Skip to Content

O recuncho de 5º EP

CAMBIO DE CLASE!!!

O día 2 de decembro estabamos na clase cando, de súpeto, o noso profesor Fran díxonos que tiñamos que cambiarnos de clase porque había goteiras no corredor. Divertímonos moito pero acabamos un pouco cansos porque tivemos que levar as mesas e as sillas.

Pero, sabedes onde nos levaron? Leváronnos á aula de inglés de Educación Infantil!

CLAUDIA-5ºA

VISITA A BARALLOBRE

O martes 27 de novembro de 2018 fomos a Barallobre e viñemos moi contentos. Un home que era biólogo estívonos dando una charla dos animais do mar e das distintas especies de peixes, algas e moluscos.  Aprendemos moitas cousas sobre a nosa ría. Logo merendamos nun parque e por último demos un paseo pola praia.  Había coma uns ríos e tamén cunchas, caracolas e vieiras. Atopamos un cangrexo!

A nosa ría é estupenda!

(5º B: LAURA, YASMINA, SAÚL, PABLO, NEREA, SIENNA, ALBA, ICÍA)

 

 

 

AS NOSAS FABAS E LENTELLAS (5ºA)

Os de 5ºA fixemos un experimento plantando fabas ou lentellas para poder ver como medra a planta. O 28 de novembro as nosas fabas xa teñen raíces e as lentellas xa teñen talo, é moi emocionante! Vós nalgún curso o fixestes? Nós trouxemos da casa uns iogures, ao chegar ao colexio metémoslles unha capa de algodón húmido, depois puxemos as fabas ou lentellas e depois outra capa de algodón. Cada día botámoslle unha ollada para ver como están as plantas.

Nesta foto é cando estabamos colocando as plantas cerca do sol.

Premer na imaxe para ver as demais fotos.

                                                                                                   Alicia Jesús Portela, 5ºA

VISITOUNOS A CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN

O martes 13 de novembro veu a Conselleira de Educación acompañada duns homes máis que tamén eran da Xunta de Galicia. Entrevistáronnos e pasámolo xenial! Tamén fomos gravados pola televisión pero non nos dixeron que canle era.

Como xa sabedes nós temos E-Dixgal, e víronnos programar con scratch, foi emocionante! Tivemos de novo robótica aínda que tamén tiveramos o día anterior!

Alicia Jesús Portela, 5ºA

                                                                                                         

FALAMOS SOBRE O TEI (5ºB)

"Xa levamos un tempo no progama e encántame! Agora xa non hai tantos problemas. Paréceme moi útil, gústame moito xa que eu o vin desde o punto do titorizado e agora son un titor e son máis responsable. O meu titorizado, Rubén, é moi bo e case non ten problemas". (Anxo)

"Somos participantes do progama TEI e volvémonos titores/as! Permítenos, en vez de observar, actuar e contribuír, e iso conleva unha grande responsabilidade. Por iso nos estamos volvendo máis responsables ante as situacións". (Xavi)

"Este ano os nenos de quinto somos titores/as de nenos de terceiro. Convertémonos en rapaces e rapazas máis responsables". (Nerea)

Como todos os anos participamos no programa TEI. Este ano tocoume como titorizada unha nena moi boa que se chama Laura. Eu estou moi contenta. (Yasmine)

"O TEI solucionou un montón de problemas. Agora este colexio mellorou moito grazas a este programa. É moi produtivo para comunicarse un pouco entre cursos diferentes. E tamén para solucionar moitos problemas no recreo". (Arkaitz)

OPINIÓNS SOBRE E-DIXGAL

   Xa levamos dous meses con  E-DIXGAL. É un programa moi útil porque agora hai que saber usar ordenadores si ou si. Facemos actividades interactivas e outras na libreta.

   O funcionamento é raro pero impresionounos. Non é moi normal estar toda a túa vida con libros, e de repente, estar estudando cuns ordenadores! A maioría dos pais e nais xa saben como son pero para os que non o saben son de cor vermella cuns lapis táctiles, e pódense converter en  ''modo tablet''. Encántannos. Grazas Xunta!!!!

    É moi divertido e hai que ter moitísima responsabilidade xa que se o rompes tes que pagalo! Os nosos libros témolos no portátil e cando temos un problema os profesores axúdannos. Permítenos ver os estudos desde outro punto de vista e anímanos a estudar e traballar máis.

   En resumen, aínda que só levamos dous meses a nosa experiencia é bastante boa (aínda que o eva offline non vai moi ben, polo menos nalgún caso).

Premer na seguinte imaxe para ver as fotos na galería:

 

David L., David R., Xavier, Saúl, Icía, Nerea

                                                                5ºB

AS NOSAS CABAZAS

   Como todos os cursos, este ano tamén fixemos concurso e exposición de cabazas. O alumnado puidemos velas no recreo (desde o mércores 6 ata o venres 9 de novembro). Os que votaron as cabazas foron os profesores/as especialistas e persoal non docente. Que gañen as mellores!

