A Consellería de Cultura e Educación abre unha nova convocatoria do Plan Proxecta para o curso 2013/2014

Esta iniciativa busca o fomento da innovación educativa nos centros a través de programas que fomenten o traballo cooperativo e a aprendizaxe por proxectos

Deste xeito a Xunta recoñece o traballo realizado polo profesorado no desenvolvemento das competencias básicas e a educación en valores

Lun, 17/06/2013 - 13:37
A Consellería de Cultura e Educación abre unha nova convocatoria do  Plan Proxec
A Consellería de Cultura e Educación abre unha nova convocatoria do Plan Proxecta para o curso 2013/2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases para a participación no Plan Proxecta, unha iniciativa que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan de xeito paralelo as competencias básicas e a educación en valores mediante estratexias metodolóxicas activas e cooperativas centradas no desenvolvemento dun proxecto.

O Plan Proxecta busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado que participa neles. Deste xeito, o plan busca construír modelos de traballo que teñan un alto potencial de transferibilidade tanto no centro que os impulse como no resto da comunidade educativa mediante a súa publicación das boas prácticas nos medios dixitais da Consellería.

Obxectivos

O principal obxectivo do Plan Proxecta é fixar uns criterios organizativos e metodolóxicos comúns que optimicen a eficacia innovadora dos programas educativos nos centros. Deste xeito a Consellería establece un marco xeral de colaboración entre os organismos con programas dirixidos aos centros educativos e fixa unha serie de eixes e liñas estratéxicas compartidas. Isto busca mellorar a integración dos programas na planificación anual dos centros e do profesorado participante, crear unha necesaria rede de traballo cooperativo, recoñecer o traballo e o esforzo desenvolvido polo profesorado e divulgar as súas boas prácticas profesionais.

Programas

Esta iniciativa publicada no DOG ofrece por segundo ano ao profesorado dos centros galegos 25 programas da Presidencia e da Vicepresidencia da Xunta, así como das Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Sanidade, Traballo e Benestar, Medio Rural e do Mar e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A súa duración pode estenderse durante medio curso ou ao longo dun curso escolar completo e van dirixidos a todos os niveis educativos. A solicitude realizase mediante a aplicación telemática Plan Proxecta ( http://www.edu.xunta.gal/programaseducativos ), aloxada na sección de servizos da páxina web da Consellería, onde tamén se pode obter máis información no enderezo /portal/planproxecta .

Participación

O curso pasado participaron na primeira edición do plan 3925 profesores e profesoras de 337 centros públicos de toda Galicia cun número total de 764 proxectos. Este ano algúns programas ábrense tamén á participación dos centros concertados e ofrécense 10 novos programas con temáticas que van da medioambiental á igualdade pasando polo uso creativo do galego mediante a creación de curtametraxes.

Deste xeito amplíase a oferta de programas educativos en máis dun 55% e esténdese o prazo de solicitude para favorecer a participación e a integración dos proxectos de innovación educativa na planificación curricular do profesorado e dos centros.