20 anos do "Prestige"

O buque Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel, naufragaba frente á costa de Fisterra o 13 de Novembro de 2002.

Pedía axuda cunha rotura no seu casco pola que o fuel empezaba a saír ao mar. As autoridades españolas mostraron unha indecisión pola que non foron quen de actuar de xeito que se lograse impedir a catástrofe e 6 días despois, o 19 de Novembro, o Prestige partíase en dous e afundía a uns 250 km da nosa costa.

Isto provocou non unha, senón ata 4 mareas negras, e o chapapote emporcallou as nosas praias, matou a nosa fauna e empobreceu a economía da nosa xente do mar e, por conseguinte, a de todos.

Este desastre ecolóxico chegou mesmo ás costas portuguesas e francesas.

Calcúlase o custo das consecuencias do naufraxio do Prestige en máis de 4.000 millóns de euros. Meditade un momento nesa cifra, neses cartos, dá vertixe, nonsí?

Creei este vídeo interactivo con información sobre esa catástrofe para que o lembremos e aprendamos desa tráxica experiencia. Nel atoparedes varias actividades para desenvolver.

Nunca Máis!!