Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2016/2017

Visita ao Campus de Santiago de Compostela

O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato visitou as diferentes facultades do Campus da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do programa ofrecido por esta Universidade (“A Ponte”) para tomar contacto co mundo universitario.

Pola mañá cada alumno visitou dúas facultades, segundo a súa elección, onde recibiron información sobre o seu funcionamento, graos que ofrecen, plan de estudos, instalación, etc.

Tras da comida, visitaron residencias universitarias e o patrimonio histórico da Universidade de Santiago (Pazo de Xelmírez, Pazo de Fonseca, tellados da catedral…)

 

 

 

Asistencia no cien Salesianos de Vigo á proxección da película “CIEN METROS"

Como todos os anos, o Departamento de Relixión desprazou a máis da metade do alumnado do noso centro (case douscentos alumnos e alumnas) para asistir, o 6 de frebeiro, á proxección dunha película dentro do ciclo de cine social que realiza Cáritas.

Nesta ocasión asistimos á proxección da película hispano-portuguesa “Cien metros”, que nos fixo vibrar, sentir e compartir os sentimentos do seu protagonista, un home novo ao que lle diagnostican esclerose múltiple. A historia do proceso e a súa aceptación emocionounos a todos e tamén nos fixo rir, e moito, polos toques de humor cos que se impregnou todo o argumento. Película moi recomendable para todos aqueles que queiran achegarse a un cine no que disfrutas, pásalo ben, pero tamén pensas.

En definitiva, un ano máis viñemos cheos de sensibilización perante dos problemas dos demais.

 

 

30 de xaneiro: Día da Paz

Un ano máis, o 30 de xaneiro, celebramos o Día da Paz.  Amais da entrega da tradicional chapa cunha imaxe alusiva ao tema que facemos a todos os membros da comunidade educativa, o Departamento de Música organizou o seu anual concertó, no que participaron os alumnos e alumnas desta materia.

Noraboa a todos e todas que partiparon na mesma porque deixaron un moi o sabor de boca, coma sempre. E noraboa á profesora, Josefa Osorio, que, coma sempre, deu mostra da súa admirable capacidade organizativa e da súa capacidade para sacar o mellor da expresividade musical do noso alumnado. As fotos e os vídeos así o demostran. Grazas.

 

 

4º de ESO, 1º e 2º de BACHARELATO van ao teatro

O luns 13 de xaneiro tivemos a sorte de podermos asistir, no edificio Multiusos do noso concello, a unha fantástica representación teatral de Os Quinquilláns, na que adaptaron diferentes cousas de Castelao. A través de distintos actos, achegámonos á sensibilidade deste insigne autor, á súa visión crítica, á retranca...; sentimos a esencia da sociedade galega, trasladámonos aos anos 20 do século pasado. Os Quinquilláns fixéronnos rir, pero tamén nos conmoveron con historias tristes que falan da emigración, das penurias económicas, da soidade...

Agardamos que se repitan actividades tan interesantes coma esta.

.

Actividades do Departamento de Ciencias no mes de xaneiro

O Departamento de Ciencias Naturais vén de celebrar no mes de xaneiro  dúas actividades. Unha delas foi o día 17: unha saída  a Coruña con alumnado de 1º de Bacharelato e 4º de ESO para visitar o Domus, o Muncyt  e SAI.

Destacaron o moi interesante e sorprendente que resultou ao Museo de Ciencia y Tecnología, recomendando a súa visita incluso a xente non demasiado relacionada co mundo científico.

Amais disto, o día 25 de xaneiro o periodista Emilio Varela veu dar unha charla sobre ciencia, volcáns e medioambiente que resultou sumamente para todo oalumnado asistente.

 

Belén artesanal

Velaquí tedes a proba do magnífico traballo do noso compañeiro de 4º de ESO, Sergio Núñez Montávez. Un artista chegado do sur que verque toda a súa inspiración neste belén artesanal que aquí vos amosamos. Magnífico traballo que queremos compartir convosco. Fantástico Sergio. Os nosos parabéns.

Preme na foto para velas todas.

 

 

.

 

 

4º de ESO visita a exposición conmemorativa do nacemento de Valle-Inclán

O venres 2 decembro o Departamento de Lingua Castelá organizou unha saída a Santiago de Compostela para o alumnado de 4º de ESO acompañado polas profesoras titoras Pilar Cornes e Catalina Míguez. Na praza do Obradoiro comprobamos que nos atopabamos nun museo ao aire libre e que nel cada edificio, aínda pertencendo a épocas ben afastadas entre si ao longo do tempo, acababa milagrosamente integrado grazas á maxia da pedra de Galicia.

Pero o obxectivo primordial da nosa visita era aprender máis sobre a figura de Ramón del Valle-Inclán. Por iso nos encamiñamos ao Colexio de Fonseca, pois un escritor ben ilustre merecía un lugar nobre como este fermoso pazo renacentista. A exposición arredor deste creador conmemora os 150 anos do seu nacemento e xira arredor de tres vertentes complementarias: a obra ilustrada de Valle-Inclán, as caricaturas das que foi protagonista ao longo de toda a súa vida e, por último, as traducións das súas obras en vida do autor. No percorrido da exposición contamos coa mellor guía posible, a profesora de Literatura Española na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, Margarita Santos Zas, que tamén exerce como Directora da Cátedra Valle-Inclán e do Grupo de Investigación Valle-Inclán. En fin, disfrutar das súas ricas explicacións e da súa sabedoría foi todo un luxo para nós. As nosas mochilas chegaron a Redondela cargadiñas de datos e con ganas de aprender aínda máis sobre o xenial escritor. Parabéns á profesora Santos Zas e aos demais membros do comisariado pola magnífica exposición! E parabéns ao alumnado de 4º de ESO por saber estar durante toda a viaxe!

.

Encontro co Celta

A tarde do  pasado 17 de novembro tivemos a visita do Director Xeral do Real Club Celta de Vigo, Antonio Chaves, e do xogador do primeiro equipo Gustavo Cabral. Viñan para falarnos dos beneficios dos hábitos de vida saudable, do deporte en xeral e do fútbol en particular.

A verdade é que a charla foi agradabilísima e moi amena, incluso para aqueles  non demasiado “futboleiros”.  Sorprendeunos a humildade e, ao tempo, o carisma de Cabral, que non dubidou en contestar a todas aquelas preguntas que se lle formularon, sen esquivar ninguna, incluso aquelas que facían referencia á súa vida familiar. E ensinounos o que o deporte supuxo na súa vida e o que esta podía ter sido de non ser constante na práctica do fútbol e de non ter contado co apoio total da súa familia.

Ambos os dous desmontáronnos moitos tópicos sobre o fútbol e os futbolistas, facéndonos ver a vida de sacrificio e esforzo que supón poder chegar ao máis alto, así como os sacrificios que implica manterse nese nivel. De xeito cercano e simpático, conseguiron crear un ambiente de cercanía e cordialidade que fixo que a charla, que ía durar uns 50 minutos acabase prolongándose ata unha hora e media. E tivemos que parar, porque seguirían xurdindo preguntas e máis preguntas por parte dun auditorio totalmente entregado.

Ao final, houbo regalo de entradas para os alumnos e alumnas que entregaron os mellores debuxos sobre o tema do encontro e Gustavo Cabral, con toda a paciencia do mundo, asinou autógrafos e compartiu fotos con todos aqueles que llo solicitaron.

En resumo, unha tarde sorprendente, que nos deixou un moi bo sabor de boca. Oxalá o Celta continúe en vindeiros cursos con este tipo de encontros, porque aquí nos ten para recibilos cos brazos abertos.

 

.

Contada na Biblioteca municipal

O día 7 de novembro de 2016, os alumnos e alumnas  de 1º de Bach. asistiron a unha sesión de contacontos. Actividade xurdida por iniciativa da Biblioteca Municipal de Redondela en colaboración da Biblioteca do noso centro. Oralidade no mes de novembro que non podería xirar máis ca sobre o tema do medo. Historias fiadas, aparentemente guiadas polo fluír espontáneo da conciencia; pero, no fondo, traballo rigoroso de posta en escena a cargo de Charo Pita; a actividade naceu da mesma inspiración que ditou ao ilustrador Edward Gorey as súas famosas ilustracións, expostas no multiusos municipal da Xunqueira, do 17 de outurbro ao 4 de decembro.
Compartimos espazo con membros de Aspavi, integración e oralidade da mesma man.

 

 

3º ESO vai ao teatro

O xoves, 17 de novembro, o alumnado de 3º de ESO puido disfrutar da representación teatral Get Back, en Pontevedra. Trátase dunha interesante obra escrita por Diego Ameixeiras a partir dunha idea orixinal de Camilo Franco, na que participan artistas tan coñecidos como Alfonso Agra, Tamara Canosa, Mercedes Castro, Miguel Guido e Federico Pérez.

 Carlota Fernández, Lucía Vilaboa e Natalia Crespo contábanlles aos compañeiros que non puideran acudir á representación, que a peza trataba fundamentalmente de que o futuro non se pode planificar. Explicaban que catro galegos e un inglés lles fixeran vivir unha intensa viaxe en metro polas rúas subterráneas de Londres. E que, en medio da ruta, o metro para por mor dun desgraciado incidente. Entre a ansiedade e a incertidume do momento, xorden as conversas; parece que os personaxes se desprezan, se odian, pero aos poucos vanse coñecendo, entendendo e xustificando. O seu presente explícase polo seu pasado, ao que todos dun xeito ou outro, volven.

Contaban estas alumnas que, á saída, todo o alumnado comentaba que a obra lles causara unha moi boa impresión; que a historia producira empatía entre eles. E que desexaban repetir a experiencia.

 

.

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut