Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2016/2017

Un novo membro para o noso ENDL

Velaquí tedes a recreación da inquietante presenza da Santa Compaña. Felicísima visión dun artista que nos vén de fóra de Galicia. Descubrimos a Sergio Núñez Montávez como un prometedor colaborador do Equipo de Dinamización da Lingua, pese a estar exento da materia de Lingua e Literatura Galegas. Non houbo máis que indicarlle mínimamente que era a Estadea para que a traducise a unha linguaxe universal.

 

Medo no Mendiño

O medo petou nas portas das aulas do Mendiño. E o alumnado decidiu ceibalo nas clases. Mans nerviosas escribindo e debuxando os pesadelos máis desacougantes, as historias máis incribles, os ambientes máis tenebrosos, os personaxes máis macabros... Historias de lobishomes, de afogados, de almas perdidas, de sucesos estraños...vagan polas páxinas do novo número  dos “Contos de Medo” do Mendiño.

 

E nesta semana de defuntos unha exposición sobre debuxos do libro Os pequenos macabros do ilustrador Edward Gorey, situada na entrada do noso centro, serve como aperitivo desas historias de medo que os nosos rapaces e rapazas están a crear e das que vos achegamos un pequeno avance mentres non están impresos os exemplares do noso caderno de medo…

 

.

 

Primeiro Concurso de Teatro Radiofónico

O outono resistíase a chegar; xa estabamos no 27 de setembro de 2016. Un sol aínda tímido a aquelas horas acompañounos na nosa andaina desde o instituto ata o peirao de Cesantes. O mar deixara xa de devalar e as mariscadoras recollíanse pausadamente da súa marea na praia vella. Entre risos e verbas recedentes a mar, agardamos o barco que nos levaría ao Museo de Rande, primeiro e á  Illa de San Simón, despois. Na nosa volta ao centro e cun sol xa ben forte, comentabamos o contentos e contentas que estabamos por termos participado no I Concurso de Teatro Radiofónico, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do noso concello coa colaboración da Radio Redondela e do noso propio instituto. Porque a viaxe pagara a pena: contacto directo coa fermosa paisaxe da nosa enseada, coa nosa historia, coa nosa economía, co noso xeito de vivir, coa nosa cultura...

Os nosos parabéns para o grupo de 4º de ESO do curso pasado, dirixidos pola súa profesora Catalina Míguez , que obtiveron o 1º Premio á calidade lingüística pola interpretación do lance I de Os vellos non deben namorarse, de A.D. Rodríguez Castelao.

Mágoa que esta saída cultural non se fixese extensiva a todo o alumnado do centro! Sería un magnífico investimento cultural que o noso concello podía levar adiante e do que se beneficiaría todo o alumnado redondelán!

 

 

.

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut