Eventos
Durante a xornada do 10 de abril, o alumnado de 3º de ESO e o alumnado de Xeografía de 2º de Bacharelato foron a Meteogalicia onde lles explicaron como se toman as medidas das diferentes variables.
Posteriormente fixeron unha ruta matemática no parque de Bonaval.
O noso agradecemento á organización da Doctora Fernández de Córdoba e a colaboración e implicación de todo o equipo de Atención Primaria do Centro de Saúde de Porto do Son, que decidiron empregar unha parte do seu tempo co noso alumnado de 1º de Bacharelato, impartindo un obradoiro de primeiros auxilios durante a mañá do xoves 11 de abril.
O alumnado puido así aprender unhas pautas básicas de primeiros auxilios: actuación ante atragantamento, RCP básica, posición lateral de seguridade,...
Máis fotos AQUÍ
Ante a necesidade de abordar unha educación sen estereotipos de xénero, a Consellería de Educación e a de Promoción do Emprego e Igualdade, creou o programa formativo “Que non te líen, ti elixes” para tratar de eliminar a baixa representación feminina nos sectores laborais da construción, a madeira, o TIC, o metal e o mar de Galicia. Todos eles sectores con dificultades para alcanzar a igualdade laboral entre mulleres e homes.
Deste xeito, durante a mañá do martes 16 de abril, o noso alumnado de 3º e 4º de ESO puido asistir a esta charla no Salón de Actos.
O 12 de abril tivo lugar o CAMPIONATO PROVINCIAL de CROS no Loreto no que resultou gañadora a nosa alumna de 3ºC Carmen Paz Santamaría.
Os nosos parabéns!
Durante a mañá do martes 23 de abril, 7 alumnos de 3º de ESO participaron na actividade “Olimpiada Xeográfica Junior de Galicia” organizada pola AGE (Asociación de Geógrafos Españoles)-Delegación de Galicia, na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.
Os nosos parabéns a Izan de 3ºA, Uxia, Andrea, Raquel e Sabela de 3º B, Mateo e Ryan de 3º C, que conseguiron o 1º e 2º premio!
O 24 de abril tivo lugar a fase provincial da proba de Deporte Escolar, modalidade Orientación no Campamento Virxe do Loreto, de Porto do Son. Participou na actividade o alumnado de 2º de ESO e 2 alumnos de 4º de ESO, clasificados na fase previa.
Desta volta, quedaron clasificados: Carmen Paz (1ª clasificada), Aldara Fernández (2ª clasificada) e Anxo Fernández (3º clasificado). Parabéns!
Durante a mañá do 24 de Abril, o alumnado de 3º de ESO asistiu a uns Obradoiros onde se traballou todo o referido á igualdade de xénero.
O 25 de abril, o alumnado de 1º de Bacharelato, participou nun obradoiro de BENESTAR EMOCIONAL impartido por QUÉROTE+, onde se falou de todo o relacionado coa xestión emocional.
O alumnado de 1ºCM organiza unha carreira de orientación no parque periurbano de San Roque en ribeira para o alumnado de 1º de bacharelato do Ies de Porto do Son
O mes de maio convidamos o escritor Manuel Núñez Singala ao IES de Porto do Son para manter dous encontros: Un co alumnado de 1º de Bacharelato e outro co de 2º da ESO. Agradecemos a súa presenza no noso centro e a colaboración da Editorial Galaxia.
No primeiro encontro Manuel Núñez Singala conversou co alumnado de 1º de Bacharelato sobre a súa novela Camiños na auga.
No segundo encontro, co alumnado de 2º de ESO, o escritor falou sobre a súa obra dramática O achado do castro.
Foi un privilexio para nós poder achegarlles a obra de Singala aos nosos estudantes da man do propio autor.
O 3 de maio, o alumnado de FOL do 1º curso do ciclo, tivo unha charla de riscos laborais en materia de prevención e protección nas actividades relacionadas co turismo activo, impartida por Mª Jesús Copa Arias do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia)