Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2014/2015

O alumnado de 2º e 3º de ESO asiste a un concerto do grupo de percusión ODAIKO

Outro ano máis, a nosa profesora de Música Josefa levou o alumnado de 2º e 3º de ESO a un estupendo concerto do grupo de percusión ODAIKO, o 16 de aODAIKObril. Pero que ninguén pense que era o mesmo do ano pasado; era outro diferente pero igual de interesante.

O noso alumnado veu encantado e con ganas de volver o ano próximo.

Aproveitamos para dicirvos que xa están a preparar o concerto co que nos agasallarán o día 15 de maio, porque xa sabedes que este ano o 17 cadra en domingo. Tamén haberá algún recitado ou algunha teatralización. Unha vez máis a música e a palabra xunguidas.

 

 

 

23-26 de abril: "Redondela en curto"

Comeza a XI edición do Festival Nacional de Curtametraxes 2015 “Redondela en curto”.

Desde o IES Mendiño queremos animarvos para que acudades a esta nova edición deste magnífico festival, que se celebrará en Redondela entre os días 23 e 26 de abril. De verdade paga a pena ir, ver, pensar e disfrutar co visionado das curtametraxes finalistas e premiadas neste importante festival que leva con orgullo o nome de Redondela dentro e fóra do noso lugar. Podedes comprobar como hai xente que con poucos medios económicos é quen de facer grandes cousas.

Programación deste festival

 

 

O 10 de abril encontro con FRANCISCO CASTRO

É esta a segunda vez que o escritor Francisco Castro está no noso centro compartindo o seu tempo co alumnado de 1º de ESO que leu a súa novela Chamádeme Simbad. E é tamén esta a segunda vez que causa unha moi boa sensación no noso alumnado e no profesorado que asistiu ao encontro. Foi enxeñoso, simpático, familiar... na súa exposición. Soubo captar a atención dos nosos rapaces e rapazas; soubo escoitar atentamente o que lle preguntaron e soubo contestar atinadamente ás cuestións que lle presentaron.

Chamádeme Simbad é unha interesante e fermosa historia na que Francisco Castro nos achega a esa terrible enfermidade que é o alzheimer da man dun neno inocente, tenro, cariñoso e soñador. A realidade e a fantasía unidas nas mans dun neno e dun avó. E deixando o seu pouso triste unhas veces e divertido outras no pensamento e no corazón do noso alumnado de 1º de ESO.

Os noso agradecemento para Francisco Castro, de quen tamén recomendamos a novela que xa lemos O corazón da Branca de neve.

 

 

 

“A formación para o emprego: unha alternativa ao rematar a ESO”

A profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago Marga Valcárce, estivo no noso instituto, o 7 de abril, co alumnado de 4º de ESO para lles explicar as diferentes posibilidades educativas e laborais que o alumnado pode elixir ao final desta etapa educativa que é a ESO.

O noso agradecemento a esta profesora por compartir o seu tempo e a súa información co noso alumnado.

 

 

PEDRO FEIJOO co alumnado de 1º de Bacharelato

O escritor Pedro Feijoo mantivo, o 27 de marzo, un encontro co alumnado de 1º de Bacharelato, que leu a súa novela A memoria da choiva. Os nosos rapaces e rapazas, e tamén o profesorado, compartiu co autor diferentes cuestións sobre do seu libro, sobre do acto de escribir, sobre do gusto por contar historias... Pedro Feijoo soubo captar a atención do seu auditorio, soubo motivalo e foi quen de sementar en quen o escoitaba a curiosidade, a reflexión e, por veces, o riso. Sorprendeunos gratamente con esta novela que moitos de nós lemos gustosamente e agardamos ansiosos pola próxima, que parece ser está en proceso.

Xa que logo, o noso agradecemento por compartir con nós o seu tempo e a súa palabra e agardamos lelo e velo de novo no noso centro ben axiña.

 

 

ACROSPORT E BRILE NO NOSO PAVILLÓN

Parece que foi onte cando comezamos o curso e xa estamos na recta final. Non poden decaer os azos neste terceiro e último trimestre do curso, pois xa se albisca a meta final.
As exhibicións acrobáticas e o brilé fixeron as delicias de todos nós, que ficamos abraiados e abraiadas perante da destreza e habilidade de moitos dos nosos alumnos e alumnas. Podedes ver o vídeo e as fotos que dan fe de que o que dicimos é certo.
Aproveitamos para despedírmonos con pesar do profesor David e recibimos con ledicia ao noso profesor Roxelio.

 

 

 

CHARLA "NA PROCURA DUN CONSUMIDOR SOSTIBLE”

O catedrático da Facultade de Química Gumersindo Feijoo estivo no noso centro compartindo co alumnado de 2º de Bacharelato, o 16 de marzo, o seu saber e a súa concienciación a respecto da necesidade de consumir de xeito razoable; procurando na medida do posible respectar o medio ambiente e sendo conscientes da importancia que isto ten sobre nós e sobre xeracións futuras.
Queremos desde esta nosa páxina, e no nome do noso alumnado, felicitar ao profesor Feijoo pola súa claridade nas exposicións e polo ben que deu contactado cos rapaces e rapazas asistentes á charla.

 

 

CHARLA SOBRE ESTUDOS UNIVERSITARIOS NA USC

O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do noso centro participou nun encontro co profesor e investigador Celso Rodríguez Fernández, da Universidade de Santiago de Compostela, e coa nosa benquerida alumna Patricia Pereira Lores, que este curso comezou os seus estudos   na universidade compostelá.

 Foi un encontro ben interesante no que o noso alumnado recibiu información verbo da organización e funcionamento da Universidade compostelá e tivo a posibilidade de contactar directamente coa nosa prezada exalumna Patricia, quen lles contou a súa experiencia nesta nova etapa educativa. 

 
 

 

 

08 DE MARZO: DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Marzo é un mes que leva nome de Muller. Daquela, o alumnado de Relixión Católica de 3º de ESO púxose mans á obra e realizou un magnífico traballo sobre mulleres senlleiras e loitadoras en diferentes eidos para acadaren unha igualdade coa que a moitas persoas se lles enche a boca, pero logo están ben lonxe de faceren realidade na súa vida. A exposición que podedes admirar na cafetería recolle fotografías e biografías destas mulleres, organizadas de xeito que deu lugar a un concurso a realizar entre o alumnado “E ti quen vés sendo?” do que, en breve, daremos conta aquí dos gañadores ou gañadoras.

Preme na foto para velas todas.

 
















 

 

 

ENCONTRO COA ESCRITORA LEDICIA COSTAS

O alumnado de 3º de ESO participou, o 6 de marzo, activamente dun encontro coa escritora Ledicia Costa, autora da novela que leron neste segundo trimestre O corazón de Xúpiter. Nela tratouse o tema do acoso escolar e os problemas que pode carrexar exporse publicamente nas redes sociais.

Preme na foto para velas todas.

 

 

 

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut