O NOSO CENTRO

 

O C.E.I.P. MESTRES GOLDAR atópase situado nunha zona privilexiada ao lado do parque de Castrelos. A pesar de contar con mais de trinta anos cheos de vivencias está coidado con esmero e a sensación é de benestar polas súas características: amplitude de espazos tanto dentro dos edificios como no xardín onde o alumnado goza nas horas de recreo, luminosidade e decoracións alegres feitas polos nenos e nenas. Escolarizamos ao alumnado dende os tres ata os doce anos, onde dá por rematada a etapa da Educación Primaria.

O claustro do profesorado está moi implicado á hora de crear un clima agradable para os nosos alumnos e alumnas que favoreza o desenvolvemento da  súa personalidade sen abandonar as normas que deben existir en toda comunidade educativa. A relación coas familias é fluída facilitando o proceso de aprendizaxe e a relación de todo o alumnado.

Realízanse tamén saídas a diferentes puntos de interese, actividades que consideramos importantes para a formación integral dos nenos e nenas desta idade.

Contamos co profesorado especialista nas distintas materias, Lingua Inglesa, Educación Musical, Educación Física, Audición e linguaxe, Pedagoxía Terapéutica e un departamento de Orientación para tratar os problemas que poidan aparecer. Contamos tamén cun ximnasio amplo, unha completa e coidada Biblioteca e un pequeno Horto no que gozan cando o tempo o permite todos os alumnos e alumnas.

O centro conta tamén cun servizo de acollida matinal, servizo de transporte escolar, servizo de comedor e diversas actividades extraescolares xestionadas pola ANPA.

En resumo,  traballamos dentro do proxecto Educativo do Centro para que o noso alumnado saia ben formado tanto a nivel de coñecementos como a nivel humano e preparados para comezar unha nova etapa na súa vida escolar e persoal.