Orientación educativa

Orientación 2013-2014

          UN  AMBIENTE  ESTIMULANTE  E  FELIZ           

¿QUE PODEN FACER NAIS E PAIS PARA ESTIMULAREN O DESENVOLVEMENTO DOS SEUS FILLOS E FILLAS?

DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN ESCOLAR DO CEIP XUÑO


 

COMO  DEPRENDEN OS NENOS?

 

  • Os nenos e as nenas están  SEMPRE DEPRENDENDO.
  • Desde que un neno NACE está a deprender.
  • Cada neno DEPRENDE ao SEU RITMO, e os ritmos de aprendizaxe son diferentes en cada neno.
  • O centro escolar asume, durante a etapa educativa, unha FUNCIÓN netamente EDUCADORA, promovendo experiencias de aprendizaxe específicas destas idades.
  • Pero queremos resaltar o LABOR plenamente EDUCATIVO que desenvolven vostedes, NAIS E PAIS, nestas idades temperás favorecendo, co seu interese e contacto cos nenos, experiencias que serven para completar e afianzar moitos dos obxectivos educativos programados no centro.
  • Con este ramallete de consellos pretendemos darlles unhas pequenas orientacións de como utilizar a vida cotiá para axudar a que o seu fillo ou filla aprendan máis e mellor.

Fálenlles aos seus fillos.

Os seus fillos ou fillas deprenderán MOITÍSIMAS palabras escoitándoos falar a vostedes.

  • Cando estean, poñamos por caso, no parque, na horta, ou pola rúa FÁLENLLE das cousas sinxelas e inmediatas: das formigas que van e veñen, das bolboretas que revoan, das abellas, das follas das árbores, da auga que vai por un regueiro, dos paxaros que vexamos, etc..
  • Fálelle coma a un adulto, non utilice a LINGUAXE INFANTIL. Se o seu fillo fala así, non o imite. Por exemplo, un pito non é un “pío”, un can non é un “guau”, a auga non é “aba”... Un pito é “pito”, un can é “can”, auga é “auga”...
  • Utilice as palabras apropiadas, aínda que parezan difíciles.
  • Sorprenderanse ao ver como os nenos COMPRENDEN e DEPRENDEN o seu significado.

Léanlles contos.

  • Lerlle contos aos nosos fillos ou fillas é unha das mellores maneiras de introducilos no gusto pola lectura.Léndolles, aprenderán a ler máis facilmente.
  • Se vostede lles le en voz alta aos seus fillos:
    • Eles decataranse de que ler é divertido.
    • Comprenderán o significado de moitas cousas.
    • Aprenderán a escoitar con atención.

Os nenos e as nenas deprenden imitando. (“de tal pao, tal acha...”)

  • Efectivamente, os nenos QUEREN SER coma os seus pais; falar coma eles falan, facer o que eles fan...
  • E, aínda máis, os nenos DEPRENDEN A SENTIR o que nós sentimos.
  • Se nós somos XENEROSOS, eles tamén o serán.
  • Se nós temos PACIENCIA, eles terana tamén.
  • Se nós NOS ALEGRAMOS polos demais, eles alegraranse.
  • Se somos respectuosos cos demais, eles deprenderán a RESPETAR.
  • Deste xeito estámoslles a ofrecer a oportunidade de deprenderen e formárense en EMOCIÓNS e SENTIMENTOS e, dándolles estas oportunidades, están deprendendo a ser bos veciños e veciñas, en definitiva, a ser BOAS PERSOAS, BOS CIDADÁNS.

O mellor de todo é o cariño.

Para empezar a deprender, os nenos necesitan SENTIRSE QUERIDOS. Un neno ou unha nena que se senten queridos, deprenden máis facilmente porque se senten seguros e felices cos demais.

  • QUERER a un neno ou a unha nena non significa consentirlles absolutamente todo. Ás veces un  “ non, iso non se fai ”, dito oportunamente, dálles seguridade aos nenos.
  • Os nenos e as  nenas saben que SON QUERIDOS polo xeito en que lles falamos, por como os miramos e por como os tratamos.
  • A ACTITUDE que os seus fillos van ter cara aos demais dependerá, e moito, do TRATO e CARIÑO que recibiron  durante os primeiros anos da súa vida.

SE O SEU FILLO OU FILLA  SE SENTEN  QUERIDOS, DEPRENDERÁN  CON  MÁIS  FACILIDADE.

PROPORCIONÉMOSLLES  AOS  NOSOS FILLOS E  FILLAS MODELOS  AXEITADOS  DE  CONDUTA.

Os nenos aprenden escoitando.

  • Os nosos fillos aprenden OÍNDONOS falar.
  • Cando un neno ESCOITE ruídos ou sons do exterior, saberá se os produce un coche, un tractor, o vento, un can, un cabalo...               
  • Tamén hai sons na casa: unha billa que pinga, os pasos das persoas, os sons do teléfono... todos eles van ADESTRANDO o oído do seu fillo ou filla para os sons máis difíciles que se poden atopar ao empezar a ler.
  • Cando empece a ler, a HABELENCIA que teña para oír, axudaralle a LER MELLOR.

 

¡ AXÚDEOS   PARA   QUE   DEPRENDAN    ESCOITANDO !

Os nenos deprenden facendo cousas.

 

  • Cantas máis cousas fagan, máis deprenderán.
  • FACER é, DEPRENDER. Cando os nenos fan algo empregan os cinco sentidos, aínda que a acción sexa moi sinxela:
    • Recoller os xoguetes, coidar un animaliño ou unha planta son accións que ensinan ao neno.
    • Xogar coa area, con barro, con folliñas secas ou coa neve tamén ensinan, pois en realidade, isto é explorar a natureza.
  • O neno deprende moito XOGANDO. Cando xoga, pon en práctica as súas habelencias, a súa IMAXINACIÓN e a súa capacidade creativa, pois exprésase, resolve dificultades e descobre cousas por si mesmo.

 

¡ PERMITA  QUE  OS  SEUS  FILLOS FAGAN  COUSAS  !

 

O desenvolvemento dos bos hábitos.

  • A aprendizaxe inclúe a memoria, pero fanse moitas cousas que non precisan razoamento; a isto chamámoslle hábitos ou costumes.
  • Os adultos lavamos os dentes, poñemos o despertador ou parámonos diante da luz dun semáforo en vermello, sen pensar nesas accións. En realidade, facemos cousas pero pensamos noutras.
  • Os seus fillos deben aprender moitos HÁBITOS BOS:
    • Cepillar os dentes.
    • Recoller os xoguetes.
    • Deitarse á hora acordada.                           
    • Agardar a quenda para falar.
    • Vestirse só/soa.
    • Ter bos modos na mesa.
    • E todas as accións que teñen valor agora e no futuro.
  • Asegúrese que están capacitados para faceren o que se lles ensina.
  • Forzar a un neno ou a unha nena a faceren algo para o que non están capacitados, pode traer malas consecuencias.

 

¡ AXÚDELLE  A  CREAR  BOS  HÁBITOS !

A motivación e a aprendizaxe.

  • Xeralmente non nos gusta facer o que nos sae mal.
  • Os nenos e as nenas fan mellor as cousas cando reciben un estímulo ou unha motivación.
  • Todos os nenos e nenas QUEREN DEPRENDER, e ese estímulo recíbeno no fogar.
    • A nai ou o pai poden dicirlles:
      • ¡Que lindo che quedou este debuxo!
      • ¡Que ben recolliches os xoguetes!
  • (a próxima vez intentarano facer mellor).

Unha  palmadiña de felicitación, UN BEIXO, un aloumiño... ESTIMULARÁN aos nenos e nenas  para seguiren deprendendo.

 

DEBEMOS   AMOSAR   INTERESE   POLO   TRABALLO QUE   FAGAN   OS   NOSOS   FILLOS   E   FILLAS.

 

Os nenos e as nenas tamén deprenden co tacto (nenos moi pequenos).

 

  • Moitas veces dicímoslles aos nenos: “¡Non toques iso!”
  • Certo é que hai moitos OBXECTOS que non deben tocar polo PERIGO que entrañan (un coitelo, un vidro...)
  • Pero os nenos e as nenas APRENDEN moito polo TACTO.
  • A VISTA e o OÍDO son os sentidos máis importantes na súa aprendizaxe, pero o tacto tamén é importante.
  • Tocando e apalpando, os seus fillos DEPRENDERÁN a apreciar as FORMAS: Cadrados, círculos, triángulos...; TAMAÑOS: Grande, mediano, pequeno ...; TEXTURAS: Liso, rugoso, duro, mol, ...
  • Deámoslles a oportunidade de tocar e apalpar obxectos e FALARLLES deles para que deprendan o significado de novas palabras.

¡¡ ENSÍNELLES  O  SIGNIFICADO  DO  QUE  TOCAN, DO QUE  APALPAN  OU DO QUE ACARIÑAN !!

A curiosidade na aprendizaxe.

  • “¿Por QUE..., mamá?”, “¿Para QUE..., papá?”, “¿QUE é iso, ... ? , ¿QUEN é aquel, ... ?
  • Ás veces non sabemos a resposta.
  • Non todas as preguntas son doadas de responder, pero se un neno lle pregunta algo é porque QUERE SABER.                 
  • Debemos contestar como mellor saibamos, pero sempre debemos DICIR A VERDADE; se non sabemos a resposta, dígamoslle: “XA O AVERIGUAREMOS”.
  • Do mesmo xeito, cando vostede se DETÉN SOSEGADAMENTE para ensinarlle unha pedra rara, unha flor, un animal, unha froita, un peixe,... vostede estalle a ensinar, vostede está ESTIMULANDO os seus fillos.

 

ESTIMULEMOS AOS NOSOS FILLOS E FILLAS PARA  QUE  DESEXEN  DEPRENDER.

 

(Xoán M. Santamaría Cameán - DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN ESCOLAR DO CEIP XUÑO)

 

Distribuir contido