Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2015/2016

As Letras Galegas no Mendiño

O venres día 13 de maio celebramos o Día das nosas Letras cun recital poético-musical no que participou absolutamente todo o alumnado do centro. Manuel María foi o centro en torno ao cal xirou toda a actividade: os seus versos na boca dos nosos rapaces e rapazas, e non só en galego senón tamén en inglés e francés (agradecemos ás profesoras dos departamentos de Linguas a súa colaboración).

Coma sempre, as nosas profesoras Catalina e Josefa encheron o acto de emotividade; a primeira coa espectacular posta en escena dos poemas recitados e a segunda co seu magnífico bo facer no plano musical,  conseguindo que o acto rematase co coro Mendiño (todo o alumnado de Música do instituto, que non é pouco) cantando “Ergamos a esperanza”, canción coa que nos puxo verdadeiramente os sentimentos a flor de pel.

Asemade, durante toda a semana, a nosa cafetaría (un dos espazos culturais máis activos do centro, grazas á axuda de Fon) acolle unha fermosa exposición con debuxos e fotografías da flora da contorna do noso instituto, realizada polos nosos rapaces e rapazas, que se acompaña dunha selección de versos de Manuel María relacionados con este tema, xunto con outros que o propio alumnado escribiu, vencellados tamén a plantas, arbustos, herbas... que temos nos nosos arredores. Para isto, agradecemos tamén moitísimo a colaboración do profesor de Educación Plástica Iñaki e da profesora de Ciencias Naturais, Mila.

Unha vez máis o noso orgullo e agradecemento por contarmos con xente coma esta que colabora desinteresadamente e consegue implicar ao cen por cento o alumnado.

 Preme na foto para velas todas

 

 

 

 

 

OUR TRIP TO LONDON

It was such an incredible experience. It was not the first time I had been abroad but it was the first one I’ve felt entirely inside another country: walking around its streets, travelling along London’s heart on the tube, being one of the thousands of people from different cultures who have something in common: loving London and being willing to discover it.

 The place was amazing, breath-taking, and completely indescribable. I loved the fact that you had something to see in each and every corner: all the important places are together! You  just go out of the London Eye, turn round the corner and suddenly you are face to face with the Big Ben.

And, another thing I really loved was that they care about their culture and they try to maintain it. For example, something that shocked me was that you needn’t pay to enter a public museum (which, on the other hand, is how it should be everywhere else) but they had an urn to make donations and it was full of money.

I would repeat this experience without any doubt. I’ve loved London and I’ve loved going with my classmates, so thanks everybody who has made this experience possible to offer us this great opportunity.

Mariana Cabaleiro Lago. 1º BACH A

Foi unha experiencia incrible. Non era a primeira ocasión que viaxaba ao estranxeiro, pero si que foi a primeira vez que me sentín completamente dentro doutro país: camiñando polas súas rúas, atravesando as entrañas de Londres grazas ao metro, sendo unha máis das miles de persoas de diferentes culturas cunha cousa en común: adorar Londres e estar dispostos a descubrilo.

O lugar era impresionante, deixábate literalmente sen respiración… sinxelamente indescritible. Encantoume o feito de ter algo que ver en cada esquina: todos os sitios importantes están xuntos: acabas de saír do London Eye, xiras á esquina e xa te atopas cara a cara co Big Ben.

Outra cousa que me gustou moito foi o moito que se preocupan pola súa cultura e por intentar mantela. Por exemplo, impactoume que non tivemos que pagar para entrar a calquera museo público (o que, en realidade tería que ser o normal en calquera sitio). No seu lugar, tiñan unha urna para facer doazóns. E estaba chea.

Repetiría esta experiencia sen dúbida ningunha. Encantoume Londres e ter ido cos meus compañeiros de clase, así que agradezo a cada unha das persoas que fixeron isto posible que nos ofreceran semellante oportunidade.

Mariana Cabaleiro Lago 1º BACH A

 

 

Preme na fotos para velas todas

 

 

.

Maios 2016

E OUTRO ANO MÁIS CANTAMOS O MAIO NO MENDIÑO
“Aí vén o maio
de flores cuberto...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos...”

E efectivamente, rapaces e rapazas do Mendiño fixeron e cantaron o maio. Foi divertido andar polos camiños collendo fiuncho, pampullos, calas... Foi divertido darlle forma ao maio nas aulas ou na cafetaría do instituto. Foi divertido crear coplas. E foi divertido cantalas na porta da entrada ao centro. Porque as nosas tradicións, amais de falaren de nós, tamén son divertidas. E o alumnado do noso centro non podía, nin quería, nesta primavera cuberta de ledas cores, deixar de cantar o Maio.

 

 

 

Preme na foto para velas todas:

 

 

26 de abril: A actriz e escritora Paula Carballeira co noso alumnado de 3º de ESO

Foi estupendo para os nosos rapaces e rapazas de 3º de ESO poder asistir a unha contada con Paula Carballeira. Achegámonos á literatura a través da oralidade: historias que provocan arrepíos e que teñen como tema central a morte, esa morte que chega ás veces de xeito estraño, inexplicable, sen sentido... e da que moitos soubemos, sobre todo a través dos contos e lendas que os nosos maiores nos relataban.

Os noso parabéns á artista porque foi quen de captar a atención continuada de todo o público asistente ao acto e soubo transmitir, de xeito magnífico, a emoción, o desasosego, o susto e mesmo o riso a través das historias que nos contou. Foi un auténtico pracer vela e escoitala!

Os nosos parabéns tamén para o Servizo de Normalización Lingüística do noso concello por ofrecérmonos a posiblidade de asistir a esta estupenda contada e, asemade, para o Equipo de Dinamización lingüística do noso instituto, capitaneado pola profesora de Lingua Galega, Pilar.

Agardamos impacientes podermos gozar de novo con actividades deste tipo.

.

23 de abril: DÍA DO LIBRO

Malia cadrar en sábado, no noso centro tamén celebramos o “Día do libro”. (Que por libros non sexa!) Rapaces de 4º de ESO, capitaneados polo seu profesor de Educación Plástica, Iñaki, pintaron unha fermosa árbore sobre papel, árbore que medraba na nosa cafetaría e á que lle ían agromando follas consonte os rapaces e rapazas de 1º de ESO se achegaban a ela: de cada un deles nacía unha folla que levaba escrito o título do libro que máis os impresionara, o nome do seu autor ou autora e as razóns polas que lles gustara. Amais diso, Adrián, Ainoa, Antía, Enma, Fátima, Laura, Lucas, Pedro, Quique e Martín, dirixidos pola profesora de Lingua Castelá Catalina, agasallaron os seus compañeiros de ESO indo ás súas clases para lerlles fermosos poemas de autores como Dulce Mª Loinaz, Luis García Montero, Miguel Hernández e Manuel María, poeta homenaxeado este ano no “Día das Letras Galegas”.

 

Preme na foto

 

 

.

 

 

 

"Pigmalion" achégaser ao alumnado da ESO

O pasado xoves, 7 de abril, o alumnado de 3º de ESO e algúns rapaces e rapazas de 4ª do noso centro foron a Vigo, en concreto, aos “Salesianos” a ver unha representación en inglés da obra Pigmalyon.

 Contan os rapaces e rapazas que esta actividade, organizada polo Departamento de Inglés, resultou moi interesante. Recollemos a opinión de Claudia Kaulbak Amoedo de 3º de ESO quen nos explicou que  a obra trataba dunha moza vendedora de flores que traballaba na rúa, inda que o que quería  era triunfar no mundo da música cantando, pero non contaba con recursos. Un día, por casualidade, atopouse con dous profesores de canto aos que, despois de moito insistirlles, os convenceu para que a axudasen. Namorouse dun deles. Triunfou na música pero non no amor, pois o namorado tratábaa moi mal. Como non estaba contenta a pesar do éxito e da fama, colleu as súas cousas e marchou a procurar a vida por ela mesma.

 Cóntanos entusiasmada Claudia que a obra foi moi entretida, malia haber algúns momentos nos que atopou pequenas dificultades de comprensión(a representación fíxose en inglés, loxicamente). Con todo, insiste en que riron moito con escenas cómicas, como por exemplo cando unha das actrices interactou co público. Comenta que todo o alumnado saíu moi contento, pois a obra gustoulles máis do que, nun principio, crían lles ía gustar; e ademais estaban moi satisfeitos porque descubriron con satisfacción que eran quén de entender unha obra nun idioma alleo para eles como é o inglés.

   
   

 

.

Charla do PROGRAMA KTORCE-18

O xoves 17 de marzo celebrouse unha charla do PROGRAMA KTORCE-18 (da Fundación Barrié e a Asociación ARELA) para todo o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO.  Pretendíase con ela  unha prevención de posibles condutas infratoras moi comúns na adolescencia, como o acoso escolar, o mal uso das redes sociais, o maltrato familiar…, facendo fincapé nas consecuencias legais que eses actos traen consigo.

