Skip to Content

Benvidos ao CEIP Carlos Cid Arregui

 

 

 

 

 

  

 

 

    

 

  

 


 

5/12/18

O mércores 5 de decembro os nosos atletas do CEIP Carlos Cid Arregui disputaron a final comarcal de Deporte Escolar no campo de A Moreira, en Xinzo de Limia, con excelentes resultados. Garantimos unha nutrida presencia na seguinte fase e acadamos o podio en tres ocasións, parabéns campións!

Se queredes ver aos nosos atletas en plena competición, premede aquí.

E se queredes ver o artigo no xornal desde evento, premede aquí.

 


 

28/11/18

O mércores 28 de novembro os nosos alumnos de 1º e 2º asistiron á representación no Auditorio Municipal de Ourense de "A Galiña Azul", fermoso conto obra do noso paisano Carlos Casares. Nesta divertidísima adaptación da compañía Tanxarina gozamos coas aventuras de Lourenzo e a súa galiña azul, nunha bonita historia de solidariedade e respecto á diversidade.

Podedes ver algunhas imaxes da nosa visita premendo aquí.

 


 

26/11/18

Con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N), no noso colexio realizamos durante a semana unha serie de actividades para concienciar ao noso alumnado sobre a igualdade de xénero e promover actitudes positivas neste eido. O alumnado de infantil realizou un precioso mural en colaboración coa FEMURO (Federación provincial de mulleres rurais de Ourense) co lema "Un Paso cara a Igualdade", no que expresamos a importancia de camiñar todos xuntos cara a un futuro de convivencia igualitaria e respectuosa. O alumnado de primaria participou nunha amena e instrutiva actividade promovida polo Concello de Xinzo de Limia, na que coñecemos a realidade da violencia de xénero e as variadas e ás veces sutís formas que adopta na nosa sociedade. Rematamos colaborando na redacción dun "conto viaxeiro" sobre igualdade, que contará coa participación de todos os colexios da nosa comarca.

Se queredes ver a nosa achega á igualdade de xénero, premede aquí.

 


 

14/11/18

O venres 14 de novembro nenos e mestres do CEIP Carlos Cid Arregui saímos a celebrar o tan agardado Magosto, a festa estrela do noso Outono. Con empanada, churrasco e moitas moitas castañas pasámolo xenial grandes e pequenos neste solleiro día!

Se queredes ver o ben que o pasamos no noso Magosto, premede aquí.

 


 

2/11/18

O venres 2 de novembro celebramos no CEIP Carlos Cid Arregui un Samaín de auténtico medo! Polos corredores do noso colexio desfilaron vampiros e vampiresas, bruxas e bruxos, zombis, esqueletos, monstros... E mestres e mestras aterradores! Foi un día moi moi divertido cheo de actividades: comezamos cunha sesión de maquillaxe terrorífico para posar de medo no noso photocall; seguimos con xogos do máis divertido por todo o colexio e despois do recreo saímos a arrepiar o pobo e encher as nosas bolsas de lambonadas co 'Trick or Treat'. Pola tarde gozamos co teatro de 2º antes de asistir a un conxuro maléfico e probar o terrible beberaxe das bruxas do noso cole. Para rematar saímos ao patio e queimamos os nosos medos nun caldeiro máxico, para medrar alegres e sen temores. Un día xenial!

Se queredes ver como o pasamos de medo, premede aquí.

E se queredes ver o noso Samaín en acción...

 


 

29/10/18

O luns 29 de outubro recibimos a visita dun equipo do Ministerio para a Transición Ecolóxica para presentar ao noso alumnado de 4º, 5º e 6º o Programa de Seguimento Fenolóxico da Rede Española de Reservas da Biosfera. Rairiz de Veiga e Vilar de Santos pertencen á Reserva da biosfera Área de Allariz, unha das seis declaradas na nosa comunidade, xunto cos veciños concellos de A Bola e Allariz. Nesta interesante charla os nosos alumnos coñeceron a importancia e responsabilidade de vivir nun contorno protexido de gran importancia e rica biodiversidade, e tomaron contacto coa fenoloxía, a ciencia que estuda a repercusión do clima nos ciclos biolóxicos dos seres vivos, ameazados polo crecente cambio climático.

Se queredes ver como aprendemos a investigar o noso contorno, premede aquí.

 


 

24/10/18

Cada 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo en 1992. No noso colexio conmemoramos esta data cunha entretida lectura de poemas e contos onde os alumnos foron os protagonistas, visitando os maiores as aulas dos máis pequenos para compartir fermosas historias. Para rematar inauguramos a nova tempada da nosa biblioteca, e presentamos o proxecto dos castros galegos que imos realizar nela ao longo do curso.

Se queredes ver como conmemoramos o Día da Biblioteca, premede aquí.

 


 

11/10/18

O xoves 11 de outubro visitamos o Museo Etnográfico da Limia no veciño concello de Vilar de Santos, con motivo da presentación da exposición "Viaxe polo Mundo das Máscaras", da autora sarriá Mercedes Vázquez Saavedra. Da man do noso inspector e Presidente do Padroado, Delfín Caseiro, do alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, e da propia autora, os nosos alumnos e alumnas coñeceron a maxia que arrodea as máscaras dos "entroidos" e "entrudos" tradicionais galegos e lusos. Tras visitar O Saviñao, Montalegre en Portugal, Celanova e A Veiga antes de arribar á nosa comarca, esta bonita e interesante exposición volverá a finais deste ano ao país veciño para despedirse en Mogadouro.

Se queredes ver como gozamos da exposición e de todo o que ofrece este marabilloso museo, premede aquí.

 


 

8/10/18

Este luns comezamos a traballar na nosa horta plantando uns pouquiños porros coa axuda duns expertos granxeiros de 1º. Moi cedo verémolos medrar sans e fortes a todos!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut