A lingua de signos (LS) é a lingua natural das persoas xordas. Defínese como unha lingua visual, xestual, espacial e manual na que inflúen factores históricos, culturais, lingüísticos e sociais. En España, existen, tal e como recoñece a Lei 27/2007 do 23 de outubro, dúas linguas de signos: a lingua de signos española (LSE) e a lingua de signos catalá (LSC).
No CEIP Mariñamansa contamos con intérprete de lingua de signos (ILS) dende o curso 2009-2010 e, actualmente, dous intérpretes traballan no centro. A súa función principal é a de actuar de ponte de comunicación entre o alumnado xordo e o resto da comunidade educativa.
Se queredes aprender algúns signos, ver contos ou cancións en LSE ou atopar recursos para o alumnado xordo, picade aquí.
E aquí podedes ver máis sobre a LSE no noso centro.
Comezamos o curso 2017-2018 compartindo o calendario plurilingüe que elaboramos o curso pasado grazas ó equipo de dinamización da lingua galega, no que aparecen todas as linguas do centro... e tamén a LSE! Se queredes ver o calendario completo picade aquí.
14 DE XUÑO: DÍA NACIONAL DAS LINGUAS DE SIGNOS ESPAÑOLAS
Para festexar o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, 14 de xuño, a comunidade educativa do CEIP Mariñamansa elaborou un vídeo signado da canción "Cuestión de gusto". Con ela participamos no concurso "¡Cantamos con las manos!" organizado pola FAXPG con motivo deste día. A canción está cantada por alumnado e profesorado do centro, e tamén fixemos a música e á adaptación á LSE. Esperamos que vos guste!
E tamén participamos na elaboración dun vídeo xunto con outros centros educativos de Galicia. Nel interveñen alumnado xordo e ouvinte, profesorado, intérpretes de lingua de signos e mediadores comunicativos de todos os niveis educativos, amosando a presenza normalizada da LSE no ensino galego. A quen vedes do noso cole?
Ao longo deste curso organizamos varias videoconferencias en LSE con outros colexios de toda Galicia. Foi moi emocionante coñecer a outros nenas e nenos xordos que tamén signan!
Os centros que conectaron con nós foron: CPI As Mirandas (Ares), CEIP As Mercedes (Lugo), CEIP Princesa de España (Verín), CEP Lois Tobío (Viveiro). Moitas grazas a todos!
PARTICIPAMOS NO CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL DA FAXPG
Este curso, participamos no concurso de postais de Nadal da FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia). Pablo (1º) e Marta (6º) acadaron o primeiro premio nas súas respectivas categorías. Parabéns! Podedes ver a entrega de premios premendo aquí.
Luis, Pablo, Valeria, Marta e Saúl coas súas postais.