De forma moi ilustrativa, e botando man de casos reais cos que tratan nesa asociación, explicouse como actos que moitos menores realizan, ben a través de internet, ben utilizando o móbil, ou nas relación que a diario manteñen nas aulas ou na rúa cos seus compañeiros e compañeiras, poden acabar constituíndo un delito. E tamén se lles explicou cales son as consecuencias, tanto para o que o comete (internamento en centro aberto ou pechado de menores, tratamento en centros especializados, indemnizacións económicas…) como para quen o sofre (illamento, depresión, marxinación,  ansiedade…).

O encontro, como sempre, contou con momentos de intercambio de opinións e preguntas sobre determinadas cuestión que foron aclaradas pola persoa que daba a charla. Cremos que todos saímos con algo novo aprendido e coa conciencia clara de que cousas que ás veces facemos pensando que non van máis alá si que teñen un risco que todos e todas debemos coñecer  e sopesar.

 

 

Visita a Casa museo Rosalía de Castro e a Fundación Camilo José Cela

O mércores 16 de marzo, o alumnado de 3º de ESO e o alumnado do Obradoiro de Expresión Oral e Escrita de 4º de ESO, acompañados polas profesoras Dolores Míguez Montes, Rosa González Carballás e Catalina Míguez Vilas viaxou a Iria Flavia (Padrón) para coñecer a Casa na que a nosa poeta Rosalía de Castro pasou os seus últimos días. Un percorrido guiado polas diferentes estancias da casa, unha aproximación a certos documentos escritos e fotografías sobre da vida e obra da autora, acompañados do son musicado dalgún dos seus poemas e un paseo pausado no xardín foi a primeira parte da visita a Padrón.

A segunda parte consistiu en ver a Fundación Camilo José Cela, onde puideron comprobar, con abraio,  a inmensa e importantísima obra literaria deste autor. Comprobaron, con asombro, que algunha das súas obras estaba traducida a máis de corenta idiomas diferentes. Viron divertidos coleccións de diferentes obxectos: caricaturas, recortes de prensa sobre da súa obra, cadros, algunha ben simpática como a de penicos, etc.  Todo isto, amais dunha interesantísima e moi amena explicación por parte dos guías do Museo, serviulle aos nosos rapaces e rapazas para coñecere un pouco máis o autor padronense.

Preme na foto para velas todas

  

 

 

 

Charla a cargo de Ana Isabel Broullón: “Por que nos chamamos así? Os apelidos galegos”.

Dentro do ciclo de charlas de profesorado da USC que o Instituto programou para este curso, celebrouse o luns, día 14 de marzo, un encontro coa Doutora de Filoloxía Galega Ana Isabel Broullón Agrelo, quen lles falou aos alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato sobre “Por que nos chamamos así? Os apelidos galegos”.

Ana Isabel Broullón, investigadora centrada na onomástica e lexicografía medieval, comezou facendo un percorrido pola orixe e evolución do sistema patronímico galego, dende a época castrexa ata a actualidade, e pasou logo a centrarse na orixe da formación dos apelidos actuais. Sen dúbida, a parte máis atractiva para todos nós foi a última, na que analizou a orixe e significado dos apelidos máis típicos da zona redondelá.

A charla rematou, coma sempre, cun coloquio no que o alumnado expuxo as súas dúbidas e formulou preguntas ao respecto, que foron contestadas pola conferenciante.

 

Charla a cargo de Maruxa Álvarez: ”Cal ti es, así me dis. Idiosincrasia e universalidade na fraseoloxía galega”

O luns 7 de marzo o alumnado de 2º de Bacharelato asistiu a unha charla sobre fraseoloxía galega impartida pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Maruxa Álvarez de la Granja. A relatora é Doutora do Departamento de Filoloxía Galega de dita Universidade e membro do Consello Científico do Instituto da Lingua Galega, e experta en lexicografía e semántica.

Na súa charla, titulada ”Cal ti es, así me dis. Idiosincrasia e universalidade na fraseoloxía galega”, Maruxa manexou frases, expresións e usos lingüísticos do noso idioma a través dos cales se pode ver o concepto e visión da vida e do mundo que temos os galegos.

O encontro resultou sumamente interesante e rematou cun coloquio entre o alumnado e mais ela, no que lle presentaron cuestións e dúbidas que foron aclaradas respecto do tema tratado.

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut