Skip to Content

Artigos

ECOAUDITORÍA DE RESIDUOS

07/02/2018
Este luns dúas biólogas de ADEGA ensináronnos a realizar unha Ecoauditoria dos residuos producidos no centro, que levarán a cabo alumnas e alumnos de Cultura Científica de 4ºESO e 1ºBac. Durante estas dúas primeiras sesións estiveron analizando a situación actual do centro, e na vindeira sesión o luns 26, adoptaránse medidas para xestionar e reducir os nosos residuos.
Por outra banda, co alumnado de 1ºESO B e do Ciclo, o obradoiro consistiu en reutilizar un tipo concreto de residuo, os tetrabricks, tan complicados de reciclar. Convertéronos en moedeiros!
 
 
 

ENTROIDO 2018

04/02/2018

OBRADOIRO DE RADIO, RADIO NA BIBLIO

04/02/2018

 

 

Javier Prado, da rede de escolas pertencente ao colectivo Radio Espora, impartiu o martes 30 un obradoiro de radio para o profesorado. A primeira parte, unha introdución xeral, desenvolveuse na na biblioteca; na segunda, tras elaborar uns breves guións de programas de radio, realizamos unha clase práctica. A actividade enmárcase no proxecto Radio na Biblio, promovido dende Bibliotecas Escolares. Os 20 centros seleccionados estamos xa en marcha! 

En abril, en plena Semana Cultural, un grupo de alumnos unirase á formación. Pero antes iremos xa facendo prácticas con eles. Tentaremos atraelos cara a un recurso que, sen dúbida, lles permitirá acadar moitas das competencias de forma dinámica e motivadora. 

Seguimos adiante co tema interdisciplinar da COMUNICACIÓN

 

EN NOIA NA FASE INTERCOMARCAL DO DEPORTE ESCOLAR

31/01/2018

Parabéns aos mozos e mozas do centro que participaron na Fase Intercomarcal de Deporte Escolar! O equipo  cadete feminino a pesar das baixas quedou en terceiro lugar e  Valeria Lorenzo Olveira de 2º B  (7º posto) clasificouse para o campionato provincial a celebrar o sábado 3 de febreiro en Culleredo ( A coruña). 

 

SEGUINDO A "RUTA DO LIXO", DA PLANTA DE RECICLAXE, ATA O EDAR E O VERTEDOIRO DO ENXA

27/01/2018

 

O alumnado de 2º de Bacharelato de Bioloxía e Ciencias da Terra, seguiu este venres a "ruta do lixo" ou, como é coñecida xa no centro "a ruta da merda". Visitaron a Planta de Reciclaxe de Lousame, EDAR de Porto do Son e o vertedoiro do Enxa. Coñecer para comprender e construír un mundo máis respectuoso co medio ambiente. 

 

"OS BOSQUES DE GALICIA" CON ANTONIO RIGUEIRO NO PROGRAMA A PONTE

27/01/2018

Este xoves,  o profesor Antonio Riguero Rodríguez, do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior  do Campus de Lugo, impartiu para o alumnado de 1º de Bacharelato e do Ciclo a charla Bosques de Galicia. A actividade enmárcase nas charlas do programa A Ponte, que pretende achegar o ámbito universitario ao alumnado dos institutos, e no Plan de Acción Titorial do centro.

 

Riguero explicou a clasificación das árbores en artificiais e naturais. As artificiais son as plantadas polo home (soutos, piñeirais, eucaliptais.. ). As que medran de seu na natureza son naturais. Entre estas últimas distinguiu as de folla caduca (carballeiras, tipos de carballos, bidueirais, faias, ameneirais…) e as de folla perenne ou sempre verdes (aciñeirais, sobrados, louredos, acevedas…). Contou tamén das especies ameazadas polas pragas e, como non, dos estragos do lume.

Unha charla ben interesante! Seguimos na intención de concienciar o alumnado na respecto da natureza.

 

OS AQUELADORES

22/01/2018

No IES queremos avanzar cara a unha xestión eficiente que mellore o uso dos recursos e conciencie o alumnado de que o planeta é finito e non se pode malgastar. Debemos consumir só o que precisamos e coidar o que temos.

