Skip to Content

Escolares, Xogade, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Intercambio, Ciclo, Biblioteca, Complementarias, SonCine, Conmemoracións

A XORNADA DA SOSTIBILIDADE EN SONCINE

10/02/2019

Chéganos de SonCine o vídeo da Xornada da Sostibilidade do 21 de decembro. Foi un día de convivencia e aprendizaxe, de colaboración, de voluntariado, de pequenas/grandes accións sostibles. Tomamos as palabras que o acompañan:

"O 21 foi unha festa, unha Xornada da Sostibilidade, para ir asentando alicerces firmes! Pensar, actuar, comprometerse para plantar sementes que han de agromar na esperanza de futuro para o planeta! Grazas a tod@s! O alumnado, o profesorado, as nais… por facer desta xornada un día de celebración! O equipo de biblioteca colaborou activamente nos obradoiros e na selección das curtamentraxes que se pasaron na biblioteca e nas aulas!"

 

21 de decembro, Xornada pola Sostibilidade! from SonCine on Vimeo.

VÍDEO DA VISITA DE DISCAMINO AO CENTRO

10/02/2019
10/02/2019

A finais de xaneiro xa contamos que Javier Pitillas, da asociación Discamino, veu ao IES a reunirse con alumnos de 2º de ESO e do Ciclo de actividades fisico-deportivas no medio natural. SonCine vén de montar este vídeo sobre a charla. Paga a pena adicar un tempiño para velo e escoitalo. Recollemos as palabras que acompañan a publicación: 

"A valoración do alumnado foi un 10. E a emoción e aprendizaxe que naceu da experiencia da súa xenerosidade inesquecible e exemplar lembrarémola sempre. Grazas a toda a asociación Discamino, a Javier Pitillas e a Javi, Fanny, Ana, David, Jose, Gerardo... pola súa alegría, vontade e ánimo. Estaredes sempre con nós."

  

Discamino from SonCine on Vimeo.

EDUEMPRENDE, ECONOMÍA NO BACHARELATO (2018-19)

05/02/2019

Continuamos co programa Eduemprende; nesta ocasión Manuel Rodríguez, do Banco Santander, falou ao alumnado de 1º de Bacharelato de Economía sobre os indicadores económicos dun país, os ingresos e os gastos, os presupostos do Estado e o proceso de xubilación. 

FACENDO DE SEU A AULA DE ESPAZO MAKER

26/01/2019

Un grupo de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato, coa profesora de Tecnoloxía Paloma Lavandeira, comezou onte a facer da aula na que se ubicará o Espazo Maker un lugar de seu. Xa formaron parte no curso 2016-17 da auditoría sobre o uso dos recursos enerxéticos. Co aforro derivado das medidas xeradas a partir desta revisión puidemos crear este curso a Aula de Xogos. Aí están, formando parte da innovación no centro! Grazas a eles e ao profesorado implicado nestas dinámicas. Cremos que, sen dúbida, este é un dos camiños que debe seguir o ensino!

       

     

    

   

 

RUTA DO LIXO NO CURSO 18-19

26/01/2019

No marco da SOSTIBILIDADE como tema interdisciplinario de centro, o alumnado de 2º de bacharelato de Bioloxía e Ciencias da Terra fixo onte a ruta do lixo. Xeración tras xeración  aprenden moitísimo sobre a xestión do lixo que producimos nas nosas casas e no centro, e esta aprendizaxe conleva unha reflexión sobre os hábitos de consumo que temos tan arraigados.

A ruta comezou visitando o Complexo Medioambiental do Barbanza situado en Servia (Lousame), onde se xestionan os Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de nove concellos, entre eles o Porto do Son. Alí separan os compoñentes sólidos do lixo que xeramos para ser reciclados (vidro, papel, inorgánico) e, o máis importante, coa fracción orgánica fabrican compost que pode voltar á terra para ser abonada. 

A segunda parada foi na EDAR do Porto do Son onde nos mostraron como se limpa a auga residual para devolvela ao medio nunhas condicións óptimas.

 

Finalmente visitamos no monte Enxa o antigo vertedoiro incontrolado onde se botaba todo o lixo que producía o Concello do Porto do Son. Tamén está ben coñecer de primeira man as medidas pouco sustentables dunha xestión incorrecta dos nosos residuos.

 

 

 

PLÁSTICOS NO MAR E ESPAZOS PROTEXIDOS

20/01/2019

Continuamos coas charlas e obradoiros do programa Conciencia para o alumnado de 2º de ESO no segundo trimestre. Podedes ler as entradas no blog da biblioteca:

Plásticos no mar, a enfermidade do planeta

 

 

Espazos protexidos. Figuras de protección

21 DE DECEMBRO. XORNADA DA SOSTIBILIDADE

21/12/2018

O IES de do Son deséxavos un feliz 2019! Un 2019 sostible, xusto, libre, igualitario, pleno nos dereitos, identitario e con vontade universal...

O 21 foi unha festa, unha Xornada da Sostibilidade, para ir asentando alicerces firmes! Pensar, actuar, comprometerse para plantar sementes que han de agromar na esperanza de futuro para o planeta! Grazas a tod@s! O alumnado, o profesorado, as nais... por facer desta xornada un día de celebración!

Xornada da Sostibilidade

More presentations from etikeles

CON LEDICIA COSTAS E "A SEÑORITA BUBBLE"

20/12/2018

Hoxe estivo connosco Ledicia Costas para falar co alumnado de 1º de ESO sobre a obra que leron neste trimestre en Lingua Galega: A señorita Bubble. Podedes ler máis sobre a visita no blog da biblioteca.

PRIMEIRO ENCONTRO EN XOGADE

28/11/2018

 

 

O pasado Venres 23 de Novembro desprazáronse a Noia un total de 55 deportistas de 1º, 2º e 3º de ESO para competir na proba de Campo a Través nas diferentes categorías. As primeiras en tomar a saída foron as rapazas do equipo Infantil feminino, ás 11.45, acadando un 5º posto na súa categoría. Tras elas tocoulles aos Infantís masculinos, quedando no posto 11 por equipos. A continuación a representación do equipo Cadete Feminino fixo unha excelente carreira, acadando o 2º posto por equipos e a nivel Individual Xiana Filgueiras quedou en 3ª posición. Por último, competiu o equipo Cadete Masculino acadando un traballado 2º posto por equipos, e a nivel individual Alejandro Vázquez chegou en 3ª posición e Rafael Sampedro nunha meritoria 5º praza.

  

Equipo cadete feminino e Alejandro Vázquez competindo

No centro estabamos manifestándonos en contra da Violencia de Xénero, pero esta protesta tamén se levou a Xogade. Ben sabemos da discriminación e o machismo que aínda se vive no ámbito do deporte. Reflexionar e tentar mudar esta realidade forma parte tamén do día a día da educación. Dende o IES de Porto do Son queremos ter voz e actuar!

 

    

A seguinte carreira, xa clasificatoria para a seguinte fase, será no parque do Loreto (Porto do Son) o vindeiro Mércores 19 de Decembro.

Noraboa a tódolos/as participantes polo seu esforzo e comportamento!!!

Moito ánimo e pronta recuperación aos lesionados/as.

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. LIBRE!!!

23/11/2018

Escoitádenos LIBRES.

O berro nunca é suficiente.

A violencia de xénero aparece cada día nas vidas das mulleres, das mozas, das nenas.

Miradas que nos ven como obxectos. Obxectos para seren posuídos, agredidos, violados, asasinados. Miradas debedoras dunha longa sombra que vén do alén dos tempos. Opresoras. Primitivas. 

 

Por iso os berros nunca son suficientes. E "Debuxamos portas violetas"!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut