Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2014/2015

Eo Nadal chegou ao instituto

Véntase xa o Nadal no noso centro.

O alumnado de 3º de ESO, acompañado da súa profesora Rosa e de Euxenio,  púxeronse mans á obra e colocaron a célebre árbore de Nadal. Elías tirou algunhas fotos.

                        

 

 

Mª ALONSO SEISDEDOS (Premio Nacional de Tradución 2014) no noso centro.

Hai un mes aproximadamente que na entrada da nosa biblioteca figuraba, como libro destacado,  a obra de James Joyce: Ulises traducida á nosa lingua, obra pola que lle concederon a Mª Alonso o Premio Nacional de Tradución.

E o venres, día 5 de decembro, tivemos a oportunidade de termos connosco a esta tradutora, que ten desenvolvido o seu labor non só no mundo literario senón tamén no mundo audiovisual, versionando ao galego películas, series… que tanto nos gustaron e nos gustan a moitos de nós, como o Sinchan, por exemplo.

O noso agradecemento para María Alonso e os nosos parabéns por ese extraordinario premio, que coidamos foi ben merecido.

 

ASISTENCIA Á REPRESENTACIÓN TEATRAL "O FEO"

O alumnado de 3º de ESO asistiu o venres, 21 de novembro, á representación da obra O Feo a cargo do Grupo “Catrocadeiras”.

O espectáculo tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra, dentro da Programación que o Pazo da Cultura ofertou para os escolares.

Queremos, desde aquí, amosarlles o noso agradecemento por permitirnos participar nesta iniciativa cultural á que non todos os rapaces e rapazas teñen a posibilidade de asistiren.

Asemade, queremos felicitar aos membros da compañía “Catrocadeiras” pola súa estupenda posta en escena, que conseguiu abraiar e impactar ao noso alumnado e mesmo o fixo reflexionar a respecto do que realmente nos define como persoas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

REPRESENTACIÓN TEATRAL DE "A VERDADE ESPIDA" DE E. BLANCO AMOR

O noso instituto asistiu o día 14 de novembro á representación teatral dun auto escrito por Eduardo Blanco Amor, que forma parte do seu libro Farsa para títeres. Trátase dunha farsa humorística, conceptual e crítica da sociedade, a través de  personaxes simbólicos como o Vicio, a Virtude, a Lei, o Capital, o Traballo, o Estado, o Amor...

A representación estivo a cargo do grupo IAD-12 (Iniciación Arte Dramática-12), da Universidade Laboral de Ourense, un grupo formado por alumnado de 4º de ESO e polas súas profesoras Matilde Vázquez e Carmen Senande. Conseguiron entusiasmar aos nosos rapaces e rapazas de 4º de ESO que asistiron a esta representación.

 A actividade foi posible grazas ao Servizo de Normalización Lingüística do noso concello e á colaboración co Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do noso centro .

O noso agradecemento para os organizadores e, moi especialmente, para os rapaces e rapazas do Grupo IAD-12, os cales, antes e despois de actuaren puxéronse coma pitos porque tiveron que carrexar as cousas do decorado a pé dado que o seu autobús non puido pasar ata o centro por mor dun coche mal aparcado. Xa que logo, o ben gañado agradecemento e os merecidos parabéns pola estupenda actuación destes rapaces e rapazas.

 

Premede na imaxe para velas todas.

SAÍDA A OSEIRA, CELANOVA E VILANOVA DOS INFANTES

Alumnos e alumnas de 4º de ESO, acompañados das súas profesoras: Almudena, Pilar e Rosa, o 18 de novembro de 2014 visitaron o Mosteiro de Oseira (séc. XII-XIII). Logo baixaron a Celanova e estiveron no Mosteiro de San Salvador (séculos XVII-XVIII). A primeira hora da tarde, visitaron a Casa dos Poetas (Casa de M. Curros Enríquez). Logo partiron cara a Vilanova dos Infantes; alí visitaron a Torre da Homenaxe e pudieron ver a célebre “Virxe do Cristal”, poetizada por Manuel Curros Enríquez.

O día estivo ben frío pero iso non supuxo ningunha pexa para que os nosos rapaces e rapazas, amais de aprenderen historia, arte, literatura… compartisen tempos de lecer, algo que tamén é ben importante.

Cómpre dicirmos que, unha vez máis, nos sentimos orgullosos do noso alumnado que soubo comportarse en todo momento.  Así é que, para todos eles e elas, os nosos parabéns.

Premede  na foto para ver todas.

 Fotos Oseira, Celanova e Vilanova dos Infantes

 

 

 

MAGOSTO 2014

Nesta ocasión tivemos a oportunidade de celebrarmos o Magosto no seu propio día, o de San Martiño. E mesmo tivemos sorte co tempo. Castañas, larpeiradas feitas con produtos destas datas, deporte, cinema (O noso Club de Lectura proxectou “El juego de Ender”), música  leda de gaitas e tambores … E o máis importante: alumnado e profesorado compartindo palabras, risos, castañas…

 

 Para ver imaxes desta festa, premede aquí.

 

 

 

 

VISITA AO MUSEO DE PONTEVEDRA E ASISTENCIA AO TEATRO

O alumnado de 2º de ESO visitou  a sala sexta do Museo Provincial Castelao, onde  desfrutaron dunha colección de arte galega desde o século  XIV ata a actualidade e, moi especialmente, da obra pictórica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Logo asistiron a unha representación teatral no Auditorio do Pazo da Cultura da obra Impreuna, interpretada pola compañía Pistacatro. Unha obra ambientada na época actual, un espectáculo mergullado integramente nos códigos artísticos do circo, sen renunciar á fusión con outras artes vivas como a danza, o teatro físico e a comedia.

Os nosos rapaces e rapazas saíron encantados/as.

 

Aquí vos deixamos dous enlaces: Museo de Pontevedra  e Pistacatro.

 

 

CHARLA INFORMATIVA SOBRE “A LEI DO MENOR”

O luns, 27 de outubro, o alumnado de 4º de ESO tivo a oportunidade de asistir a unha charla informativa sobre a “Lei do menor”, impartida por Ana Pérez, membro da Asociación  ARELA, en colaboración co Concello de Redondela.
 
Os nosos parabéns para a conferecenciante que, dun xeito claro e ameno, soubo captar a atención e o interese do alumnado polo tema . E o noso agradecemento ao Concello de Redondela por ofrecernos esta actividade tan necesaria e produtiva.

 

 

VISITA A FARO DE VIGO

 

O alumnado de 2º de ESO tivo o mércores, día 29 de outubro, a oportunidade de visitar as instalacións de Faro de Vigo en Chapela e asistir a unha charla informativa sobre da elaboración deste xornal que se edita no noso concello.

Premede nas fotos para velas.

 

 

 

 

O LIXO FEITO ARTE EN PALABRAS E EN IMAXES

 

Inauguramos de novo este curso inzando de imaxinación e arte as paredes da nosa cafetaría.  O noso agradecemento aos nosos compañeiros Fon e Euxenio e ao colectivo Sengashoil.

Non deixedes de visitar esta orixinal, interesante e divertida exposición na cafetería do noso instituto. Gustaríanos aproveitar para animarvos a participar na vindeira edición. E, como petisco, vaian estas imaxes.

Premede na imaxe para velas todas.

 

 

 

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut