

00/00/

Un ano máis o Departamento de Lingua Galega e Literatura convocou o Concurso Literario Letras Galegas.

No arquivo adxunto podedes ler os textos premiados.

Parabéns a todos os gañadores!

EXCURSIÓN A CELANOVA

00/00/

O día 6 de maio, con ocasión de se celebrar este ano o centenario da morte de Curros Enríquez, case 50 alumnos de 1º de Bacharelato e 4º ESO E fomos a Celanova para visitar a Casa dos Poetas (casa natal do escritor) e realizar un percorrido por espazos currosianos como Penalta, Einibó e o Cristal.
Tamén aproveitamos a xornada para visitarmos o mosteiro de Celanova, Vilanova dos Infantes e mais Castromao.

CONCURSO DE MICROVÍDEOS "PÁSALLE A LINGUA"

00/00/

… PÁSALLE A LINGUA!

 

Concurso de microvídeos  

 

O ENDL do IES As Lagoas convoca un concurso de creación de microvídeos dirixido aos alumnos dos IES de Galicia para combinar o control das novas tecnoloxías da comunicación coa promoción da lingua galega, de acordo coas seguintes  

BASES: 

1)      Poderán participar todos os alumnos e alumnas dos centros de ensino medio de Galicia e do resto do mundo. 

2)      Os microvídeos terán unha duración máxima de dous minutos e promoverán unha idea positiva da lingua galega. 

3)      O medio orixinal da gravación poderá ser calquera, -videocámara, teléfono móbil, etc.- e os microvídeos incluirán son e imaxe e deberán ser colgados en youtube e enviada comunicación cos datos de identificación (enlace, título, pseudónimo, autor, centro de ensino, idade e curso, enderezo, teléfono móbil, enderezo electrónico) a  “pasallealingua@gmail.com.  

4)      Os enlaces iranse facendo públicos, a medida que vaian chegando, na páxina da nosa Biblioteca (http://unhalagoadelibros.blogspot.com/)  citando pseudónimos e centro. 

5)      O prazo de presentación rematará o día 6 de xuño, aniversario da morte de Louis Lumiere e do desembarco de Normandía, en homenaxe ao inventor do cine e aos soldados de Ramirás combatentes na praia de Omaha.  

6)      O xurado poderá darlle difusión aos microvídeos, citando procedencia e autoría. 

7)      Haberá dúas cateogorias de premios: Alumnos do IES As Lagoas e Resto do Mundo. 

8)      En cada categoría habéra tres premios: De 100, 50 e 25 euros respectivamente, e serán comunicados no blog da biblioteca e persoalmente aos gañadores, o día 9 de xuño, aniversario da morte do emperador Nerón, en Roma. 

9)      Os participantes aceptan estas bases e a interpretación delas que fagan os membros do Xurado, pertencentes ao ENDL do Centro.  

Ourense, 1 de maio de 2008

CONFERENCIA LETRAS GALEGAS 2008

00/00/

Como inicio das actividades de conmemoración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2008, acudiu ao Instituto Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do autor homenaxeado Xosé María Álvarez Blázquez. Na súa intervención realizou un percorrido biográfico, ilustrado con fotografías familiares, acompañado da lectura e comentario dalgúns poemas significativos, que previamente lles foran entregados aos alumnos.

Distribuir contido


by Dr. Radut