Skip to Content

JOB SHADOWING EN HELSINKI-FINLANDIA

 

     O luns 10 de outubro comezamos a nosa aventura, quizáis o soño de calquera que adique a súa vida profesional ao ensino: realizar un Job Shadowing na capital de Finlandia para tratar de descubrir o segredo do seu éxito.

 

     O noso colexio “Aarnivalkean koulo”, un centro de Educación Primaria, está situado en Espoo, a uns 10 km do centro da cidade de Helsinki. Enclavado nun entorno de conto, rodeado de bosques autóctonos (estes días coloreados coas paletas do outono), un lago, diversas pistas deportivas e múltiples xogos exteriores, o centro abre os seus brazos para acoller e reconfortar. A nosa sorpresa veu cando comprobamos que todos eses miles de metros cadrados era o “patio” onde a cativada gozaba do seu tempo de lecer e que compartían con runners ou persoas que desfrutaban de paseos en bicicleta.

  

     Fomos recibidos por Minnie, a mestra de linguas (inglés e francés), que nos fixo sentir coma nas nosa casa e con quen compartimos todas as sesións de traballo, observando dinámicas e interactuando cos seus alumnos e alumnas.

     O centro ten ao redor duns 320 alumnos e alumnas distribuídos en seis niveis, que alí reciben o nome de graos. Cada grupo non ten máis aló de 17 nenos e nenas. Os agrupamentos son flexibles e poden variar nun momento determinado, en función doutras actividades organizadas polo centro, como pode ser asistir a unha clase de natación ou saídas a museos ou bibliotecas.

 

     O horario do alumnado variaba  en función do día, os luns podían entrar ás oito da mañá e os mércores ou xoves ás nove. Da hora da entrada dependía a hora de saída.

     O primeiro que observamos foi que no vestíbulo e nos corredores dos distintos andares había numerosos módulos de estanterías onde todo tiñamos que deixar os zapatos, abrigos, gorros, luvas, etc. Todo o chan do centro está recuberto dunha cálida moqueta. O interior do colexio está moi ben illado das temperaturas extremas do exterior e respírase confortabilidade.

     Nos corredores dos distintos andares atopamos espaldeiras adosadas á parede e numerosos puffs que empregan os nenos e nenas durante os 15 minutos que teñen de descanso entre sesión e sesión. Observamos que eses minutos que preceden ao inicio da seguinte sesión favorecían a atención na aula.

     Todo o alumnado xanta no colexio, de balde, e é a partires das 10:30  cando comezan a baixar ao comedor en quendas (ás veces incluso no medio dunha sesión lectiva). Non hai ningún adulto supervisando este servizo. O menú é variado e rico en verduras. Trátase dun buffet libre disposto en mesas quentes e inclúe un vaso de leite ou auga e unha torrada de pan que poden untar con manteca.

     Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi a AUTONOMÍA dos nenos e nenas dende ben pequenos. Todos e todas van e veñen ao colexio sós, a pé ou en bicicleta. Non era estraño ver aos nenos e nenas pequenos facendo uso do metro ou tranvía para ir á escola ou voltar a casa. O mesmo acontecía no interior do centro. Os traslados dunha aula a outra, as subidas ou baixadas ao patio non están supervisadas por ningún adulto.

     As dependencias do centro non varían moito das nosas aínda que dispoñen dun obradoiro onde se adican a traballar coa madeira ou realizar calquer tipo de actividade relacionada coa plástica. Ademais noutra aula compartida para diferentes usos, dispoñen de varias máquinas de coser, cociña, etc.

     As aulas ordinarias contan cunha PDI , unha pizarra branca e un módulo de armario que inclúe un pequeno lavabo. Os pupitres poden ser rectangulares ou circulares e conviven os dous dentro da mesma aula. As cadeiras dispoñen de rodas e, igual que os pupitres, son regulables en altura. As mesiñas redondas dispoñen de puffs tamén circulares.

     A disposición do alumnado varía en función das actividades realizadas e non teñen asignado un lugar fixo. A postura corporal adoptada polos nenos e nenas non é relevante. Así é usual ver como algún nenos ou nena se senta de xeonllos nas cadeiras, sen que o nivel de atención e participación baixe.

     En canto á parte didáctica, o ensino das linguas estranxeiras non aportou demasiadas novidades. Baséanse na aprendizaxe activa e participativa, learning by doing. Únicamente destacaríamos un par de aspectos; por un lado o tempo adicado ao “Speaking” e a diferentes actividades orais supera con  moito o adicado a actividades máis tradicionais relacionadas co “Writing” e, por outra banda, a lingua de comunicación da mestra cara aos alumnos e alumnas e viceversa, á hora de explicar unha actividade ou preguntar dúbidas é o finés. Do mesmo xeito, os enunciados dos libros de texto de linguas estranxeiras, tamén están en finés.

     Aínda así, a competencia lingüística é elevadísima. Ao longo da etapa educativa de Primaria, os nenos e nenas estudan finés, inglés, francés e sueco!!

     Despois dun par de días decidimos preguntar por alumnado con NEE ou NEAE, posto que nas aulas ordinarias non eramos conscientes de que os houbera. Onde estaban os cativos e cativas con necesidades educativas? Quen os axudaba? Como era o seu día a día? Queríamos saber como estaba Finlandia en canto á inclusión educativa...

     Foi así como visitamos unha aula con 4 alumnos (poden ser 6 como máximo), dentro do propio centro, e que contaba cunha mestra e un coidador que se encargaba das merendas e doutras actividades non lectivas. Viña sendo o que aquí coñecemos co nome de aula específica dentro do centro ordinario. Estes alumnos e alumnas pasan a meirande parte do tempo nesa aula e “as veces”, e unicamente nalgunha sesión dalgunha materia, asisten co resto do alumnado á aula ordinaria. Isto é o que eles chamaban “inclusión”, e que, dende o noso punto de vista, de inclusión tiña ben pouco.

     Despois dunha intensa semana de traballo, toca reflexionar, facer balance e chegar a conclusións...Sorriso

 

 

 



page | by Dr. Radut