Skip to Content

Os Metrosiderais: visita con Héctor Cajaraville

O luns 17 de abril, as alumnas do club de lectura de galego fixemos un roteiro pola Coruña con Héctor Cajaraville, o escritor do libro que limos, Os Metrosiderais. As participantes fomos Lucía Martín, Emma Vilamor, Alba Dorado, Alba Macía, Irene Rostro, Olivia Expósito, Aldara Vilariño, Carmela, Alejandra e a profesora Carmo Gasamáns. Héctor foi moi amábel e contounos todo tipo de detalles sobre a elaboración da historia e todo o que empregou de inspiración.

Dividimos o libro segundo o recorrido feito cada día polos protagonistas. O noso obxectivo era atopar e fotografar lugares importantes para a historia como a Praia das Amorosas co seu “cigurat”, a tenda de Edu, o fogar do ancián do libro, o contedor de roupa onde atopan os zapatos do vello, o lugar onde debería estar o bazar dos pais de Li, etc.

Ao chegar á Coruña, o primeiro que fixemos foi quedar con Héctor na Praia das Amorosas, onde nos falou de como o cigurat foi unha inspiración para escribir o libro. Contounos tamén a orixe de Emma, a antagonista da historia, que resultou ser unha das súas compañeiras de clase no instituto. Despois, fomos cara Montealto e vimos algúns dos lugares do roteiro como a Igrexa de San Xosé ou a tenda onde a personaxe de Edu preparaba as súas culleriñas, na Rúa Adelaida Muro, (resulta que Edu é en efecto unha persoa real e é o dono do establecemento). Máis tarde, baixamos cara o Parque de Marte e acercámonos á estación de policía para ver o metrosidero, elemento esencial da historia do que Hector nos deu datos como que viña de Australia, que os científicos non puideron calcular a súa idade exacta, que hai un amuleto na árbore relacionado co seu lugar de procedencia, etc. Finalmente fomos a unha libraría para que o autor asinase algúns dos exemplares das súas obras para a biblioteca do noso instituto e os membros do club puideron escoller un dos seus libros para levar a casa.

As persoas que participamos nesta actividade estamos moi agradecidas pola experiencia, xa que poder escoitar ao propio autor contarnos todos os segredos da elaboración do libro dálle á historia un novo significado. É unha experiencia moi recomendable

 

 



page | by Dr. Radut