Skip to Content

O LIBRO DAS MARABILLAS

Onte, a prensa local facíase eco da fantástica presentación da tradución ao galego d´O libro das marabillas, de Marco Polo, que tivo lugar no IES Otero Pedrayo. Todo unha festa na que as persoas asistentes acudimos caracterizadas de cidadáns/ cidadás do vasto imperio mongol, na que gozamos coa magnífica presentación da tradutora, Maite Jiménez, e na que non faltou complicidade, risas e, por suposto, o espectacular viño traído directamente da corte do Gran Khan. Marabilloso o `libro das marabillas´!

 

 

IES OTERO PEDRAYO, ENSINO PÚBLICO, ENSINO DE CALIDADE

EX-PARLAMENTARIOS NO IES OTERO PEDRAYO

Co obxectivo de espallar os valores da democracia entre a xente moza (neste caso, o alumnado de 4º ESO), onte visitaron o noso centro Roberto Castro García, Pablo Xabier López Vidal e Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, ex-parlamentarios de diferentes cores políticas. O acto comezou cunha pequena exposición de cada un relativa ao parlamento para, a continuación, darlle paso ao alumnado para que fixera as preguntas que estimara convenientes. E moitas houbo!
Esta actividade complementa a visita ao Parlamento e Xunta de Galicia dos nosos rapaces e rapazas xa fixeran en 1º ESO.

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

PARLAMENTO e XUNTA DE GALICIA 1º ESO

 

A través do programa "Coñece as túas institucións", o alumnado de 1º da ESO tivo a oportunidade de facer a visita guiada ao noso Parlamento, póndose , incluso, no papel de parlamentario e saíndo á tribuna a facer as súas propias peticións. A continuación, visitou as dependencias de San Caetano da Xunta de Galicia, onde, neste caso, asumiu o papel de conselleiro e explicou o papel das diferentes consellarías que forman o noso goberno.
 
 

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

A MULLER NA ANTIGÜIDADE GREGA

 

O alumnado de 1º BAC de Grego tivo a honra de escoitar á catedrática de Historia Antiga da Universidade de Vigo, Susana Reboreda, falarlle sobre a situación da mulller na antiga Grecia.
A partir das fontes tanto escritas como iconográficas e arqueolóxicas, achegounos á vida das mulleres, tan diferente á dos homes desde o nacemento ata a morte. O só feito de falar delas xa é un paso adiante!

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

ALCOL E DROGAS NA MOBILIDADE SEGURA

 

Grazas á Concellaría de Educación e á Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, un ano máis o alumnado de 4º da ESO puido asistir a unha charla-obradoiro sobre a importancia de movernos de xeito seguro, vaiamos en bicicleta, moto, coche, patín ou calquera outro medio.
Os nosos rapaces e rapazas, a través de lentes de simulación, puideron comprobar os efectos do alcol e das drogas en primeira persoa, así como facer as probas grazas aos etilómetros e drogotest que os axentes trouxeron ao centro.
 
 

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

MES DA CIENCIA

 

A pasada semana, foille entregado o premio ás gañadoras das actividades realizadas ao abeiro do mes da Ciencia (novembro).
O departamento de Bioloxía e Xeoloxía, coa colaboración da Biblioteca, organizou un reto científico consistente en resolver unha serie de cuestións relacionadas coa ciencia. Para cada cuestión tiñan dispoñibles 48 horas para resolvela e, a continuación, propoñíase a seguinte, e así sucesivamente durante 10 días. Houbo unha alta participación entre o alumnado e, ao final, tivemos dúas gañadoras, xa que se produciu un empate ao obter os mesmos puntos. As gañadoras son Carla Tubio Laza, de 3º ESO C, e Lara Prieto Laza de 4º ESO C. Parabéns.
 
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

CÉLULAS SABROSAS!

 

De novo, as rapazas e rapaces de 2⁰ de bacharelato volveron sorprendernos con modelos relacionados cos contidos. Desta vez, tocoulle ás células.
Doces e sabrosas células.
Canto traballiño!!!!!
De parte de toda a comunidade educativa, GRAZAS, rapazas e rapaces, por ilustrarnos sobre os modelos celulares e adozarnos estas mañás de xaneiro.
Exquisitos!!!!!
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

XORNADA DE PORTAS ABERTAS CURSO 24-25

PRESENTACIÓN: O LIBRO DAS MARABILLAS

Este venres, no Otero Pedrayo. Todo un luxo!

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

COÑECERSE A UN MESMO. A IMPORTANCIA DE ENFRONTARSE AO TEU OUTRO LADO

O doutor en Filosofía, Abraham Rubín, da UVigo, invitou ao noso alumnado de 1º BAC ao autocoñecemento. Pasada a fase de espello (Lacan), o inconsciente proxéctase sobre outras persoas á procura de modelos e, dese xeito, vaise construíndo a identidade persoal, deixando fóra aqueles caracteres desagradables que non recoñecemos como propios e detestamos nos demais (a sombra tal e como a definiría Jung). O ponente debuxou con claridade este proceso de autoidentificación, a súa relación co mundo virtual e a necesidade de asumir na consciencia a sombra para non caermos presos da impulsividade.
Todo un privilexio para o Otero Pedrayo poder contar contigo, Abraham. Grazas.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.
Distribuir contido


by Dr. Radut