Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

Xuntanza para falar do libro "Camiños na auga"

Celebramos a nosa xuntanza o pasado 27 de novembro para falarmos do libro Camiños na auga. E eliximos esa data aproveitando que ese mesmo día o seu autor, Manuel Núñez Singala, acudía ao centro para darlle unha charla sobre Sociolingüística ao alumnado de 2º de Bacharelato.

Núñez Singala é coñecido polo seu compromiso co idioma galego (non en balde é o actual Xefe do Departamento de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela) e ese compromiso amósao en todas as obras que ten publicado, tanto de tipo ensaístico (En galego, por que non?) como teatral (Bicos con Lingua, Comedia bífida) ou narrativa (Longa lingua). Pero no libro que eliximos para a primeira reunión do Club o tema lingüístico non está presente máis alá do idioma no que está escrito. E este foi un dos asuntos polos que iniciamos a charla. Ao autor apetecíalle probar a escribir sobre temas novos e deixar un pouco á marxe as preocupacións lingüísticas. E iso é o que fixo nesta obra, ao igual que na súa última publicación, o libro de relatos Instrucións para tomar café.

Explicounos tamén, a partir das preguntas que algúns dos asistentes lle formularon, como a trama argumental do libro lle xurdiu a partir dunha noticia lida nun xornal: un albino procedente de África chegara de forma ilegal ás costas das illas Canarias fuxindo pola persecución á que era sometido polo feito de ser tal. E a partir de aquí falounos do albinismo no continente africano e dos problemas que trae consigo para aqueles e aquelas que o sofren a causa das crenzas e tradicións que alí perviven.

Igualmente nos contou o grande tempo que lle levou documentarse sobre todos aqueles aspectos, tanto xeográficos, como de costumes, etc. Que aparecen reflectidos no libro, e que o dotan dunha verosimilitude realmente inaudita, tratándose dunha historia que transcorre moi lonxe do noso contorno. Pero todo é real, os lugares, as viaxes, os ríos…

Amais diso, tamén comentamos a pericia literaria de conseguir manter sempre a tensión narrativa, de capítulo a capítulo ata chegar ao final da historia, tocando temas tan diferentes como a violencia, o amor, a amizade, etc. E ese final que queda aberto, porque confesou, ante as nosas preguntas, que non tiña pensado escribir unha segunda parte.

En resumo, agradecimos todo o que nos contou da parte humana da historia, facéndonos ver a existencia dun problema, o albinismo en África, do cal eramos ignorantes ou alomenos non moi conscientes. E cremos que el  tamén  disfrutou con este encontro.

 

 

 

 

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



story | by Dr. Radut