Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2013/2014

Charla sobre os estudos na Universidade de Vigo

O luns, día 20 de xaneiro, tivemos, outro ano máis, no noso centro, a Ricardo Corderí, Xefe do Servizo de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, para achegarlle ao noso alumnado de 1º e 2º de Bacharelato información a respecto dos estudos universitarios da Universidade de Vigo.

Queremos desde aquí agradecerlle, unha vez máis, a súa interesante participación nesta xornada informativa que o noso alumnado valorou de xeito moi positivo.

 


Charlas sobre a lei do menor

O día 7 do mes de novembro, membros do Grupo Ktorce18, e dentro dun programa dependente da Fundación Barrié de la Maza cuxo obxectivo é achegar a Lei 5/2000 de responsabilidade penal do menor aos máximos protagonistas desta, os adolescentes, mozos e mozas, mantiveron dúas charlas no noso centro cos alumnos e alumnas de 2º e 4º de ESO.

 


Charlas sobre o perigo das drogas e o alcol

Aínda que xa comezaron a finais do primeiro trimestre, ao longo deste segundo, terán lugar unhas charlas informativas dirixidas ao alumnado de 2º da ESO sobre dos perigos que trae consigo o consumo de drogas e alcohol. A actividade está promovida pola Concellalía de Asuntos Sociais do concello de Redondela, en colaboración co Departamento de Orientación do noso centro.

Charlas sobre afectividade e sexualidade

No primeiro trimestre do curso leváronse a cabo unhas charlas sobre  afectividade e sexualidade, organizadas polo concello de Redondela a través da Concellalía de Asuntos Sociais, en colaboración co Departamento de Orientación do noso instituto; charlas dirixidas ao noso alumnado de 3º e 4º de ESO.

O club de baloncesto AMFIV no noso centro

Os días 16 e 17 deste mes de xaneiro tivemos a oportunidade –grazas ao Club de baloncesto de Redondela- de contarmos no noso instituto con deportistas de elite que forman parte do club Amfiv (Baloncesto en cadeira de rodas). Foi para toda a comunidade educativa  do IES Mendiño unha lección de deportividade, esforzo e superación que nos deixou abraiados a todos.

Os nosos parabéns para todos estes deportistas que, co seu excelente traballo, nos dan unha lección de esforzo e superación, da que nos deixaron constancia coa exhibición  da súa magnífica capacidade deportiva e humana. E o noso agradecemento tamén para o Club de Baloncesto Redondela por facer que puidesemos disfrutar deste encontro con estes grandes deportistas.

Preme en fotos para ver as fotos da actividade.

Día internacional dos Dereitos Humanos

10 de Decembro: DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

 Xa podedes pasar pola cafetaría do noso centro e ver a exposición que o alumnado de Bacharelato de Relixión Católica realizou baixo o lema “PON OS DEREITOS HUMANOS NO TEU CORAZÓN” co gallo do 65 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos das Persoas.

Que non quede todo en palabras e intencións, que o corazón actúe verdadeiramente!

   

Visita a Oseira, Celanova e Vilanova dos Infantes

Pasaban algúns minutos das 8:30 h. cando iniciamos a viaxe cara a Ourense. O frío acompañounos durante toda a xornada, aínda que o sol pelexou por andar na nosa compaña. O noso primeiro destino foi o Mosteiro de Oseira. (séc. XII-XIII). Desde alí partimos para Celanova, aínda que fixemos unha pequena parada en Cea para mercar, loxicamente, pan. En Celanova, pola mañá, visitamos o Mosteiro de San Salvador (séculos XVII-XVIII, cunha capela mozárabe datada no século X e única no seu estilo en Galicia) e entramos na fermosísima e incrible biblioteca do Instituto, que antano fora una armería. A primeira hora da tarde, e de camiño cara á Casa dos Poetas, fixemos un breve percorrido por lugares nos que viviron escritores tan importantes como Celso Emilio Ferreiro. Logo de coñecermos a Casa dos Poetas (Casa de M. Curros Enríquez), partimos cara a Vilanova dos Infantes; demos un paseo pola vila na que semellaba que o tempo se detivera (aínda que foi unha mágoa que non puidesemos entrar na Torre da Homenaxe) e puidemos ter nas nosas mans a famosa “Virxe do Cristal” que poetizou Curros Enríquez. Finalmente, visitamos  o xacemento arqueolóxico de Castromao (séc. VI-V a. de C.). Cando chegamos ao instituto eran por vollta das oito do serán. Volvemos cansos pero ledos e, sobre todo, moi instruídos.

O profesorado acompañante nesta saída quere felicitar ao alumnado que participou desta actividade cultural, pois o seu comportamento e actitude foi magnífica!

Obradoiro de radio impartido por Agareso

Alumnos e alumnas do 1º de ESO-B, o 25 de novembro, do noso instituto participaron nun Obradoiro de radio, organizado polo  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración co concello de Redondela e impartido pola  Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO). Con el pretendíase contribuír á formación das/dos participantes en valores solidarios e capacitalos/as nas destrezas básicas para elaborar un programa de radio no que se buscaba reflexionar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e os Dereitos Humanos. Para iso, realizáronse dúas sesións, unha primeira teórica, no propio centro e outra práctica que consistiu na elaboración dun programa de radio, que gravaron na nosa radio local, Radio Redondela.

 Para os nosos rapaces e rapazas foi unha actividade nova, interesantísima, coa que non só aprenderon a reflexionar ante o mundo que os rodea, a ser máis comprensivos e solidarios,  senón que tamén aprenderon cómo se realiza un programa de radio e, como non, disfrutaron enormemente (que iso tamén che é ben importante).

 O noso agradecemento ao concello de Redondela, que foi quen nos convidou a participar nesta iniciativa, á xente que forma parte de AGARESO, ao Fondo galego de Cooperación e Solidariedade, á Radio Redondela, a Lorena e Susi Queimaliños ás que case lles anegamos de xente as súas dependencias da Radio Redondela e as que, amablemente, nos axudaron a facer posible a realización do programa de radio, a Elena, responsable da Biblioteca pública, quen nos tirou unha fermosa foto do grupo. E moi especialmente, ao reporteiro Juan de Sola, que estivo cos nosos rapaces e rapazas, paciente e agarimosamente, aprendéndonos e compartindo o seu tempo.

Visita a Faro de Vigo

Do mesmo xeito ca en anos anteriores, o xoves, 14  de novembro, o alumnado de 3º de ESO realizou unha visita ás instalacións do xornal “Faro de Vigo” en Chapela. Foi unha actividade interesante para os nosos rapaces e rapazas que adoitan traballar coa prensa na aula. A nosa guía ofreceunos  información sobre a orixe do xornal, a súa importancia ao longo do tempo e explicounos cómo se confecciona o periódico, desde a recollida das noticias, a chegada á redacción  e a súa maquetación.

O noso agradecemento para esta moza que tan ben nos guiou polo xornal máis popular do noso concello.


Magosto 2013

8 de novembro: O Mendiño está que arde. Malia a chuvia, que fixo que algúns alumnos e alumnas e algúns profesores e profesoras se enchoupasen, as castañas foron asadas e o magosto puido celebrarse. Ningún contratempo metereolóxico puido coa leña que cortou e preparou o noso compañeiro Euxenio nin co empeño e ilusión do noso alumnado nin coa ledicia – tanto tempo agardada- de volver ter, por fin, connosco ao noso compañeiro Xabier. O son das gaitas e tambores de rapaces e rapazas do noso centro deixouse escoitar dentro e fóra do recinto escolar: Mª Jesús, Víctor, Diego, Laura, Sara e unha curmá de Mª Jesús inzaron o centro de fermosas pezas musicais. As tortas e os doces realizados con produtos desta época polo alumnado aledaban os ollos da xente que entraba no Mendiño e o padal dalgunhas persoas afortunadas en catalos. Rapaces e rapazas participaban en competicións deportivas dentro do pavillón (fútbol) e nas pistas do exterior (brilé). E, como broche final, a incrible e exitosa actuación musical do noso compañeiro Leo.

Vaian desde aquí os nosos parabéns para toda esa xente Mendiño que, con azos e entusiasmo, fixo que todos nós puidésemos  gozar deste día.

 Os gañadores e gañadoras do concurso de doces foron:

-1º Premio: Noa Domínguez.

-2º Premio: Lucas Quiñones, Carla Quiñones e Lucía  González

- 3º Premio: Antía Collazo.

 En fútbol, os gañadores foron:

Christian Araújo, Ricardo Baz, Anxo Bernárdez, David V. Bouzón, Héctor Casado, Rodrigo Míguez e Juan Valencia.

E, en brilé:

Marcos Carballido, Luis M. López, Fernando López, Pablo Otero, Alejandro Rodríguez, Pablo Rodríguez e David Vázquez.

PARABÉNS PARA TODOS E TODAS!!

 Non deixedes de premer en “AS NOSAS FOTOS” para ver os momentos estelares do noso magosto e tampouco deixedes de visitar a televisión redondelá por cable (redondelatv.com.) pois o noso amigo Cuchi veu compartir connosco este día (e iso que non lle deixamos nin un doce).

Entrevistas cos reposteiros


Magosto 2013

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut