Gallego

Convocatoria do II Premio Ateneo Cineduca

Enmarcado na segunda edición da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), o Ateneo de Santiago convoca o II PREMIO ATENEO CINEDUCA, dirixido aos centros de ensino de todos os niveis educativos, procurando impulsar a creatividade, fomentar a expresión a través dos novos medios e dar a coñecer o traballo levado a cabo neste eido por ensinantes e alumnado.

Os traballos deberán tratar unha temática relacionada con experiencias educativas, procesos de aprendizaxe, historia e memoria da educación ou metodoloxías de ensino, podendo cada centro presentar as pezas que desexe.

Para participar deberase enviar un enlace privado ao enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal, antes do 17 de febreiro de 2023.

O primeiro premio está dotado de 1000 euros e o accésit de 500 euros.

No documento anexo pódense consultar as bases do concurso.

 

Gallego
Logo

Simposio do ILG 2022: A edición dixital de textos antigos: modelos, proxectos e ferramentas

Como cada outono desde o ano 2002, chega unha nova edición do Simposio do ILG baixo o título A edición dixital de textos antigos: modelos, proxectos e ferramentas, que terá lugar entre o 28 de novembro e o 2 de decembro no salón de graos da Facultade de Filoloxía.
 
Este simposio foi concibido como unha volta ao labor filolóxico primordial, o da ecdótica e a edición de textos, mais cunha ollada renovada, sustentada nas novas tecnoloxías promovidas polas Humanidades Dixitais, interdisciplinar e colaborativa.
 
Organizado polo Instituto da Lingua Galega, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Universidade de Alcalá e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
 
A inscrición, que é de balde, pode formalizarse a través do formulario ata o día 28 de novembro ás 12 h.
Gallego
Simposio ILG

Recursos da Federación Down Galicia para a atención á diversidade

A Federación Down Galicia vén de actualizar o seu "Punto Virtual de Educación", un espazo web que ten por finalidade favorecer a inclusión nas aulas e nos centros escolares, mellorar a coordinación e a colaboración entre os distintos axentes implicados no proceso educativo e apoiar ao profesorado galego neste eido.

Este Punto Virtual de Educación incorpora información, materiais e documentación moi diversa, facilitando así un recurso máis na atención á diversidade presente nas aulas.

Premendo nesta ligazón pódese acceder a todos os recursos dispoñibles.

Gallego
Logo Down Galicia

Curso MOOC de deseño para todas as persoas

O Real Patronato sobre Discapacidade, en colaboración coa Fundación ONCE e a UNED, ofrece formación en educación inclusiva, deseño para todas as persoas e Deseño Universal para a Aprendizaxe, ofrecendo ferramentas para a implantación desta formación nas aulas.

O curso MOOC (curso online gratuíto e aberto) comeza o 21 de novembro de 2022 e está recoñecido pola Cátedra UNESCO de Educación a Distancia e polo Instituto Universitario de Educación a Distancia da UNED. Ten unha duración de 3 semanas, non se precisan coñecementos previos e existe a posibilidade de acreditar a formación recibida.

Pódese consultar toda a información na seguinte ligazón:

https://iedra.uned.es/courses/course-v1:UNED-ONCE+DisenoTodos_002+2022/about.

Gallego
Imaxe curso MOOC

Convocatoria de vacantes para docentes e asesores/as no exterior

O Ministerio de Educación e Formación Profesional vén de convocar senllos concursos de méritos para a provisión de postos vacantes de persoal docente e de asesorías técnicas no exterior.

Toda a información pode ser consultada a través das seguintes ligazóns:

Así mesmo, no apartado "Conoce nuestra red" da web UAEE pódese atopar toda a información sobre a acción educativa de España no exterior e as posibilidades que ofrece ás comunidades educativas.

 

Gallego

Superheroínas e superheroes para promover a inclusión nas aulas e dar a coñecer o retinoblastoma

Co obxectivo de dar a coñecer o retinoblastoma e de promover a inclusión de todos os nenos e nenas nas aulas, a Fundació La Nineta dels Ulls achega unha serie de ideas e propostas didácticas para todas as idades.

O retinoblastoma é o cancro ocular máis frecuente en menores de 6 anos e, malia que o diagnóstico precoz é fundamental para salvar a visión e a vida das persoas afectadas, o feito de que afecte a nenos/as tan pequenos/as dificulta a detección dos primeiros signos da enfermidade.

Por este motivo, ademais de material didáctico para levar ás aulas e promover a inclusión, o documento achegado por esta fundación describe este trastorno e os seus síntomas máis frecuentes, cuxa detección contribúe a un diagnóstico precoz e a unha mellora na calidade de vida dos e das pacientes.

 

Gallego
Cartel escola con superpoderdes

Campaña REFERENTES: ferramentas para traballar e valorar a diversidade social e cultural do noso país

A ONG Accem pon á disposición do profesorado e outros/as profesionais do ámbito educativo e social ferramentas audiovisuais e dinámicas para traballar sobre a diversidade da sociedade, co fin de normalizar e valorar a riqueza que esta representa.

A campaña REFERENTES destaca persoas nacidas ou criadas en España, cultural e/ou etnicamente diversas, que sobresaen en distintos ámbitos pola súa traxectoria e os seus logros. O seu obxectivo é inspirar a miles de nenos/as e adolescentes que medran nunha sociedade na que non se senten representados/as.

Accem invita a todas as persoas interesadas a visitar a web de REFERENTES e a descargar GRATUITAMENTE todos os materiais audiovisuais e didácticos para aproveitalos co seu alumnado ou grupo de traballo.

Gallego
Campaña REFERENTES

Aturuxo Films-Imaxinando Músicas no Auditorio de Galicia

O próximo martes 15 de novembro ás 18:00 proxectarase, no marco do Festival Cineuropa, unha selección de curtametraxes creadas polo alumnado do IES de Cacheiras coa interpretación en directo dalgunhas das bandas sonoras por parte do CMUS de Santiago. Trátase de curtametraxes que acadaron máis de 60 premios en festivais de cinema nacionais e internacionais.

O proxecto pedagóxico Aturuxo Films – Imaxinando Músicas cumpre 15 anos desenvolvendo a alfabetización cinematográfica e mediática no IES de Cacheiras e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, obtendo numerosos recoñecementos como o 1º Premio Proxecta 2018 da Consellería de Educación ou o Premio Nacional de Boas Prácticas Educativas do Ministerio de Educación 2019.

As entradas son gratuítas e poden adquirirse a través da seguinte ligazón: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/programa-especial-aturuxo-films-imaxinando-músicas.

Ademais, estas curtametraxes estarán dispoñibles na sección do Festival da plataforma FILMIN, un gran recoñecemento á calidade do proxecto e do traballo e talento do alumnado.

 

 

Gallego

XXXII Concurso de Pintura Infantil e Xuvenil

Un ano máis, Patrimonio Nacional convoca o Concurso de Pintura Infantil e Xuvenil para centros escolares, cuxo propósito é divulgar os monumentos, palacios e monasterios reais entre a xente nova a través da expresión plástica.

Trátase dun certame cun obxectivo cultural, investigador e docente que pretende achegar os centros educativos á realidade artística e cultural dos Reais Sitios.

Pódese ampliar esta información nos documentos que acompañan esta nova e mais a través da seguinte ligazón: https://www.patrimonionacional.es/concurso-de-pintura-infantil-y-juvenil.

 

  • Data límite de inscrición: 12 de decembro de 2022.
  • Data límite de envío das obras: 15 de marzo de 2023.

 

Gallego
Cartel XXXII Concurso de Pintura Infantil e Xuvenil

O II Encontro ciber.gal acolle actividades específicas para a comunidade educativa

O Encontro é promovido e organizado polo Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, unha aposta da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola seguridade dixital de toda a sociedade galega.

O II Encontro CIBER.gal celébrase os días 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, mais as actividades adicadas á contorna educativa terán lugar o día 10 pola mañá. Poderá seguirse de xeito presencial (con prazas limitadas) e tamén mediante a retransmisión en liña.

Para o alumnado, persoas titoras e a comunidade educativa en xeral destacan as seguintes actividades:

  • 10:00h: Final do II Concurso de Ciberseguridade no Cole!, na cal os equipos finalistas deste concurso, que este ano acadou a participación de mais de 4.000 estudantes, competirán para coñecer cal é o equipo mais ciberseguro.
  • 11:00h: Obra de teatro “A un click de ser ti!”, onde a Escola Superior de Arte Dramático de Galicia fará unha representación dos riscos aos que se enfrontan menores e adolescentes cando empregan as redes sociais. Entre outros, o acoso.
  • 11:30h: Relatorio experto e mostra de hacking en directo.

A asistencia é gratuíta, tanto presencial como en liña. Esta xuntanza é unha boa oportunidade para mostrar ao alumnado os riscos aos que se enfrontan cando empregan as tecnoloxías dixitais á vez que poden aprender sobre boas prácticas en ciberseguridade no seu día a día dun xeito ameno e divertido acorde á súa idade.

Para asistir, tanto de xeito presencial coma en liña, é preciso inscribirse previamente.

Á excepción daqueles centros educativos participantes no II Concurso de Ciberseguridade no cole!, os centros que desexen asistir deben seguir o procedemento recollido  aquí.

Os grupos menores de 14 anos, deberán remitir a solicitude de prazas a inscricions-encontrocibergal@xunta.gal indicando a información solicitada no procedemento.

Os grupos maiores de 14 anos deberán inscribirse de xeito individual empregando a plataforma habilitada para tal efecto. Plataforma de inscrición.

O programa completo do II Encontro pode consultarse na súa web oficial e tamén nos seguintes  arquivos:

 

Gallego
Ciber.gal