Relatos Premiados

Publicados as creacións gañadoras do "I Concurso de Relatos do CDAN Lugo". Curso 2013/14.

Certame organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega xunto coa Dinamización de Biblioteca.

 

 

 

 

 

  • Relato Gañador da 2ª Categoría: Laura (4ºB)

 CÓMO SE COÑECERON RUDOLF NUREYEV E MARGOT FONTEYN

 Esta é a historia de como se coñeceron Rudolf Nureyev e Margot Fonteyn.

 Margot Fonteyn estaba bailando nun precioso prado ao lado da súa casa cando, de súpeto, viu una criatura. Semellaba un cabalo pero tiña ás e un corno na súa fronte. Ao saber que este fantástico ser era un unicornio, Fonteyn desmaiouse. Ao espertarse, notou algo húmido na súa cara, era a lingua do unicornio, que a lambía preocupado. Ela pensaba fuxir, pero o unicornio díxolle: 

- Ti es a elixida. O planeta Tutú está en perigo, e ti es a única que pode salvalo. – faloulle moi serio.

 Margot xa estaba máis tranquila, pero aínda estupefacta, dixo:

 - Non entendo nada, ¿cómo vou ser eu a elixida? Eu son una persoa normal, como todas. 

- Faime caso – insistiu o unicornio – vai á túa casa, colle o teu tutú preferido e súbete ao meu lombo. 
Margot ao ver que Coco (así se chamaba o unicornio) empezaba a poñerse triste tomou unha decisión: iría con el, pero tiña que explicarllo todo.

 Cando comezou a viaxe Coco comezou a explicar:

 - Tutú é o planeta que fai os sonos das nenas que queren ser bailarinas realidade. Este planeta está en perigo, o malvado Oberón quere destruílo. Ti ,xunto cun neno máis que despois coñecerás, sodes os elixidos para salvalo e derrotar a Oberón.
Despois dunha larga viaxe chegaron a Tutú, un planeta de cor rosa con un aro en forma de tutú. Alí estaban un unicornio e un neno con expresión extrana. Achegáronse a eles e presentáronse. O neno, que era o outro elixido, chamábase Rudolf Nureyev, e tamén quería ser bailarín. Coco díxolle:
 - Agora debemos partir, Margot, ponte o tutú e este maillot, despois colle esas zapatillas e faite un moño. E ti, Rudolf, ponte as túas mallas e a camiseta, logo estas zapatillas.
 
Fixeron o que lles mandou e partiron. Chegaron a un lugar negro e con un olor a fume. De súpeto, apareceu un home nunha nube gris, era Oberón. Tiña o pelo negro, como os seus ollos e a súa roupa. Cando baixou da nube comezou a batalla. 
Soou a música do Lago dos Cisnes e Oberón comezou a bailar. A súa danza era fría e lenta pero unha forte luz comezou a brillar dentro del. 
Tocoulles o turno aos nenos, que comezaron a bailar separados pero facendo os mesmos pasos. Pouco a pouco déronse conta de que ían perdendo xa que a súa luz era moi débil. Preparáronse para facer o que ía ser o seu derradeiro paso, miráronse e comprenderon que a resposta estaba xusto alí: comezaron a bailar xuntos, a súa luz comezou entón a brillar e brillar ata que estalou. Encontráronse entón nun fermoso lugar: había flores, unicornios, fadas, ananos, .... De súpeto déronse conta: derrotaran a Oberón, e ese era o lugar que este transformara. Salvaran o planeta Tutú.

Convertéronse nos heroes dos habitantes dese planeta.  

Tempo despois volveron á terra e chegaron a ser a mellor parella de danza clásica do mundo.
 E aquí acaba a historia, a verdadeira historia de como se coñeceron Margot Fonteyn e Rudolf Nureyev.

 Relato Gañador da 3ª Categoría: Eva López Quiroga

 

Movemento, move o vento
Ollos pechados, corpo relaxado… A música parece ser a única materia inqueda no lugar.
Desprázase por todo o espazo, levando con ela todo aquilo que sobra, que non é mester. Ela é sempre a encargada de deixarnos a sóas. A música, miña eterna compañeira, a que sempre sabe como activarme.
Pouco a pouco, as vibracións que ela produce sobre a atmosfera que me rodea chegan a cada célula do meu corpo, inundándoo, xerando movemento. Circuitos de enerxía percorren o meu interior, contaxiados inevitablemente polo ritmo melódico. Comezo a bailar pois, para sentirme, mas o que sinto é vacío, frío, incompleto… O meu movemento non é meu.
A miña mente é como o vento, o meu corpo unha nube… se me pregunto como está soprando o vento, mirarei a nube… É así de simple, o movemento do meu corpo fálame da miña mente, dos meus sentimentos, dos meus pensamentos. Que é se non a danza máis que a linguaxe da alma? Penso entón como vou sobrevivir sen o meu movemento… como podo saber quen son e que sinto sen que sexa a danza a miña linguaxe?
Todo parecía perdido, ata que chegou ela, Margot, a miña musa. Foi capaz de completarme. Estou seguro de que non o entendedes, non sabedes do que vos falo. Mais, para min está tan claro… As vibracións da música que antes me inundaban, completábanse agora coas que ela emanaba. Esculpida por anxos, bailaba ao meu carón, e non só iso; movíame. A incrible atmosfera que creaba coa súa arte envolvíame, arroupábame como unha nai que arroupa o seu meniño para protexelo dos pesadelos…
Xuntos, esqueciámonos de todo, ata o punto de non sentirmos máis que o movemento dos dous, que pasaba a ser un. A música era elo que facía sólida tal unión, mais era a danza a linguaxe que utilizabamos para nos comunicarnos, para nos sentir, para simplemente, ser….
Universal é, universal a sentimos, e universos creamos. Bailar con ela era un sinónimo constante de viaxe. Descubriamos mundos inexplorados, percorríamos paraxes inexistentes alén do escenario… cada movemento, un sentimento; cada movemento, move o vento.