Saída 2 do Proxecto Lagares

Na mañá de hoxe realizouse a 2ª saída do Proxecto Lagares, percorrendo a pé a ruta de 4km que forma o trazado, na que participou o grupo de 1ºESO acompañados polo profesor e divulgador Xosé Couñago, que lles contou historias marabillosas acerca dos muíños, das serpes ou das mouras; ademais de repasar algúns aspectos de toponimia ou de etnografía, como os diferentes nomes do río Lagares ou as diferentes partes dos muíños galegos. A primeira parada foi no Barrio da Feixa, onde puideron descubrir a gran fervenza de 30 metros de altura e o Pozo da Serpe, unha das zonas con máis atractivo do río. Ademais, descubriron as historias da Fábrica "La Cristina", ao pé do río nesta mesma zona, que albergou diferentes usos, dende secadoiro de bacallao, ata fábrica de papel da que saíu o papel para a 1ª edición de Cantares Gallegos. A derradeira parada antes de volver ao noso centro foi na senda do Lagares da zona Cabral-Sello, na que se realizou un recoñecemento da flora e da fauna do bosque de ribeira, e rematou co Xogo da Descuberta, no que o alumnado tivo que realizar diferentes probas entre as que estaba a creación dun herbario ou unha pequena recollida de lixo... 

Durante o percorrido de hoxe puideron descubrir un Vigo diferente, o das vacas, ovellas, cabras, parrulos, coellos, melros, paporrubios, troitas, carpas...

Hai vida no Lagares!! #edlgmella #proxectolagares

Vídeo da saída en: https://www.facebook.com/100087907141771/videos/3461314297489448/