Skip to Content

Celebración do 50 aniversario do centro o 16-06-23.

Neste curso, 2022-23, o noso centro acadou os 50 anos de vida. Por este motivo, púxose en marcha a organización do evento, co que celebrar dito aniversario.

Pouco a pouco, foron xurdindo ideas e foise falando con diversas institucións e/ou asociacións da contorna, ao tempo que se traballaba no colexio, para ter listo o material preciso e preparadas as instalacións.

Por suposto, queríaselle dar a oportunidade, a cantos/as pasaran polo colexio nalgún intre da súa vida: exalumnos/as, exmestres/as, extraballadores/as non docentes, de coñecer de primeira man os cambios que foron transformando diferentes zonas do centro nos derradeiros anos e aquelas outras (as menos) que permanecen case como no seu inicio.

Porén, pensábase que o básico sería contribuír a revivir diversas actividades e/ou vivencias, levadas a cabo nas instalacións do centro ou fóra del, realizando excursións, por exemplo. Deste xeito, elaborouse un vídeo con fotografías de distintas épocas e fíxose unha exposición con outras, ao tempo que se prepararon varias estacións de xogos populares: trompo, corda, estornela, aro con manillar/guía, carreiras de sacos, o pano, bólos, a ra, os zancos, o arratramortos ... Ademais, para amenizar a xornada contouse coa participación do grupo de música tradicional: "Cherumia", do Liceo de Noia outro de pandeireteiras e de baile tradicional: "Pandeireteiras do Tremuzo" do Freixo (Outes) e, xa para rematar a xornada, a banda: "Uxía Lambona e a Banda Molona" deu un concerto, co que gozaron, fundamentalmente, os/as cativos/as. 

Malia a todo e dado que o curso xa está concluíndo, quíxose aproveitar para darlle a coñecer á Comunidade educativa e ao resto de asistentes ao acto o proxecto realizado ao longo do curso: "Outes soñando o patio", por todo o alumnado e profesorado do centro, premiado en Polos Creativos na etapa de Primaria.

Queremos darlle as grazas aos/ás asistentes e colaboradores/as na celebración (especialmente a aqueles/as que fixeron km para achegarse ao centro) por acompañarnos nesta importante data, á vez que agardamos ter acertado na escolla de: obradoiros, exposicións, estacións de xogos populares, etc, para que todos/as desfrutásemos dunha marabillosa tarde.

Para rematar, aclarar que, aínda que nos gustaría subir fotos dos/as asistentes ao evento, só o faremos dalgunha imaxe representativa da xornada. Pois, ao estaren presentes menores non pertencentes ao centro, non dispoñemos dos permisos pertinentes. Se che apetece botarlle unha ollada, preme aquí. 

A por outros cincuenta!!!



page | by Dr. Radut