Charla STEM: QUE TEN QUE VER A QUÍMICA CON NÓS?

O venres 16 de febreiro tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro unha charla sobre química (biotecnoloxía, fármacos, plásticos…) para o alumnado de 3º e 4º da ESO.

O profesor de Química Orgánica da USC, Ricardo Rigueira Vega, falounos sobre a importancia e o uso da química nas nosa vidas e na natureza, así como a súa utilización nos fármacos, nos plásticos… Nesta charla tamén nos definiu palabras como biotecnoloxía, ecoloxía, nanotecnoloxía e outras ciencias.

Despois, púxonos exemplos da relación desta ciencia con aspectos da nosa vida cotiá. Por exemplo, coa alimentación e a maneira de cociñar ou de conservar os alimentos. O café non ten o mesmo sabor se o facemos a 90ºC ou a 110ºC, é dicir, coa temperatura a que o elaboramos na casa ou a que se utiliza nunha cafetería. Tamén aprendemos por que os alimentos se conservan grazas ao escabechado ou á curación (deshidratación), etc.

Expuxo tamén o caso de principios químicos naturais como o extraído da semente dun tipo de teixo que se utliza en tratamentos contra o cancro. Como a produción natural non é suficiente, a industria química fabrica un principio químico sintético baseado no natural para poder satisfacer as necesidades a nivel mundial.

Grazas tamén aos avances da bioquímica, a anestesia puido producirse a gran escala, o mesmo que ocorre coa aspirina. A continuación, incidiu na importancia práctica desta disciplina e nas mentiras que sobre ela utilizaron grandes industrias para vender os seus produtos.

Para rematar puxo exemplos de publicidade relacionada coas ciencias para saber o que comprar e o que non.

A charla finalizou cunha rolda de preguntas que o profesor contestou moi amablemente.

Foi unha charla moi teórica pero tamén moi interesante, xa que permitiu ampliar o noso coñecemento tanto de Tecnoloxía, como de Física e Química.


Noel Díaz e Miguel Alves
4º ESO