O curso pasado centrámonos, coa axuda dos rapaces e Sabela, Paloma e Raúl -profesorado dos departamentos de Bioloxía, Tecnoloxía e Xeografía e Historia-, en calcular o que contaminaba o centro e tomar medidas para reducir o consumo (sobre todo de electricidade) e as emisións.

Durante este curso queremos levar a cabo unha serie de proxectos dirixidos ao mesmo obxectivo: conseguir un centro máis sostible ambientalmente. Para iso, empezamos poñendo en marcha un equipo de alumnos e alumnas que se encarga de facer pequenos arranxos: “Os aqueladores”.

       O que se pretende é que o alumnado lle dea valor ás cousas e entenda que a cultura de usar e tirar é moi prexudicial para o medio ambiente. Ademais, parécenos importante que coñezan o que custan as cousas e o seu coidado, para que promovan entre os seus compañeiros unha conciencia de colaboración para manter o centro en bo estado. No primeiro trimestre repuxéronse moitos percheiros rotos e pintáronse varias aulas de 1º e 2º da ESO. 

       Moitas grazas a Jonás Romero, Juan Manuel Sanlés, Iván Surik Maneiro, Alba Rodríguez, Sara Pouso, Natalia Cameán, Anahí González, Saray Alboreda, Noelia Iglesias, Pablo Torrado e Jorge Alcalde pola súa colaboración. Todos disfrutamos dun lugar de traballo mellor grazas a eles!

 

 

 

 

 

 

 

CONVIVENCIA E RELACIÓNS SOCIAIS CO PROGRAMA QUÉROTE

18/01/2018

Esta mañá, Paula Fernández Rico, do servizo Quérote+, achegado aos centros pola Consellaría de Xuventude, traballou co alumnado de 3º de ESO o tema da CONVIVENCIA E AS RELACIÓNS SOCIAIS. A actividade forma parte do Plan de Acción Titorial e, este curso, enmárcase tamén no tema interdisciplinar do centro: A COMUNICACIÓN.

A xestión das relacións sociais, o traballo dos valores que constrúen unha sociedade xusta, o desenvolvemento de destrezas para vivir no pequeno e gran grupo, a toma de decisións... Unha formación sempre necesaria! Continuaremos favorecendo que o noso alumnado aproveite os recursos públicos que poden acompañar a súa aprendizaxe académica e persoal.

CAMPO A TRAVÉS PORTO DO SON 11/01/2018

14/01/2018

Parabéns a todos os alumnos e alumnas do instituto que o xoves pasado na carreira de campo a través do Loreto, no proxecto XOGADE ! Deixaron ben alto o pavillón!!! 

O equipo cadete masculino do instituto quedou primeiro e clasificouse para a fase intercomarcal. O equipo cadete feminino clasificouse en segundo lugar para a fase intercomarcal. Valeria Lorenzo Olveira de segundo da ESO gañou a carreira da categoría cadete feminino. Bravo!!!



ADICCIÓNS E DROGODEPENDENCIA COA ASOCIACIÓN RENACER

11/01/2018

Esta semana os alumnos de1º, 2º e 3º de ESO, dentro do Plan de Acción Titorial planificado polo departamento de Orientación, participaron nunhas charlas sobre adiccóns e drogodependencias, impartidas pola Asociación Antidroga Renacer de Ribeira. A temática tratada cos alumnos e alumnas de 1º xirou en torno ás Novas Tecnoloxías, incidindo no seu uso responsable en todos os ámbito. En 2º, desenvolveuse o tema de Tabaco, alcohol e cannabis así como as habilidades para a vida orientando o alumnado de cara a non ceder á presión do grupo e saber dicir "non" ante o consumo destas substancias.

Co alumnado de 4º de ESO, tratouse O uso e o abuso das drogas, expoñendo as diferenzas entre estas dúas accións. Definiuse o que é unha droga, falouse da súa clasificación e dos estados no seu consumo: tolerancia, dependencia e abstinencia. Para apoiar as explicacións mostráronse dous vídeos, entre eles a curta de animación "Nuggets”, que trata o tema do proceso aditivo dunha maneira especial e que gustou moito ao alumnado. Tamén houbo tempo para coñecer as partes nas que se divide o noso cerebro e como reaccionan ante o consumo de diferentes tipos de drogas, así como para falar sobre as adicións sen substancias (como poden ser as apostas).

 



by Dr. Radut