Skip to Content

CAMIÑANDO A SANTIAGO

Este ano estamos a facer no cole un proxecto sobre os camiños de Santiago. Entre eles, sobre o camiño da Xeira Romana e dos Arrieiros, que parte de Braga e despois de percorrer terras de Ourense e Pontevedra atravesa a nosa vila e entra na provincia da Coruña por Pontevea. Tamén ten outra variante que vai por Pardemarín, Ribeira e intérnase na provincia da Coruña por Sarandón.

Hoxe fomos peregrinos por un día e andamos parte dese camiño. O alumnado/a e mestres/as de 3º a 6º curso de Educación Primaria camiñamos dende Tabeirós á Estrada e os alumnos/as de 5º e 6º de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria fixémolo dende as escolas de Guimarei.

Mentres camiñamos fixámonos en algunhas construcións que hai neste tramo do camiño e  teñen a Santiago coma protagonista: o peto de ánimas coa súa inscrición " Al Caminante" , a ermida da Consolación construida en 1680 porque se atopou alí unha imaxe da virxe e onde hai unha imaxe de Santiago Matamouros de peregrino, a igrexa de Tabeirós onde se atopa outra imaxe do apóstolo mirando cara Compostela, para indicarlle aos peregrinos por onde teñen que ir. Entramos en Guimarei pola Ponte de Xerliz e preto de alí hai un cruceiro coa figura do apóstolo e a igrexa parroquial dedicada a San Xiao. Pasamos ao lado da Torre de Guimarei e xa na vila chegamos de volta ao cole!

 



blog | by Dr. Radut