   Na nosa clase de 5ºB fixemos varias e decidimos unha para representar á nosa aula: é "Gamer" e é chulísima. Leva un mando, un xogo, pelo de plastilina, unha gorra e uns cascos. As demais tamén son bonitas: unha é unha momia, outra unha nave espacial. E tamén se puideron ver cabazas de araña, unha casa nunha árbore, unha cabaza rapeira, unha cesta con cabazas pequenas que parecen gatiños...

   Nerea, Icía e Sienna fomos a 6ºB e eliximos a cabaza que ía representar a esa clase. Ten unha chaqueta moi "cuquiña", é verde, ten bigotes longuísimos e, como todas as cabazas, ten que dar medo ... ou non.

   Podedes ver todas as cabazas na galería, premendo na seguinte imaxe:

Ah! Tamén fixemos contos de medo. Que medo van dar!

  Marcos, Alba, Sienna, Pablo, Laura, Arkaitz, Nicolau, Nerea

5ºB

VISITA PARLAMENTO, XUNTA E MUPEGA (5º E 6º EP)

   O pasado venres 26 de outubro fixemos unha visita moi divertida a Santiago de Compostela.

   Primeiro fomos ao Parlamento, que era enorme e onde nos ensinaron todas as salas. Aprendemos para que servía e onde discutían sobre as leis os deputados/as. Vimos os cuadros (moi bonitos), o xardín, o hemiciclo, a sala de reis, unha alfombra que representa a Galicia hai moitos anos e a biblioteca. Fixéronnos preguntas como por exemplo que facían os deputados. Fixemos de parlamentarios, representando a partidos políticos como: MAREA, PP, BNG, PSOE... e debatemos entre 5º e 6º. 

   Despois fomos á Xunta de Galicia. Cando entramos vimos a Feijóo. Contáronnos en que invertían os cartos. Leváronnos polos corredores subterráneos e había oficinas con moita xente traballando. Non o sabiamos pero hai moitísimos anos foi un colexio de cegos e xordos. Despois dun tempo foi un hospital militar. Cando iamos de camiño para ver un vídeo dunha nena "youtuber"  que nos explicou o que era a Xunta, vimos un estanque de peixes de cor vermella.

   Por último fomos ao MUPEGA, que é un museo de cousas que había hai moito tempo.  Ensináronnos unha escola antiga, xoguetes antigos cos que xogaban os nosos pais, avós, bisavós... Xogamos a un xogo na pantalla. Despois algúns sacaron unhas cousas antigas que tiñan os alumnos/as de Doloriñas. Non era unha escola, os pais dos nenos pagábanlle con cereais e entón Doloriñas dáballes clase aos nenos e nenas. Tiñan un só libro para todas as materias. Escribían con plumas nunha lousa. Nós estivemos pintando nunha desas lousas. Doloriñas non era mala pero antes había algúns profesores/as que lles daban cunha vara ao alumnado. 

   Ao final fomos comer a un parque e xogamos ao "pilla-pilla". Chegamos a Ferrol  moi cansos pero encantados coa visita. Foi un día xenial!!!!

Nerea, Claudia, Yunshan, Hugo, Manuel P., Yusef, Manuel G. (5ºA)

SOMOS TITORES E TITORAS TEI!

Sabedes como iniciamos o TEI os titores e titoras de 5º?  Ao principio faláronnos sobre como solucionar da mellor forma os problemas, de empatizar co  noso titorizado/a e como saber se é acosador/a ou vítima. Depois duns dias ensináronnos uns vídeos  sobre o "bullying" e de non solucionar os problemas con violencia...

Depois dunha semana dixéronnos quen eran os nosos titorizados/as. Por fin! Estabamos desexando coñecelos! Tamén nos dixeron que debemos saudalos cando os vexamos polo cole.

Depois doutra semana déronnos os diplomas e carnés. Este acto foi un gran éxito. Os alumnos/as de 5º estabamos felices aínda que tamén moi nerviosos. Déronnos un carné moi chulo e tamén un diploma. Sacáronnos unha foto. Algúns puxémonos un pouco colorados.

 

 

"A min encántame ser titora".

 

 

 

                                                                                                                                                                                                                                   Alicia e Yerma (5ºA)

APRENDENDO LINGUAXE DE SIGNOS

O día 5 de xuño veu a visitarnos a "Asociación de Persoas Xordas de Ferrol".  Viñeron dúas personas e unha intérprete e ensináronnos como é a vida dos xordos e como hai que tratalos. A intérprete chamábase Rosa, a persoa da asociación Teresa e o voluntario Adrián. Déronnos o alfabeto dos xordos e ensináronnos a súa lingua. Aprendemos moitas cousas: cores, números, animais... Pasámolo moi ben.

                                                                                                 Daniela, Lía, Rita - 5ºA

Distribuir contido


by Dr. Radut