Por terras de Iria Flavia

22-23 Día de Rosalía

 Inda vexo onde xogaba
cas meniñas que eu quería,
o enxidiño onde folgaba,
os rosales que coidaba
i a fontiña onde bebía.

Os versos rosalianos foron trazando as pegadas da poeta para o alumnado de 3º ESO que o pasado martes 14 de febreiro percorreu o Roteiro Rosalía de Castro. Nunha mañá fría mais soleada, o profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón foinos guiando de forma excepcional por algúns dos lugares intimamente ligados á vida e á poesía da autora.

O percorrido partiu do Paseo do Espolón, onde en 1957 se inaugurou ante milleiros de veciños e veciñas a estatua esculpida por José Mª Mateos, discípulo de Asorey, e seguiu pola casa da nenez da poeta na antiga rúa do Sol antes de nos encamiñar cara a Iria Flavia, un espazo clave para coñecer as raíces familiares e a vida de Rosalía, que estivo enterrada no cemiterio de Adina ata que os seus restos foron trasladados ao Panteón dos Galegos Ilustres en Santiago. Pero, ademais, cunhas breves pinceladas, o profesor Lorenzo Baleirón deunos unha clase maxistral que nos permitiu coñecer mellor o pasado deste enclave fundamental da historia de Galicia, dende as pegadas castrexas e romanas ata o esplendoroso barroco da súa igrexa pasando pola importancia desta parroquia na época sueva e sobre todo medieval.

Ó pe do monte, maxestuoso, erguíase
na alde escura o caserón querido,
ca oliva centenaria
de cortinax ó ventanil servindo.
Deserta a escalinata,
soio o paterno niño,
e enriba del caendo misteriosas
coas sombras do crepúsculo, as do olvido.

Visitamos despois o Pazo de Arretén e, finalmente, chegamos á Casa da Matanza, onde Rosalía viviu os seus derradeiros anos de vida e que alberga a sé da Fundación que leva o seu nome. Con Manuel Lorenzo, o noso anfitrión,  a quen lle agradecemos a súa compaña e cariño, percorremos as salas dunha casa que hoxe en día é un símbolo cultural e patrimonio vivo para todos os galegos e galegas.